Feijóo concentrou na Coruña e Pontevedra as inauguracións previas á prohibición polas eleccións

Inauguracións de Feijóo previas á súa prohibición pola convocatoria electoral CC-BY-SA Praza Pública

O decreto co que na tarde do pasado luns Feijóo fixou a data das eleccións autonómicas para o 25 de setembro leva implícita a prohibición de que, desde ese mesmo momento, calquera administración pública poida facer en Galicia inauguracións ou propaganda dos seus logros. Unha análise da axenda do presidente nas dúas semanas previas á entrada en vigor de dita prohibición permite comprobar como a Xunta concentrou nelas actos propagandísticos sobre os principais retos do Goberno galego nas cidades da Galicia atlántica, onde máis escanos se disputan e máis periga o dominio do PP fronte ás forzas da esquerda. Naval en Ferrol, servizos socio-sanitarios na Coruña, Santiago e Pontevedra, área metropolitana en Vigo ou infraestruturas na Costa da Morte, viviron así xa as súas inauguracións xusto antes de quedar prohibidas.

Naval en Ferrol, servizos socio-sanitarios na Coruña, Santiago e Pontevedra, área metropolitana en Vigo ou infraestruturas na Costa da Morte foron obxecto de actos propagandísticos previos á prohibición

A axenda institucional de Feijóo das dúas semanas previas á convocatoria electoral e a prohibición de actos propagandísticos estivo condicionada por dous feitos que limitaron a súa capacidade de manobra: os actos institucionais dos días 24 e 25 de xullo, nos que o presidente ten en calquera caso un notable protagonismo, e a morte do seu pai na tarde do luns 18, seguida de dous días sen axenda pública. Descontando eses días, o mesmo luns 18 Feijóo comezou a xornada entregando en persoa títulos de propiedade aos veciños de Santiso beneficiados dunha concentración parcelaria, antes de desprazarse a Santiago para inaugurar o Centro de Saúde da rúa Galeras. O xoves 21 asistiu nas instalacións de Navantia en Fene á entrega a Iberdrola de estruturas para un parque eólico mariño, e o venres 22 inaugurou en Cenlle unha adega na que lembrou as medidas da Xunta de apoio ao rural.

A Coruña e Pontevedra son as provincias con máis escanos e onde máis periga o dominio do PP fronte ás forzas de esquerda

A última semana previa á prohibición de actos propagandísticos iniciouna Feijóo asinando co alcalde de Pontevedra o convenio co que a Xunta ampliará o Hospital Montecelo. Ese mesmo día visitou as obras da nova sede xudicial da Coruña e anunciou que estará rematada en outubro. Ao día seguinte, nun feito sen precedentes, Feijóo asinou en Vigo a promulgación da lei de reforma da Área Metropolitana aprobada polo Parlamento. Logo da celebración o xoves do Consello da Xunta semanal, no que anunciou viaxes gratis nos buses para os menores de idade e unha nova liña de financiamento para o sector lácteo, o venres Feijóo inaugurou, tras oito anos de obras e varias polémicas, a Autovía da Costa da Morte. A súa xeira de inauguracións rematou o luns, poucas horas antes de prohibilas por decreto, coa visita ás obras finais da escola infantil de Sardiñeira, na Coruña, e do centro de saúde de Vilarrodís, en Arteixo, nas que anunciou que ambas as dúas estarán rematadas en setembro e fixo repaso dos investimentos socio-sanitarios na contorna da Coruña.

Ademais destes actos de Feijóo, os conselleiros levan un tempo prodigándose en visitas de carácter local, asinando convenios das súas respectivas áreas con múltiples concellos ou reuníndose por toda Galicia con colectivos de todo tipo. E, xunto con esas actividades, a Xunta vén publicando en diversos medios de comunicación anuncios sobre rebaixas de impostos aprobadas recentemente que presenta como informacións de servizo público para os cidadáns ante as supostas dúbidas que estes teñen.

Boa parte destes actos comezarán a desaparecer da axenda pública do Goberno galego, pero non todos. A Xunta Electoral só intervén para prohibilos de xeito preventivo ou sancionalos con posterioridade se recibe unha denuncia expresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.