Leiceaga dise listo para liderar o goberno e o PP acúsao de querer que medre o paro

Leiceaga cos ex-presidentes Laxe e Touriño Dominio Público PSdeG

A convocatoria este luns das eleccións autonómicas para o 25 de setembro vén sucedida este martes duns datos de emprego que din que o paro rexistrado baixou en xullo en preto de 12.000 persoas, unhas 21.000 menos que hai un ano. As cifras, nas que ten que ver a campaña de verán, foron presentadas polo PP como exemplo da recuperación económica. Porén, o candidato socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, alerta de que en outono a economía irá peor, ao que o PP retruca que a oposición só quere que a economía galega vaia mal por interese partidista.

Segundo o candidato socialista, na convocatoria este luns das eleccións por parte de Feijóo non hai a “responsabilidade” que o presidente dixo querer senón “seguidismo e intereses partidistas para evitar o xuízo da Gürtel [comeza o 4 de outubro] e o efecto do ciclo económico do outono”. Leiceaga di que Feijóo “está en retirada, xa nos di que non está disposto a liderar a oposición” e “está buscando socios para despois das eleccións, está dicindo a todos que no seu horizonte está perder a maioría absoluta”. Nesa conxuntura, o socialista dise preparado para “liderar a alternativa progresista ao PP” e fai un “chamamento ao electorado progresista para recuperar Galicia dende nós mesmos, dende a sensibilidade da socialdemocracia, dende os valores que caracterizan o PSdeG”.

O candidato socialista cre que Feijóo puxo as eleccións o 25 de setembro para adiantarse ao xuízo da Gürtel e o empeoramento económico do outono

Nesa situación, Leiceaga ábrese a pactos co resto de partidos da oposición. “Todos coñecen a miña disposición ao diálogo; se o PP e Feijóo perden a maioría haberá que establecer un diálogo con quen obteñan representación parlamentaria”, di, e asegura que durante a campaña fará fincapé en explicar á cidadanía “tres prioridades que poden ser compartidas máis alá de quen se declaran socialistas ou apoian o PSOE: restauración dos servizos públicos, do emprego e o afondamento na autonomía de Galicia”. “Queremos recuperar unha política de país, facer unha Galicia de talla grande en termos de promoción do territorio, de defensa da súa identidade” co “restablecemento da súa posición nunha España que se está redefinindo”.

“A oposición recibiu dúas malas noticias estes días: a data da convocatoria electoral e os datos do paro”, di Tellado

Pola contra, desde o PP galego o seu secretario xeral, Miguel Tellado, asegura que Feijóo “pode encabezar un goberno máis eficaz do que poden conformar Podemos, os nacionalistas e o 50% do PSOE”, en referencia ás liortas internas dos socialistas. E a continuación o popular salientou que Galicia carece de problemas como as “derivas secesionistas”, os gobernos divididos ou as taxas de déficit e paro superiores á media estatal que existen noutras comunidades. Nesa liña, Tellado salientou que os datos do paro coñecidos este martes constitúen unha “boa noticia” para Galicia pero unha “mala noticia” para a oposición. Segundo dixo, “a oposición recibiu dúas malas noticias estes días: a data da convocatoria electoral e os datos do paro”.

Leiceaga cos ex-presidentes Laxe e Touriño Dominio Público PSdeG
Miguel Tellado, en rolda de prensa Dominio Público PP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.