O pasado 26 de maio a Audiencia Provincial da Coruña revocou a intención do segundo xuíz instrutor do accidente de Angrois, Andrés Lago Louro, de xulgar xa ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, como único culpable do sinistro que provocou 80 mortos. O condutor despistárase e non freou a tempo, sen que houbese sistemas de seguridade que o evitasen ou paliasen, eivas que o maxistrado non vía relevantes penalmente. Porén, o tribunal considerou que tres da decena de peritaxes que se realizaron sobre o accidente arroxaban dúbidas sobre se Adif analizara e tratara adecuadamente o risco existente nese lugar, e ordenoulle estudar mellor esa cuestión. Máis de tres meses despois, o instrutor dá agora o primeiro paso e decide que os tres peritos xudiciais designados polo anterior xuíz (dous deles funcionarios impostos pola Xunta que non viron ningunha responsabilidade á marxe do maquinista) se poñan de acordo sobre se o risco foi ben analizado en “un só informe consensuado”.
A Audiencia da Coruña rexeitou a súa intención de xulgar só ao maquinista e ordenoulle hai máis de tres meses reabrir a instrución
Das diversas peritaxes que se fixeron sobre Angrois, tres detectaron que Adif non tería analizado como era a súa obriga o risco existente en Angrois dun exceso de velocidade como o que provocou o accidente. Foron as que realizaron o único perito xudicial elixido por sorteo polo primeiro xuíz instrutor da causa, un perito de parte nomeado pola aseguradora de Renfe (que aspira a compartir con Adif a responsabilidade económica do sinistro) e un catedrático ao que lle encargou un informe específico un dos peritos impostos pola Xunta, que non recolleu as súas apreciacións nas súas propias conclusións exculpatorias de Adif.
O xuíz instrutor só chamou a ratificar verbalmente a súa peritaxe, en xuño do ano pasado, aos tres peritos xudiciais, pero non ao resto, e dos que si compareceron obviou ao máis independente de todos, que vía eivas na análise de riscos realizada por Adif. Baseouse, pola contra, nos outros dous peritos funcionarios da Xunta que non viron máis causa do sinistro que o exceso de velocidade do maquinista, obviando as eivas que presentaban os seus informes (un contiña plaxios e o outro non aclara canto pesaba o tren).
O instrutor dá tres meses a tres expertos, dous deles funcionarios, para que lle entreguen “un só informe consensuado”
Agora, máis de tres meses despois de que a Audiencia llo ordenara, o instrutor cita o vindeiro 29 de setembro para que ratifiquen as súas peritaxes e expliquen ante as partes as eivas que detectaron en Adif ao perito designado pola aseguradora de Renfe e ao catedrático cuxo informe non tivo en conta o perito da Xunta. Pero, con independencia do que digan, o xuíz xa encarga aos tres peritos xudiciais (o independente elixido por sorteo e os dous impostos pola Xunta) que lle remitan nun prazo de tres meses “un só informe consensuado” sobre catro aspectos: se era obrigatoria e Adif fixo unha avaliación integral do risco da liña que tivese en conta a situación de perigo que existía en Angrois; se son correctos os cálculos realizados polo perito da aseguradora de Renfe e o catedrático que din que o risco era inadmisible; se Adif deitou correctamente en Renfe e no maquinista toda a responsabilidade ante un posible exceso de velocidade; e se existía consenso técnico sobre a necesidade de protexer con sistemas de freado automático puntos da rede ferroviaria que requirían freadas tan bruscas como a de Angrois.
O perito da aseguradora de Renfe insiste en que había risco de "un descarrilamento cada ano"
Ademais de tomar estas decisións, o xuíz incorpora agora á causa un “informe complementario” que o perito da aseguradora de Renfe entregou no xulgado o 5 de xullo pero que aínda agora é remitido ao resto das partes. Nel, empregando tamén datos do informe do catedrático, que en parte tamén corrixe, insiste na súa conclusión de que en Angrois existía un “risco intolerable” de “un descarrilamento cada ano”.