Calendario un chisco "comprimido" para ter un nome sobre a mesa a vindeira semana. É o roteiro co que traballa a coordinadora provisional de En Marea que, dende a asemblea do pasado sábado, ten encomendada a organización do dispositivo electoral da formación. A primeira xuntanza ordinaria deste órgano, celebrara como se prevera na tarde deste luns pero, obviamente, condicionada polo adianto electoral, bosquexou un calendario que pasa por convocar formalmente o proceso de primarias "esta mesma semana", polo que a comezos da próxima xa terían que ser público, cando menos, o nome ou nomes de quen opten á candidatura pola Presidencia da Xunta.
"É unha mágoa que a política galega se teña que subordinar a cuestións externas e non poida contar cun calendario propio, pero el saberá. Nós, dende o sábado, estamos preparadas", asegurou en declaracións á prensa o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que xunto ao rexedor de Santiago, Martiño Noriega, participou nesta primeira xuntanza. Nesta liña, a coordinadora e a "xunta electoral" elixida tamén na asemblea do pasado sábado prevén pechar este mércores o calendario das primarias. Segundo o regulamento aprobado, indican celebraranse dúas votacións: unha para a candidatura á Presidencia, con Galicia como circunscrición única e outra a nivel provincial para, con "listas abertas e paritarias", definir o resto das candidaturas ao Parlamento.
As primarias serán convocadas esta semana e a continuación coñecerase quen opta á candidatura á Presidencia
No que atinxe a quen aspire por este espazo a encabezar o Goberno galego dende o vindeiro outono, a aposta dos alcaldes veu sendo nas últimas semanas a dunha "candidatura de consenso" que poida xerar adhesións tanto nas mareas municipais como nas forzas políticas agora integradas en En Marea. Fontes consultadas ao respecto coinciden en sinalar o maxistrado Luís Villares como o perfil que máis apoios podería "aglutinar", se ben tanto os rexedores como os dirixentes dos partidos optan, polo momento, por non pronunciarse en público ao respecto dunha incógnita que, en todo caso, deixará de ser tal en poucos días.
Alén do proceso de primarias, informa En Marea, a primeira xuntanza da coordinadora provisional serviu tamén para "poñer en marcha o equipo de traballo responsable da redacción do programa". Foron, asemade, "designdas as persoas que se encargarán de impulsar a campaña electoral".
Podemos remata este martes a súa consulta
Todo este proceso, admiten as fontes consultadas, ten a ollada posta na votación interna que Podemos Galicia desenvolve dende a pasada semana e ata a media noite deste martes sobre a fórmula de concorrenica nas eleccións galegas, isto é, en solitario ou confluíndo na Marea. Tanto na dirección que encabeza a secretaria xeral, Carmen Santos, como entre o sector que no Consello Cidadán Galego ten a deputada Ángela Rodríguez como unha das súas cabezas visibles cunde a sensación de que a opción preferida pola militancia será a da confluencia, defendida pola propia Santos, quen participou na asemblea de En Marea da pasada fin de semana malia á distancia oficial a respecto do conclave.
Carmen Santos aposta por unha coalición coas mareas, se ben subliña que "respectará" se a militancia decide concorrer "en solitario"
No que atinxe á fórmula concreta da confluencia, caso de ser aprobada pola militancia, Santos veu manifestando nas últimas semanas a súa preferencia por unha coalición e non pola integración no partido instrumental defendido na asemblea de En Marea porque, ao seu xuízo, esa vía implicaría que Podemos Galicia teña que "diluírse". Se a opción gañadora na consulta é a presentación "en solitario" esta será "respectada" pola dirección, asegura.
Ángela Rodríguez: "Confío na intelixencia colectiva, as mareas son o camiño"
A confluencia, mesmo con independencia da fórmula xurídica, foi defendida con intensidade nas últimas horas da consulta por Ángela Rodríguez, a cuxo xuízo a "responsabilidade" recomenda seguir "compartindo roteiro político" dentro das mareas, que "son o camiño". "En Galicia ten que haber un suxeito político que teña autonomía e Podemos ten que estar aí", subliña. "Eu confío na intelixencia colectiva e no sentido común, e xuntas somos máis e mellores", ilustra, dende o convencemento de que a integración na marea non supón "que Podemos se dilúa", senón que camiñe "cara a un partido-movemento" e non "cara a un partido do século pasado o do anterior". "Eu estou a prol da unidade popular e defendo que quen participamos en Podemos o fagamos activamente nas mareas", di, mentres asegura "confiar" en que a confluencia sexa a opción gañadora na consulta.