0 Gardados para despois

Galicia 'enladrilla' 4,4 quilómetros de costa ao ano desde 1987

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O 24% dos primeiros 500 metros da costa galega é xa unha superficie artificial. Así o vén de medir o Observatorio de la Sostenibilidad, un grupo independente de investigadores que, a partir da análise de datos oficiais, analizou a urbanización sufrida por toda a costa española nas últimas décadas. Segundo o seu estudo, Galicia é a comunidade coa primeira liña de costa máis urbanizada de todo o norte peninsular, pero aínda a moita distancia da situación do Mediterráneo.

O Observatorio de la Sostenibilidad sitúa o litoral galego como o máis urbanizado do norte de España, pero aínda a distancia do Mediterráneo

Para sensibilizar sobre os procesos de transformación da natureza, o Observatorio analizou o que denomina artificialización da costa española entre 1987 (xusto antes da lei estatal de Costas que o PP flexibilizou nesta última lexislatura) e 2011. En toda España está xa urbanizada o 28% de toda a costa nos seus primeiros 500 metros, e o 33% desa superficie fíxose artificial só desde 1987. En Galicia a superficie costeira alterada polo home é o 24% do total, e o 28% dese espazo transformouse só no período 1987-2011. Segundo os datos dos analistas, nestas tres últimas décadas Galicia veu enladrillando a súa costa a un ritmo de 4,4 quilómetros ao ano.

Ao analizar as costas do norte peninsular, só o País Vasco, na media estatal (33%), supera a aceleración da urbanización que sufriu Galicia nestes anos (28%), xa que entre 1987 e 2011 en Cantabria só se transformou o 26% do agora urbanizado, e en Asturias o 25%. Ademais, co seu 24% do total da costa xa artificial, Galicia é a comunidade do norte cos seus primeiros 500 metros máis transformados, por diante da costa vasca (o 22% está urbanizada), cántabra (20%) e asturiana (14%). A comparación xeral coa costa mediterránea, onde xa está urbanizado o 35% de todo o litoral, deixa a Galicia en boa posición relativa. Pero tamén permite constatar que, mentres no Mediterráneo o groso da transformación litoral produciuse antes de 1987, en Galicia é nos últimos anos cando se está a rexistrar.

Os investigadores critican que a administración protexe a costa que non sofre presión urbanística pero permite  moitas excepcións onde si a hai

O Observatorio describe algunhas características particulares da urbanización sufrida pola costa galega nos últimos anos. Así, recoñece que “a Administración autonómica aprobou unha interesante figura de protección sobre o urbanismo nos primeiros 500 metros de costa”, en referencia á paralización cautelar de calquera obra en toda a costa decretada polo bipartito en 2007 e logo regulada por zonas polo PP. Segundo os analistas, esa medida “reforza a lexislación estatal neste tema, pero aínda carece de figuras máis estritas como teñen Cantabria ou Asturias, con lexislación consolidada”.

En xeral, din os investigadores, en Galicia a protección da franxa dos primeiros 500 metros, unha vez levantada a paralización cautelar xeral do bipartito, primouse “sobre todo en zonas sobre as que en principio non hai gran presión” e, pola contra, “en zonas urbanas e veciñas de núcleos de poboación se permiten múltiples excepcións que desembocan na amnistía de núcleos urbanos que contraviñeron a normativa no pasado recente e que teñen sido redimidos polos cambios na Lei de Costas”.

O observatorio alerta de futuras presións nos fondos das rías de Vigo, Arousa e Muros-Noia e na costa entre Fisterra e Cee e na contorna de Burela

Os investigadores insisten nesa protección nesgada da costa e din que “hai abundantes figuras de protección na costa galega, na costa directamente aberta ao mar, pero a protección é moito menor en calidade e cantidade dos espazos protexidos dentro das rías. E nelas prognostica como nos próximos anos a presión urbanística estenderase por determinadas zonas aínda non tan urbanizadas como os fondos das rías de Vigo, Arousa e Muros-Noia e na costa entre Fisterra e Cee e na contorna de Burela.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.