A Fiscalía pide reflexionar sobre a súa actuación en instrucións como a de Angrois

Antonio Roma, fiscal, nunha entrevista na TVG Dominio Público CRTVG

Na instrución do accidente de tren Santiago, no que morreron 80 persoas, a investigación das posibles causas do sinistro máis alá do despiste do maquinista, recoñecido por el mesmo, foi instada fundamentalmente polo primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez, e polo avogado do condutor, e nunha segunda fase polas propias vítimas. O fiscal do caso, Antonio Roma, limitouse desde un primeiro momento a culpar só ao maquinista, restando relevancia penal e mesmo opoñéndose a investigar, como o segundo xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, as diversas eivas de seguridade do sistema ferroviario que foron saíndo á luz. Agora a Fiscalía Xeral do Estado vén de facer pública a súa memoria anual, na que considera necesaria unha maior especialización en seguridade viaria dos fiscais encargados de investigar grandes sinistros noutros medios de transporte, entre os que cita o de Angrois, e indica de xeito implícito como a actuación de Roma tería sido mellorable.

Na instrución de Angrois o fiscal, Antonio Roma, deixou toda a iniciativa en mans do xuíz e as partes, opoñéndose incluso a varias das súas propostas concretas de investigación, polo que é duramente criticado polas vítimas

Na súa memoria, divulgada este martes, a Fiscalía aposta que por unha maior especialización dos fiscais de seguridade viaria e pola extensión do seu traballo a outros sistemas de transporte, en liña co “modelo europeo”. “A seguridade viaria como ben xurídico protexido está en íntima relación coa seguridade aérea, marítima e ferroviaria”, di a Fiscalía, para engadir que “as conexións xurídicas e científicas entre elas son evidentes e recentes e tráxicos accidentes as puxeron de manifesto”, citando a continuación os casos do sinistro do avión de Germanwings e do tren Alvia en Santiago.

A fiscalía salienta a “relevancia” da “figura, con recoñecemento europeo, do fiscal que asume a primeira e única investigación de accidentes coa policía, indaga as verdadeiras causas, atende ás vítimas desde o principio e informa aos medios de comunicación”. No caso da instrución de Angrois, o fiscal, Roma, deixou toda a iniciativa en mans do xuíz e as partes, opoñéndose incluso a varias das súas propostas concretas de investigación, polo que é duramente criticado polas vítimas.

A Fiscalía sinala o caso de Angrois como exemplo de "a dificultade de deslindar as sempre necesarias responsabilidades individuais das sistémicas"

Sobre o accidente de Santiago, no que non existía ningún sistema automático que evitase ou paliase o despiste do maquinista no punto con máis risco de toda a liña, a memoria da Fiscalía di que o sinistro “é expresivo da dificultade de deslindar as sempre necesarias responsabilidades individuais das sistémicas que desde a perspectiva, polo menos explicativa, se expón no tráfico viario para determinar a interrelación entre condutor, medio de transporte e vía pola que circula”.

A Fiscalía engade que “a distracción e condicións do condutor, a atención ás vítimas, a aplicación dos tipos imprudentes e o resarcimento a cargo das entidades aseguradoras con arranxo a sistemas de imputación obxectiva, responden a conceptos xurídicos e respostas comúns, sen prexuízo das singularidades propias, na seguridade ferroviaria, aérea e na seguridade viaria”. A Fiscalía remata este apartado advertindo de que coa chegada do coche autónomo será necesaria unha “reflexión xurídica” sobre “a diferenciación entre responsabilidades dos individuos e das organizacións ou sistemas”.

Recursos contra os peritos e demora en Bruxelas

Estas reflexións da Fiscalía fanse públicas o mesmo día en que os avogados das vítimas e do maquinista de Angrois presentaron ante o xulgado recursos para que o xuíz instrutor cambie os peritos encargados de valorar se Adif tratou como debía o risco existente na curva. O 26 de maio a Audiencia Provincial da Coruña ordenou ao instrutor investigar mellor esa cuestión, pero non foi ata o xoves pasado que este deu o primeiro paso encargando a tarefa a tres peritos, dous dos cales, sen experiencia en materia ferroviaria, foron impostos pola Xunta.

Vítimas e maquinista de Angrois reclaman cambiar os peritos da Xunta por expertos europeos e o BNG critica que a petición dos afectados ante o Parlamento Europeo se analice tras as autonómicas

Os representantes de vítimas e maquinistas critican o nulo coñecemento deses dous funcionarios autonómicos, Juan Carlos Carballeira e José Manuel Lamela, en materia de avaliación de riscos. Ambos avogados reclaman que a análise pericial da cuestión sexa realizada por técnicos da Axencia Ferroviaria Europea, que en xullo fixo público un informe no que advertiu de diversas eivas na investigación oficial do sinistro realizada en España.

Por outra banda, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, critica que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de decidir que a formulada polas vítimas de Angrois solicitando amparo das institucións comunitarias non será tratada ata despois das eleccións autonómicas do 25 de setembro. Miranda atribúe a decisión á presidenta da comisión, do mesmo grupo europeo que o PP, e salienta que este mesmo xoves hai convocada unha sesión na que se podería ter incluído o asunto, pero que foi adiado a outubro.

Antonio Roma, fiscal, nunha entrevista na TVG Dominio Público CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.