O Parlamento celebra os 35 anos do Estatuto co autogoberno conxelado

Un intre do acto de entrega das Medallas do Parlamento © Parlamento de Galicia

Se houbese que poñerlle unha data ao momento en que se premeu o botón de "pausa" do autogoberno galego esa podería ser a do 17 de xaneiro de 2007. Aquel día o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recibía na residencia oficial de Monte Pío ao vicepresidente e líder do BNG, Anxo Quintana, e mais ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. O obxectivo era desbloquear os dous atrancos pendentes para culminar os traballos de reforma do Estatuto de Autonomía: a definición de Galicia no preámbulo e o rango legal da lingua galega. A maratoniana xuntanza rematou en sonoro fracaso e, aínda que ese ano chegarían á Xunta tres novas competencias e o ano seguinte, sete máis, aquel naufraxio ficou como símbolo da conxelación do desenvolvemento do Estatuto de Autonomía aínda vixente, cuxo trixésimo quinto aniversario celebrou este mércores o Parlamento coa primeira entrega das súas Medallas.

Galicia está a piques de pechar unha lexislatura por segunda vez consecutiva sen ningunha competencia nova

A versión ofrecida por Alberto Núñez Feijóo do sucedido aquel día resúmese na "submisión" que, acusou, o PSdeG aceptou a respecto do BNG. Segundo un dos negociadores pola banda socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, o acordo non só era posible, senón que "chegou a habelo" ata que "chegou Feijóo e mandou parar" por un "cálculo electoralista" e pola estratexia xeral do PP a respecto do Estatut catalán, tal e como relatou nunha entrevista en Praza.gal e no seu libro sobre a frustrada reforma (Galaxia, 2012). Sexa como for, o certo é que quen daquela era líder da oposición tornou en presidente dous anos despois e agora está a piques de pechar a segunda lexislatura da historia autonómica galega sen unha soa competencia nova. A primeira foi, precisamente, a que foi de 2009 a 2012.

A reforma do Estatuto, como a asunción de novas competencias incluídas no actual, foi caendo aos poucos da axenda do Goberno e do Parlamento

Feijóo chegou ao seu primeiro mandato cun programa electoral moi crítico coa xestión do bipartito en materia de autogoberno. PSdeG e BNG, censuraba, "apenas" podían "exhibir 12 traspasos" malia ficar "temas pendentes" que esixían "un esforzo adicional". Nesta liña, ao retornar ao poder os populares asumiron como propio o paquete de 70 competencias pendentes que o Parlamento aprobara por unanimidade durante a lexislatura da coalición e fixaron como prioritarios dous grupos: un que xa fora negociado polo bipartito -museos, bibliotecas e arquivos, bolsas de estudo e Inspección de traballo- e outro con dez traspasos máis, entre os que destacaban as autoestradas AP-9 e AP-53, a meteoroloxía, as obras hidráulicas e varias no eido marítimo.

De xeito paralelo ao anuncio de negociación de competencias, Feijóo mantivo durante anos a promesa, incluída no seu programa electoral, de presentar unha "completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía". Esa proposta foi anunciada en primeira instancia para "a primeira metade" desa primeira lexislatura e máis tarde para "inmediatamente despois" da aprobación dos Orzamentos de 2011. Acto seguido o presidente asegurou que "en xaneiro de 2011" chamaría aos daquela líderes de PSdeG e BNG para comezar a negociar, pero esa chamada nunca se produciu e o Estatuto, como a suma de competencias, foi caendo aos poucos, da axenda do Goberno, do PP e da política galega en xeral.

Primeiras Medallas do Parlamento

Feijóo e Santalices, cos expresidentes e expresidentas e familiares de Núñez e Rosón

Santalices: "Os esforzos de Castelao e tantos outros patriotas non resultaron baldíos"

A "capacidade de autogoberno nunca antes recoñecida" para Galicia foi eloxiada polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, no acto solemne que, cadrando co devandito aniversario da promulgación do Estatuto, serviu para entregar as Medallas da Cámara, que na súa primeira edición foron concedidas ás persoas que presidiron a institución dende 1981. Santalices evoca o Estatuto do 36, que "desgrazadamente non se puido promulgar polo comezo da Guerra Civil", para afirmar que "os esforzos de Castelao e tantos outros patriotas non resultaron baldíos", toda vez que o actual "modelo de autogoberno está "asentado" na "cerna da galeguidade", con "bos resultados" a partir dos que cómpre "seguirmos avanzando, contando co criterio soberano do pobo galego".

Feijóo: "As reformas progresivas son máis eficaces que as rupturas expeditivas"

Segundo o xefe do lexislativo eventuais avances de autogoberno deben ter en conta que o carácter galego é "reflexivo, sabio e nobre, pouco dado a reaccións extremas" como as de quen "propoñen rupturas que non interesan á xente". Nun sentido semellante, o presidente da Xunta avogou na súa intervención por "reformas progresivas, máis eficaces e duradeiras que as rupturas expeditivas". "Os parlamentos -di Feijóo- evidencian as eivas dos intolerantes" e así ficou reflectido nos anos de andaina da Cámara galega, "pródigos en diálogo" fronte a quen "deosta" o parlamentarismo como "ferramenta política superada pola vertixe dos tempos modernos" e propón "democracias asemblearias revestidas de frescura".

Lembranzas dos expresidentes

Os expresidente e expresidentas da Cámara e outros representantes institucionais, durante o acto

"A identidade nacional de Galicia é patrimonio de todos"

Os discursos de Santalices e Feijóo abriron e pecharon un acto no que as expresidentas e expresidentes galardoados, así como familiares dos distinguidos a título póstumo, lembraron cadanseus mandatos e reivindicaron o Parlamento mesmo. Así, no nome do finado Antonio Rosón, a súa sobriña e exedil compostelá Mercedes Rosón describiu o seu tío como "fillo da transición" cuxo "inmenso amor por Galicia" o levou a asinar o decreto que converteu o 25 de xullo en Día Nacional. "O próximo Estatuto -expresou- podería chamar ao 25 de xullo Día Nacional de Galicia, aínda que só sexa para lembrar que a identidade nacional de Galicia é patrimonio de todos", concluíu.

As Medallas entregaranse cada 6 de abril, cadrando coa promulgación do Estatuto

A filla do falecido Victorino Núñez, que "contribuíu a facer unha Galicia Grande", recolleu tamén unha Medalla que o expresidente Tomás Pérez Vidal tomou avogando pola "dignidade da tarefa política", e José María García Leira, lembrando que "nunca se me pasara pola imaxinación" que chegaría a recoller un galardón creado no seu mandato. A socialista Dolores Villarino lembrou a súa presidencia como "a maior honra que puiden ter na miña vida política" e Pilar Rojo considerou que facer "avanzar o Parlamento" implicará o "avance da democracia".

O acto, celebrado na escalinata principal do Pazo do Hórreo, estivo encabezado polos presidentes do executivo e mais do lexislativo galegos e a el acudiron os voceiros de PP, PSdeG e BNG e mais o vicevoceiro de AGE, así como a deputada do Grupo Mixto Carmen Iglesias -as outras dúas integrantes deste grupo decidiron non asistir en sinal de protesta-. Representantes das principais institucións autonómicas e o alcalde de Santiago acudiron tamén a unha entrega que se repetirá, de agora en diante, cada 6 de abril.

Feijóo, Touriño e Quintana, na xuntanza na que fracasou a reforma do Estatuto © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.