“Participou na oposición antifranquista no seo dun grupo trotskista entre 1972 e 1977”, di a biografía que acompaña os artigos que Cristina Losada (Vigo, 1954) escribe en Libertad Digital desde 2002. Algo máis adiante salienta que participou no libro Por qué dejé de ser de izquierdas (Ciudadela libros, 2008). A súa traxectoria entre ambos momentos vitais, logo de estudar o bacharelato en Vigo e Ciencias Políticas e Socioloxía na Complutense, relátaa a propia autora, agora candidata oficialista de Ciudadanos á presidencia da Xunta, neses textos que se arquivan baixo a súa foto. Un repaso deles parando nos principais fitos da última década e media permite facerse unha idea do perfil político elixido pola formación laranxa para tentar acadar un escano no Parlamento de Galicia.
A candidata oficialista de Ciudadanos á Xunta criticaba tras o Prestige o “arraigo en Galicia dunha cultura da subvención, da que xurde unha actitude basicamente pasiva e ruidosamente queixosa”
Segundo a propia Losada, a mediados dos 80 sufriu un desengano sobre o rumbo que estaba a tomar a recuperada democracia e decidiu deixar temporalmente o seu traballo como xornalista para emprender unha viaxe. “As miñas crenzas políticas fixéranse unha confusa bola de cinzas unha vez sometidas ao lume da realidade”, di. Un cambio que xa non tivo volta atrás, segundo ela mesma relata, tras os atentados do 11-S en Estados Unidos, cando di darse conta, a raíz da reacción da esquerda logo dos ataques, de que “a familia política á que un pertence volveuse tola ou, como parece máis probable, xa o estaba e un non se dera conta”. Tres anos despois, en 2004, o mesmo día dos atentados do 11-M en Madrid, Losada escribe un artigo no que culpa a ETA dos mesmos. “Algúns o advertiran: ETA ía derivar cara as tácticas dos terroristas islámicos e podiamos ser testemuñas, como o fomos, da maior e máis vil carnicería”, di. Unha tese, a da responsabilidade do terrorismo vasco no 11-M, que seguiu a manter anos despois defendendo a grupos como Peones Negros que “reclaman a verdade sobre o 11-M”.
A chegada de Zapatero ao Goberno e as súas políticas de recuperación da memoria lévana entón a acudir ao eloxio de personaxes como Pío Moa e a criticar que “o desenterro de parte dos mortos, presentándoos como únicas vítimas, a tendencia a resucitar a división en bandos irredutibles, todo iso, en fin, que forma parte hoxe da estratexia da esquerda é material potencialmente explosivo”. Unha esquerda á que se refire de xeito habitual como “o conglomerado político-mediático que chamamos, para abreviar, esquerda”.
Losada atribuíu o 11-M a ETA, eloxiou a Pío Moa, minimizou os exabruptos de Fraga e a amizade de Feijóo con Dorado e cargou contra o bipartito e o "pallaso" Beiras
Boa parte dos artigos de Losada céntranse na axenda política estatal, pero tamén hai neles espazo para Galicia. O afundimento do Prestige en 2002 é para ela un exemplo de boa xestión dos gobernos populares que pola contra perderon a batalla comunicativa fronte á esquerda e o nacionalismo. Foi unha catástrofe que lle permitiu á xornalista criticar aos mariñeiros galegos que ficaban nos bares en lugar de limpar as costas como os voluntarios, algo que atribuía ao “arraigo en Galicia dunha cultura da subvención, da que xurde unha actitude basicamente pasiva e ruidosamente queixosa”.
Dous anos e medio despois, en medio de alertas sobre o que suporía a chegada do bipartito en 2005, Losada lamentábase de que “as flores de invernadoiro da corrección política asústanse das inconveniencias verbais de Fraga” naquela campaña na que o veterano político aseguraba, entre outros exabruptos, que el pensaba morrer sen usar condón. Uns anos despois, en abril de 2013, Beiras era presentado como un “pallaso” por golpear o escano de Feijóo nunha sesión parlamentaria. Nada dicía nese artigo Losada de que naquela sesión se lle botaba en cara a Feijóo a súa amizade co narcotraficante Marcial Dorado, que viña de saír á luz un mes antes a través dunhas fotos publicadas por El País. Aquel fito si merecera un artigo inmediato da agora candidata oficialista de Ciudadanos para criticar as fontes empregadas polo diario para falar da amizade entre Feijóo e Dorado. Segundo Losada, Feijóo só cometera un “erro de xuízo” ao xuntarse co Dorado traficante de tabaco xa que naquela época “era fácil, en Galicia, coñecer a un contrabandista de aqueles”.
Participou no libro Por qué dejé de ser de izquirdas e escribiu outro sobre o doutor Montes e "a eutanasia que promove o PSOE"
Durante o bipartito, nos artigos de Losada eran habituais as loas a Galicia Bilingüe e a súa loita por evitar a “imposición” do galego e a “desaparición” do castelán. Unha imposición que Losada atribuía ao nacionalismo, en particular ao BNG, que lograra contaxiar ao resto de formacións. “O espazo político do ultradereitista Le Pen ocúpano aquí os secesionistas e os seus clons”, dicía. Era na época na que Losada escribía Morfina Roja, Toda la verdad sobre el caso del doctor Montes, las sedaciones terminales y la eutanasia que promueve el PSOE (Libros libres, 2008).
“Baixo o Goberno PSdeG-BNG, instalado en 2005, avánzase aceleradamente cara a erradicación do idioma español das aulas galegas, así como de outros sectores nos que aínda non se obrigou á xente a renunciar á súa liberdade e o seu dereito de elección”, dicía Losada, unha deriva da que mesmo culpaba á “era de Fraga”, na que “puideron os mitos nacionalistas, así como a desafección e o odio a España e o español, propagarse e conquistar espazos de poder en sectores clave como o mundo académico, a universidade, o ensino e os medios de comunicación”.
Segundo os seus últimos artigos, “Ciudadanos representa unha ameaza para ese consenso identitario, ese consenso para suliñar as diferenzas, polo feito diferencial, que une a todos os demais partidos galegos”. Segundo aventuraba con pesimismo a que está a piques de ser a súa candidata, “Ciudadanos é alleo a ese consenso e por iso se lle castigará”. Agora Losada deberá enfrontarse, nas primarias que se celebran estes martes e mércores, a outro aspirante a candidato, Juan Ferreiro, que conta co apoio da agrupación coruñesa de Ciudadanos pero non co da súa dirección estatal, como a xornalista.