A menos dun mes das eleccións autonómicas e co sector anunciando novamente mobilizacións pola continua caída dos prezos do leite, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desvelou este mércores que unha empresa creada en febreiro, Goodleit SL, prevé investir 70 millóns de euros na construción en Curtis dunha planta con capacidade para procesar o 17% do leite producido en Galicia e transformalo en todo tipo de produtos de valor engadido destinados á exportación. Segundo a propia empresa, a planta non estará operativa ata 2019.
O presidente recibe aos directivos da firma promotora, constituída en febreiro, agora que os gandeiros veñen de convocar diversas mobilizacións pola continua caída dos prezos
Nos últimos días o colectivo Agromuralla, xurdido hai un ano logo das mobilizacións polo baixo prezo do leite, anunciou unha protesta para o vindeiro martes 6 de setembro para volver denunciar o constante deterioro do sector. A Organización de Produtores de Leite sumou o seu apoio a esa protesta e, pola súa banda, Unións Agrarias promove un boicot a Lactalis, que admitiu que as presións gandeiras lévana a pagar aos produtores franceses ata catro céntimos máis por litro que en Galicia grazas á presión sindical no país galo.
Neste contexto, este mércores a Xunta incluíu de urxencia na axenda do presidente un acto non comunicado o día anterior, como é habitual. Feijóo, acompañado dos conselleiros de Economía e Medio Rural, recibiu no seu despacho de San Caetano aos responsables de Goodleit para anunciar o apoio do Goberno galego ao que cualificou como “proxecto industrial estratéxico” con capacidade para procesar 400.000 toneladas de leite ao ano, o 17% da produción total. Segundo divulgou a propia Xunta, a empresa investirá 70 millóns de euros en construír unha planta no polígono industrial de Curtis coa que creará 130 postos de traballo.
A Xunta compromete o seu apoio económico a unha planta que custará 70 millóns de euros e que tardará 24 meses en construirse
O Goberno galego di que apoiou “desde o primeiro momento a implantación deste proxecto de industrialización e transformación en Galicia, facilitando asesoramento e a necesaria dotación de solo e infraestruturas para a súa posta en marcha, así como poñendo a disposición as distintas vías de financiamento existentes”. Segundo a Xunta, “a empresa decidiu instalarse en Galicia pola posición de liderado da nosa comunidade dentro do sector lácteo español, e tamén pola súa localización estratéxica, favorable á exportación cara ao mercado internacional”. Nesa liña, a empresa “destinará a maior parte do leite procesado á exportación, especialmente a mercados de África e Asia, para o cal xa ten establecidos os contactos necesarios coa distribución, co fin de dar saída á súa produción”. Porén, segundo o conselleiro delegado da empresa, Dominique Blancho, as obras de construción da planta non comezarán ata o ano próximo, e teñen un prazo de execución de “24 meses”, polo que a industria non poderá empezar a operar ata 2019.
Unha empresa creada en febreiro
Segundo o Boletín Oficial del Registro Mercantil (BORME) de Madrid, Goodleit, que se embarca nun proxecto de 70 millóns de euros, foi constituída en febreiro deste mesmo ano, con domicilio en Alcorcón, un capital inicial de 3.000 euros e o obxecto social de “elaboración, fabricación, distribución, comercialización, compra e venta, de toda clase de produtos lácteos e os seus derivados”. A empresa foi constituída cun consello de administración formado por Dominique François Blancho na presidencia, Alfonso Escobar López como secretario, ambos á súa vez co cargo de conselleiros delegados e acompañados dos conselleiros Ignacio Escobar López, Guillermo Escobar López e Manuel Fiz Benito.
Os responsables de Goodleit, creada en febreiro, son antigos directivos dunha multinacional e empresarios cunha planta en Guadalaxara
Blancho foi conselleiro delegado de Senoble Ibérica, filial do grupo de transformación láctea francés Senoble vendida o ano pasado á estadounidense Schreiber Foods e onde tamén foi director de xestión do leite Fiz Benito. Blancho creou hai un ano a súa propia consultora, Db Dairy Consulting, especializada en tecnoloxía e produción de derivados lácteos.
Pola súa banda, os Escobar López están á fronte de Lacteos Industriales Agrupados SA (Liasa), con sede en Guadalaxara, onde ten a súa planta de produción, e “40 anos de experiencia” nos derivados lácteos. Liasa di traballar en 30 países.
A xustiza certificou a mala xestión do anterior proxecto impulsado polo PP, Alimentos Lácteos, quebrado hai dous anos
A presentación pola Xunta desta iniciativa privada con apoio público prodúcese menos de dous anos despois de que a xustiza certificase a mala xestión do anterior gran proxecto lácteo impulsado polos populares en 2010, Alimentos Lácteos, á cuxa fronte se situaron os tenentes de alcalde do PP en Touro e A Pastoriza, Eugenio Montero e Arcadio López. Alimentos Lácteos recibiu máis de 4,6 millóns de préstamos da Xunta cando xa era unha firma insolvente, o que non impediu que os seus directivos seguisen subíndose o soldo e demoraran a petición do concurso de acredores da empresa ata un momento en que xa non había outra saída que a quebra.