Por segunda vez en dous días os deputados rexeitan a investidura do candidato popular por 180 votos en contra e 170 a favor
Por segunda vez en dous días o Congreso dos Deputados rexeitou este venres por maioría absoluta a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno. Dous días despois de que, na primeira votación, 180 deputados rexeitasen a súa investidura fronte a 170 (PP, Ciudadanos e Coalición Canaria) que o apoiaron, os resultados volveron repetirse, o que achega a posibilidade dunhas terceiras eleccións á espera das negociacións que se poidan dar nos dous próximos meses.
Pedro Sánchez abre a posibilidade dun goberno alternativo: “As forzas do cambio temos a responsabilidade de ofrecer unha solución ao país”
Na súa breve intervención previa á votación, Rajoy lembrou os grandes acordos históricos entre PP e PSOE ao tempo que criticou que os socialistas non teñen alternativa de goberno e que o seu líder, Pedro Sánchez, desexa repetir novamente as eleccións. Este, pola súa banda, insistiu en que Rajoy “non conta coa confianza” non só do PSOE senón tampouco dos que votan ao seu favor e asegurou que é o popular o que está desexando as terceiras xerais. Fronte a ese agoiro, o socialista abriu a posibilidade dun goberno alternativo dicindo que “as forzas do cambio temos a responsabilidade de ofrecer unha solución ao país”, frase que foi recollida por varias das forzas de esquerda da cámara.
O líder de Podemos, Pablo Iglesias, lembrou que xa hai gobernos autonómicos ou locais nos que eles participan ou apoian, asegurou que a Rajoy só lle preocupa “que poida gobernar o PSOE con nós” e aos socialistas pediulles que “aproveiten a posibilidade, ao mellor é a última que teñen”. O líder de Ciudadanos Albert Rivera, tamén acusou a Sánchez de querer unhas terceiras eleccións e pediu “perdón aos españois por non ser capaces de convencer a estes vellos partidos de que se poñan de acordo”. E o PNV asegurou que a súa negativa a investir a Rajoy seguirá manténdose pase o que pase nas autonómicas vascas o 25 de setembro.
O resultado achega algo máis as terceiras xerais, que o PP acepta agora que non sexan en Nadal, como viña forzando
Os discursos non variaron nada e o resultado da votación volveu ser o de hai dous días. Desde aquela, xa está contando o prazo de dous meses para que se disolvan novamente as cámaras e se convoquen as terceiras eleccións xerais se antes ningún candidato acada a investidura. A lei actual contempla uns prazos a partir desa disolución e convocatoria que abocarían a celebrar os comicios o 25 de decembro. Pero este venres o propio PP, que forzou a data do Nadal ao fixar para esta semana o debate de investidura, admitiu a súa disposición a evitalo, o que pasaría por unha reforma acelerada da lei para acurtar a campaña electoral e poder celebrar os comicios, previsiblemente, o domingo anterior, día 18 de decembro.