Vivenda telefona a propietarios para subvencionarlles agora rehabilitacións de antes de 2014

Vivenda abandonada en Rianxo © Rehabilita Casa en Rianxo

Propietarios de vivendas que foron rehabilitadas entre 2011 e 2014 con amparo no decreto que durante eses anos regulou as axudas autonómicas para esas obras recibiron nos últimos días chamadas telefónicas ou correos electrónicos para informarlles de que á fin poderán cobrar as subvencións. As chamadas chegan xusto antes das eleccións autonómicas do 25 de setembro, pero o Goberno galego nega que teñan unha motivación electoral.

A Xunta nega que as chamadas teñan unha motivación electoral logo de varios anos adiando as axudas

O decreto polo que se regularon as axudas autonómicas á rehabilitación de vivendas entre 2011 e 2014 fixaba os requisitos para acceder a elas, pero adiaba a posteriores convocatorias puntuais a adxudicación efectiva dos cartos. Os propietarios comezaron daquela a realizar as obras cos seus propios cartos e a Xunta validounas como subvencionables, pero as axudas non chegaron. O propio Goberno galego admitiu no Diario Oficial de Galicia que “debido ás restricións orzamentarias dos últimos anos, non se puido realizar convocatoria nos exercicios 2011, 2012 e 2014”, e nos anos en que si se convocaron, os cartos non chegaron para atender todas as solicitudes que xa cumpriran cos requisitos legais e repartíronse en orde de presentación.

Agora a Xunta di que, grazas ao financiamento adicional que acadou “polo cumprimento dos obxectivos de déficit” de Galicia, xa ten cartos para atender a aqueles propietarios que cumpriran todos os requisitos pero que nunca cobraran. Por iso o pasado 8 de agosto publicou no DOG unha nova convocatoria para atender eses casos dotada con 700.000 euros para as rehabilitacións no ámbito rural e 800.000 no ámbito histórico e dos Camiños de Santiago.

Malia a demora, o PP di no seu programa que para eles “a rehabilitación é unha aposta de presente e de futuro”

“Dado que o prazo de presentación de solicitudes corresponde case integramente ao mes de agosto, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) está comunicando persoalmente a convocatoria a todos os posibles solicitantes das axudas, a través de teléfono, correo electrónico ou os medios de contacto de que dispoña”, admite a Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O departamento que dirixe Ethel Vázquez xustifica as chamadas telefónicas persoais para anunciar cobros poucas semanas antes do 25-S: “O obxectivo deste procedemento, que xa se empregou en ocasións anteriores, é conseguir que o maior número de posibles solicitantes teña coñecemento da convocatoria e que se poida executar a totalidade do orzamento”.

Malia levar varios anos sen subvencionar as rehabilitacións, facendo que os propietarios se embarcasen nelas contando cunhas axudas que aínda chegarán agora, os populares aseguran no seu programa para as autonómicas do 25 de setembro que “para o PPdeG a rehabilitación é unha aposta de presente e de futuro” e que centrarán “os maiores esforzos en actuar sobre o patrimonio xa construído”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.