Cando Galicia ía ter Policía de seu

Un vehículo da UPA nunha actividade de formación de axentes © Xunta

Son frecuentes as referencias en diversos eidos, fundamentalmente políticos, á actividade da "Policía Autonómica" galega. No entanto, o que en ocasións se ten dado en equiparar -cando menos nominalmente- co Ertzaintza vasca ou os Mossos d'Esquadra de Catalunya non é, nin máis nin menos, que unha unidade da Policía Nacional adscrita á Xunta a través dun acordo co Goberno de España subscrito a comezos dos anos 90 do século pasado e renovado en varias ocasións. No entanto, hai case unha década que Galicia conta cunha lei que dá sustento ao despregamento dun corpo policial de seu. A norma foi obviada dende a súa entrada en vigor e as únicas variacións neste eido foron, a efectos prácticos, a da cifra de axentes integrados na devandita unidade adscrita (UPA).

O marco legal no que a Xunta se podería apoiar para tentar poñer en marcha a Policía Galega foi aprobado a mediados de 2007 no Parlamento cos votos de PSdeG e BNG e o rexeitamento do PP, que previamente formulara unha emenda á totalidade do texto. O artigo 15 da norma evidenciaba que a intención última era a creación dunha policía integral nun horizonte temporal que o daquela conselleiro da Presidencia, José Luis Méndez Romeu, cifrou en seis anos, período no que calculaba chegar a contar cuns 2.400 efectivos. Así, a lei atribuíalle ao futuro corpo as competencias de seguridade cidadá e as funcións de policía administrativa para "velar polo cumprimento" das leis tanto estatais como galegas, deixando ademais a porta á asunción de competencias adicionais mediante transferencias. A Policía Galega ía ir substituíndo, paulatinamente, os corpos e forzas de seguridade do Estado en moitos dos seus ámbitos de actuación.

A Lei de Policía de 2007 prevía a integración de membros das forzas estatais e a incorporación de novos axentes para constituír un corpo integral

A posta en marcha daquela "futura Policía de Galicia" estaba prevista mediante a integración de membros da UPA e de axentes dos corpos estatais e locais que o desexasen, así como coa incorporación de novos axentes. A "coordinación entre as forzas policiais", especificou a Xunta tras a aproación da lei, realizaríase a través de catro órganos: unha Xunta de Seguridade para "análise das políticas co Ministerio do Interior", o Consello de Policía, para a "participación" do funcionariado policial mediante as súas organizacións representativas, a Comisión Galega de Seguridade e mais o Centro de Elaboración de Datos, un "centro de intelixencia coordinado cos do Estado".

O fracaso da transferencia de tráfico

Cando, en 2007, entrou en vigor a Lei de Policía deuse por feito que os seus efectos non comezarían a percibirse nas rúas ata que a Xunta lograse unha das transferencias de competencias que se presentaba como fulcral para desenvolver o corpo policial propio: o control do tráfico interurbano que vén exercendo a Garda Civil. Nesta liña, poucos meses despois, en abril de 2008, o Parlamento aprobaba co aval da unanimidade de PP, PSdeG e BNG solicitarlle ao Estado a devandita transferencia. Esa petición formalizábase coa aprobación dunha proposición de lei con destino ao Congreso dos Deputados que sería defendida na Cámara Baixa por unha delegación galega encabezada polo daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, xunto ao socialista Xoaquín Fernández Leiceaga e o popular Jesús Palmou.

En 2010 PP e PSOE evitaron o traspaso do tráfico á Xunta , reclamado por unanimidade no Parlamento galego

O que fora un compromiso arrincado por Quintana a José Luis Rodríguez Zapatero non foi debatido no Congreso ata o 7 de setembro de 2010, cando a Mesa do lexislativo español incluíu a lei galega na súa orde do día. Quintana e Leiceaga, xa como deputados da oposición, e Pedro Puy, no nome do PP que volvía gobernar Galicia dende un ano antes, expuxeron infrutuosamente os seus argumentos para que a Xunta exercese as competencais de tráfico e seguridade viaria. O PSdeG bateu coa negativa dos seus compañeiros do PSOE, que consideraron que o traspaso non era necesario. E o PP, que coa correlación de forzas do Congreso podía desequilibrar a balanza para a banda do "si", optou pola abstención ao considerar que non era o momento oportuno para realizar tal traspaso.

A unidade policial adscrita á Xunta ten medio milleiro de axentes e funcións moi limitadas

Así as cousas, case unha década despois a Lei de Policía segue sen se aplicar e a Xunta segue contando, unicamente, co arredor de medio milleiro de axentes da UPA -o seu número aumentou un 40% nos últimos anos ata achegarse aos 500, destaca a Xunta-. As funcións da unidade adscrita limítanse á protección de instalacións da Xunta e a vixiar o cumprimento de competencias autonómicas como a investigación de incendios forestais ou o marisqueo ilegal, así como determinadas funcións en materia urbanística e patrimonial e na protección de menores e vítimas da violencia machista.

Mentres o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén presentando nos últimos anos a UPA como "un logro do autogoberno" e unha mostra de que "Galicia é, dende a súa autonomía, unha comunidade que quere ser útil ao Estado", durante a precampaña algunhas das forzas que actualmente exercen a oposición explicitaron xa a súa intención de retomar a reclamación da transferencia. Así o fixeron, por exemplo, o BNG ou o PSdeG, así como Compromiso por Galicia, que esta semana apuntaba que, ao seu xuízo, a sede central da Policía Galega tería que ubicarse na cidade de Vigo.

Axentes da unidade adscrita, nunha presentación pública © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.