O BNG pide aos populares que aclaren se Baltar dimitirá polo seu pacto con Ciudadanos

Rajoy, xunto a Feijóo, Vázquez e Baltar, nun peche de campaña © PPdeG

O BNG vén de pedir este venres en Ourense que o PP aclare se José Manuel Baltar deixará a presidencia da Deputación provincial logo do acordo entre Mariano Rajoy e Albert Rivera que contempla o cese que calquera cargo público imputado por corrupción. Baltar está imputado por tráfico de influencias e suborno, delitos considerados de corrupción política, por presuntamente ofrecer a cambio de sexo un emprego público a unha muller que tamén está imputada.

O acordo entre Rajoy e Rivera contempla a “separación inmediata de calquera cargo público que fose imputado formalmente por corrupción política”

“Feijóo debe aclarar se vai facer dimitir a Baltar ao aceptar o pacto de Ciudadanos ou se é outro engano máis”, dixo nunha comparecencia pública en Ourense Noa Presas, cabeza de lista do BNG por esa provincia ás autonómicas do 25 de setembro. Presas lembrou que “ten acontecido con pactos entre partidos, compromisos éticos ou acordos dos plenos que as palabras do PP fican en papel mollado; nós entendemos que non hai interpretación posíbel e Feijoo debe aclarar se vai apartar a Baltar ao aceptar o pacto de Ciudadanos ou vai ser un engano máis”. Presas indicou que “para o BNG a estratexia estatal do PP non pode ser unha cortina de fume en canto non se celebran as eleccións galegas, o honesto politicamente sería aclarar a posición e se están dispostos a tomar medidas”.

As condicións de Ciudadanos para apoiar a investidura de Rajoy contemplan textualmente a “separación inmediata de calquera cargo público que fose imputado formalmente por corrupción política ata a resolución completa do procedemento xudicial”. Iso obrigaría a Baltar a deixar a Deputación, á espera de que o avance nas negociacións entre Rajoy e Rivera poidan introducir matices nesa formulación inicial, matices que Ciudadanos di non estar disposto a aceptar.

O BNG tamén pediu aclaracións sobre a posible perda dun escano na provincia de Ourense co pacto PP-Ciudadanos

O BNG tamén quere que os populares aclaren se están de acordo coa posible redución de escanos que sufriría a circunscrición de Ourense con outro dos puntos do acordo PP-Ciudadanos, que reclama unha lei electoral máis proporcional. Ourense e Lugo son dúas das provincias de España nas que menos votos son necesarios para acadar un escano no Congreso dos Deputados.

Noa Presas, nun acto público CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.