0 Gardados para despois

A Xunta esquece a súa medalla ao mérito turístico e crea as figuras de embaixador e comendador

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Hai tres anos o presidente Feijóo anunciaba a creación dunha nova figura honorífica en Galicia, a de Embaixador do Camiño de Santiago, que o Goberno galego concedeu en tres ocasións distintas nun só ano (ao entón Príncipe Felipe, Vicente del Bosque e Mariano Rajoy) pero da que agora hai ano e medio que non se sabe nada. Hai unhas semanas o propio Feijóo volvía anunciar a creación doutra figura de recoñecemento público, a do Comendador da Gastronomía de Galicia, tamén cunha marcada compoñente de promoción turística. Porén, a Xunta xa ten un galardón para esa área, a Medalla ao mérito turístico de Galicia, cuxa descontinua historia é similar á  doutras distincións creadas ou apropiadas polos sucesivos gobernos de Galicia nas tres últimas décadas.

Ademais das medallas de Galicia e Castelao, a Xunta dispón de galardóns simbólicos, entre outros, ao mérito deportivo, sanitario, de protección civil ou da policía local

O primeiro dos recoñecementos creados pola Xunta de Galicia ao inicio da autonomía foi a Medalla de Galicia, creada o 23 de xuño de 1984 para “distinguir e recompensar”, no marco do Día Nacional de Galicia, “ós que, dentro ou fóra da Nosa Terra, puxesen como razón das súas actividades, e mesmo da súa existencia, o quefacer diario de Galicia, ou ós que son merecentes da gratitude ou da homenaxe que cómpre lles facer”. Entre 1987 e 1989 non se entregou, e malia que chegou a ter categorías de prata e bronce, agora só se entrega de ouro, e na súa historia só unha muller foi galardoada. A distinción recibiuna, entre moitos outros, o ex-presidente arxentino Carlos Menem, condenado por corrupción e tráfico de armas. Pouco despois creábase, o 13 de decembro daquel mesmo 1984, a Medalla Castelao, coa que se distingue a obra artística, intelectual ou de calquera tipo de personalidades galegas. Téñena, entre outros, os ex-dirixentes das caixas galegas José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso.

A terceira e cuarta condecoracións con rango de Diario Oficial de Galicia (DOG) que crea a Xunta son, en decembro de 1985, as Medallas e placas ao mérito deportivo e turístico. O galardón turístico non se regulamenta ata 1989, cando se entrega por primeira e única vez. A placa, destinada a colectivos, foi para a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia, a Asociación Galega de Cámpings e a Asociación de Amigos de la Cocina Gallega. A medalla, dirixida a persoas, para os xornalistas Jorge Víctor Sueiro e Carlos García Bayón. Logo, nada se volve saber do galardón. Pero agora a Xunta crea tanto a figura do Embaixador do Camiño como a de Comendador da Gastronomía Galega. Preguntada por este diario, a Axencia Turismo de Galicia elude explicar os seus motivos.

En materia deportiva, malia estar xa creadas as medallas ao mérito, o bipartito impulsou uns Premios Nacionais do Deporte Galego en 2007 e 2008, agora sen a denominación de nacionais, igual que faría ese último ano cos Premios Nacionais da Cultura, reconvertidos polo PP en Premios da Cultura Galega.

O Goberno tramita a creación dunha medalla para a policía autonómica sen dotación económica pero con beneficios profesionais

Volvendo ao ámbito exclusivo das “medallas”, a Xunta aínda crearía as medallas ao mérito de protección civil (1992) e aos méritos da policía local e sanitario, ambas as dúas en 1997. No primeiro ámbito, o Goberno galego tamén está a tramitar na actualidade a creación dunha medalla para a policía autonómica “ou as persoas que colaboren con ela”, distinción que non terá premio económico pero si beneficios á hora de aspirar a determinadas prazas para os axentes da unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta.

Pero en Galicia hai máis medallas vinculadas á autonomía política. Pórtanas todos aqueles que foran membros da Mesa do Parlamento de Galicia (os deputados reciben insignias), igual que ostentan a súa propia medalla os membros do Consello Consultivo. Ademais, o Parlamento creou e entregou este ano, coincidindo co seu 35 aniversario, outras medallas, estas xa non automáticas senón a xeito de recoñecemento e que outorgou nesta primeira ocasión a todos os presidentes que tivo a Cámara neste tempo.

En Lalín suprimiuse a reunión da Orde da Encomenda do Cocido por considerala o novo alcalde unha "cuchipanda con colegas políticos"

Pero por se non foran poucos todos eses recoñecementos creados polos sucesivos gobernos autonómicos para en moitos casos agradar aos afíns, os executivos autonómicos tamén se teñen apropiado da imaxe doutras distincións máis ou menos rechamantes, tanto visualmente como no nome. É o caso da Táboa de Cabaleiros do Capítulo Serenísimo da Orde do Albariño, cuxos recoñecementos como damas e cabaleiros do albariño aínda foron entregados este mesmo verán por Feijóo como facía Fraga (Touriño renunciou á invitación a facelo), enfundado nunha capa. Capa como a que empregaban políticos similares na Feira do Cocido de Lalín no marco da Orde da Encomenda do Cocido, un acto agora eliminado polo actual alcalde de Compromiso por Galicia, Rafael Cuíña (seu pai, o falecido José Cuiña, é Gran Comendador de Honor), por consideralo “propagandístico, baseado en cuchipandas con amigos, coñecidos e colegas políticos”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.