Non é correcto empregalo para tirar conclusións sobre o volume da emigración galega ao exterior e dende hai media década apenas ten influencia nos resultados electorais. Pero o seu crecemento amosa ás claras ata que punto podería volver ser determinante no caso de que se chegue a aplicar unha contrarreforma que devolva o coñecido como "voto emigrante", o das persoas inscritas no censo de residentes ausentes (CERA) ao descontrol previo ao ano 2011. Nas eleccións do 25 de setembro inclúense neste rexistro case 50.000 persoas máis que nas de outubro de 2012.
Dende que se impuxo a obriga de solicitar formalmente o sufraxio para participar nos procesos electorais dende o estranxeiro -o coñecido como "voto rogado", que tamén se lle impuxo ás persoas realmente si emigradas e ausentes temporalmente, dificultando de xeito notable a súa participación- desapareceu das eleccións galegas a incerteza de que as descontroladas sacas de papeletas chegadas da outra beira do Atlántico condicionasen o reparto de escanos no Parlamento ou puidesen, como estivo a piques de suceder en 2005, chegar a condicionar o signo do Goberno. Así, dun escenario de participacións moi relevantes e de masivos mitins dos partidos galegos na Arxentina ou Venezuela pasouse á práctica ausencia do CERA en campaña e a abstencións superiores ao 90%.
Mentres todo isto sucedía o censo de residentes ausentes continuou medrando elección tras elección ata roldar, cara a este 25S, as 450.000 inscricións. Non o fixo -ou, cando menos, non só- pola emigración en sentido estrito. Non en van, dende que a lei da memoria histórica abriu, en 2007, a porta a que puidesen solicitar a nacionalidade netos e netas de españois expatriados por motivos diversos -non só o exilio político-, o CERA galego medrou de xeito acelerado mentres, ata 2011, se sucedían as denuncias de irregularidades, a comezar pola chegada a Galicia de sufraxios a nome de persoas xa falecidas.
Tras todos estes incrementos o maior número de inscricións no CERA segue a estar na Arxentina, onde se aproximan ás 160.000. En ata unha vintena de Estados do mundo hai máis de mil persoas con dereito ao voto en Galicia. Destacan, como amosa o gráfico sobre estas liñas, as máis de 40.000 no Brasil e as máis de 30.000 en Venezuela, Cuba, Uruguai e Suíza.
- PARA SABER MÁIS: O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española, de Anxo Lugilde