Villares formaliza a súa candidatura na Marea para "inverter a tendencia dos malos xestores"

Villares, na súa comparecencia deste venres en Santiago CC-BY-SA En Marea

Unha decisión que "non ten volta atrás" e "á marxe das vicisitudes da confluencia", isto é, da integración ou non de Podemos no seo de En Marea. O ata este xoves maxistrado do TSXG Luís Villares vén de formalizar a sua candidatura ás primarias á candidatura á Presidencia da Xunta por En Marea. Faino, di, para tentar dar "un paso máis" na defensa dos "intereses xerais" tras observar dende os tribunais e dende a "escola ética" de Xuíces para a Democracia que "os poderes públicos" non aproveitaron as "capacidades do país" para abordar as consecuencias da crise. Por iso, asegura, proponse "inverter a tendencia dos malos xestores", en referencia ao actual Goberno da Xunta, e agarda contar para isto coa "confianza" dunha "marea galega" na que "o natural" é que estea Podemos, afirma.

Tras semanas nas que o seu nome ocupou boa parte das cábalas na contorna da confluencia Villares asegura que os seus "pasos" no seo deste espazo político comezan agora. "Ata agora", di, observárao dende fóra como un "proxecto plural, confluente, que suma vontades e ilusión" e por iso aposta por ser, como candidato á Presidencia, un "axente máis" nun "proxecto nacional" que, asegura, vai chegar ao 25-S "preparado para cambiar" o "traballo" dun Goberno galego que, dende o seu punto de vista, non vén cumprindo "a súa función de servir" e contribuír á "redistribución de oportunidades e da riqueza" alén das "subvencións", resalta.

O ata agora maxistrado do TSXG inicia a recollida de avais para unha candidatura que, di, "non ten volta atrás" á "marxe das vicisitudes da confluencia"

Cuestionado polos "valores" que a súa candidatura pode achegar á formación posta en marcha na asemblea da pasada semana Villares apela á "honestidade", "honradez" e á defensa da "liberdade". Concretaranse, avanza, en "non prometer cousas que non se poidan cumprir". Os "eixos" do programa no que, subliña, xa está a traballar o "equipo" de En Marea, pasarán pola "defensa dos dereitos sociais da maioría" e do autogoberno, tanto a través da "reclamación de espazos competenciais" para Galicia como pola reorientación "dos que se desenvolveron, pero de forma nefasta para os intereses galegos". Unha candidatura como a súa debe comezar por explicar, resalta, que os recursos económicos da Xunta son "escasos".

Villares coida que o "espazo natural" de Podemos é a integración en En Marea

Neste escenario Villares avanza o inicio dunha rolda de contactos locais para xuntar avais que lle permitan participar nun proceso de "tempos axustados" que "obriga a non perder o tempo". Di "respectar", no entanto, os "tempos internos" de Podemos Galicia, cuxo "ámbito natural" cre que debera ser "a confluencia". Non en van, o "único fracaso" que cabe albiscar é o de "non artellar unha alternativa para derrotar o PP" dun Alberto Núñez Feijóo ao que lle lembra que "os xuíces somos cidadáns e temos dereitos civís e políticos". Despois de que o actual presidente cuestionase o seu paso dos tribunais á política Villares lémbralle que, alén de que seguiu os cauces previstos na lei, "non é a primeira vez que se produce" unha circunstancia coma esta. Non en van, subliña, o actual presidente do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial, Carlos Lesmes, ostentou altos cargos no Goberno de José María Aznar.

Así as cousas e coa decisión de Podemos Galicia como principal interrogante o agora pre-candidato abre ademais a porta ao entendemento postelectoral co PSdeG de Xoaquín Fernández Leiceaga, achegamento que "é posible, desexable e necesario". As forzas de esquerda, resalta, deben deixar claro "dende o principio" que están dispostas a "entenderse" para "desprazar os malos xestores do PP", conclúe.

Villares, na súa comparecencia deste venres en Santiago CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.