O 26 de febreiro de 2011 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inauguraba o Hospital Lucus Augusti logo de meses de críticas ao anterior goberno bipartito por construír o edificio pero non chegar a dotalo de servizos médicos. Aquel día Feijóo aseguraba que antes de que rematase aquel ano, o 2011, “pacientes con doenzas de corazón ou cancro que antes tiñan que desprazarse” a outras cidades ían ser “atendidos no seu hospital público de Lugo”. Porén, non é ata este mércores, cinco anos despois e a un mes das eleccións autonómicas do 25 de setembro, cando o Sergas comeza a tratar en Lugo aos primeiros cinco pacientes do servizo de Medicina Nuclear, a última das tres grandes reivindicacións sanitarias da cidadanía lucense en ser atendida, pero aínda non a pleno rendemento, como as anteriores.
O PP local chegara a esixir máis rapidez na implantación dos servizos médicos que Feijóo prometera para aquel mesmo ano cando en 2011 inaugurou o Hospital Lucus Augusti
Coa súa promesa de 2011 o presidente Feijóo referíase ao compromiso de que o Lucus Augusti contase con servizo de Hemodinámica para a atención rápida de infartados e cos servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear. Aquel ano pasou sen que se puxeran en marcha ningún dos tres e a sociedade lucense, mesmo co apoio do PP local, comezou a mobilizarse na rúa.
Non foi ata 2014 cando comezou a funcionar no Lucus Augusti o servizo de Hemodinámica, pero só en horario de oficina, co argumento da Xunta de que se melloraría cando os datos así o esixisen. En abril de 2015, un mes e medio antes das eleccións municipais, o propio Feijóo publicitaba, na súa comparecencia posterior a un Consello da Xunta, un informe sen validez legal sobre os avances na contratación do servizo de radioterapia de Lugo, entre outros equipamentos médicos. Foi nunha rolda de prensa na que acusou de demagogo ao daquela presidente da Deputación e líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que seguía reclamando a ampliación do servizo de hemodinámica: “Alá quen crean que unha sala de hemodinámica é o mesmo que unha sala de recría de gando, ese é o seu problema e non vou facer demagoxia con isto”, dixo, en referencia á inauguración unhas horas antes por parte de Besteiro dunhas instalacións de reprodución de gando.
Malia prometerse para 2011, Hemodinámica non comezou a funcionar ata 2014, Radioterapia ata marzo deste ano e, agora, Medicina Nuclear
O PP non foi quen de acadar a alcaldía de Lugo naquelas eleccións municipais e aquel equipamento de radioterapia que anunciara Feijóo un mes e medio antes non comezaría a funcionar, pagado pola Fundación Amancio Ortega, ata preto dun ano despois, a finais de marzo deste 2016. Agora, un mes antes das autonómicas, o Sergas anunciou este martes a posta en marcha do terceiro servizo médico prometido e pendente, o de Medicina Nuclear. Para este mércores, xusto cinco anos e medio despois da inauguración do hospital, están citados os primeiros cinco pacientes.