A campaña en vídeos: do dentista electoral a (outra volta) Los Limones

Vídeo electoral do PP CC-BY-SA Praza Pública

Hai tempo que as campañas electorais tamén teñen internet como un dos seus escenarios. E, dentro das súas estratexias para as redes, os partidos políticos optan polos vídeos como unha vía para 'viralizar' ou tentalo as súas propostas e candidaturas. Xa choveu dende que o BNG experimentara no daquela incipiente mundo dos videoblogs co célebre Eu son Anxo Quintana, ou dende que o PP nos presentou a que supostamente era a vida cotiá de Alberto Núñez Feijóo, a almorzar na súa casa mentres debullaba iniciativas contra o paro. Foron, todos eles, vídeos electorais de éxito e efectividade dispar que se repetiron en sucesivas convocatorias -nas municipais de 2015, por exemplo, agromaron case por cada concello- e que regresan cara a este 25S, con novidades pero tamén con vellos coñecidos. Agora o albo, máis que os vetustos espazos gratuítos de propaganda electoral en televisión, son as redes sociais.

Un dos regresos máis ou menos agardado é o de Los Limones a poñerlle banda sonora á campaña do PP. O grupo ferrolán que lle puxo música lixeira á reconversión naval -paradoxalmente, o seu primeiro disco titulouse Sube la marea- xa acompañou cos seus ripios a Alberto Núñez Feijóo en 2009 -"chegou o momento das cousas con xeito", cantaban- e mais en 2012 -"veña, Galicia, boas noticias, rematar o que inicias-, e volven en 2016 glosando unha Galicia "cernil e sutil" entre imaxes do candidato e estampas turísticas a vista de dron. Nas últimas edicións foron tan risibles para o resto de partidos como eficaces para o PP.

No PSdeG a aposta audiovisual é dupla. Por unha banda, os socialistas están a difundir pequenos clips nos que, coa mesma imaxe que a cartelaría electoral, o seu candidato á Presidencia Xoaquín Fernández Leiceaga, aborda diversos eidos das súas propostas -o papel do Parlamento ou a cohesión territorial de Galicia, por exemplo-. Por outra, as Xuventudes Socialistas apostan polo humor da man do cómico David Perdomo, cuxos personaxes acadaron gran popularidade hai anos, alén das salas e teatros, grazas aos seus vídeos. Na súa primeira montaxe, a mocidade do PSdeG explica, a través de Perdomo, que o cambio de Goberno en Galicia disque é bo para a saúde.

Dende o BNG, os vídeos que están a difundir céntranse na súa candidata á Presidencia, Ana Pontón, tras varias campañas nas que o audiovisual foi xa unha das pezas relevantes das súas accións. Así, a principal montaxe das difundidas ata o momento foi a titulada Un día con Ana, na que a formación soberanista amosa unha xornada de traballo da súa cabeza de cartel. Ademais, o Bloque está a difundir cada día fragmentos dunha conversa de Pontón co cómico e dramaturgo Quico Cadaval. Nestas "conversas para unha tarde de verán" a líder da organización nacionalista debulla diversas propostas e explica as súas posicións políticas nun ton relaxado.

En Marea está a empregar os vídeos en dúas vías. A formación está a ofrecer retransmisións ao vivo e pequenas pílulas audiovisuais sobre as propostas sectoriais que está a expoñer nos seus actos públicos a través do seu candidato á Presidencia, Luís Villares. Xunto a elas, a montaxe que máis difundiron ata o momento é o seu primeiro vídeo electoral no que, baixo o lema Un país xusto, repasan as ideas forza do seu programa entre imaxes de encontros mantidos por Villares durante as semanas da precampaña electoral. En Marea subliña, asemade, que publicarán novos vídeos en vindeiros días cun ton diferente.

O peso do audiovisual é menor, cando menos polo momento, na campaña de Ciudadanos. Na súa estrea nunhas eleccións galegas o partido de Albert Rivera difundiu ata agora un único vídeo, no que a candidata á Xunta, Cristina Losada, se presenta ao electorado e ante o líder do partido.

Tamén Compromiso por Galicia está a traballar con vídeos na súa campaña. No caso da formación galeguista, os amosados ata o momento céntranse en propostas concretas ou actividades do seu candidato, Xoán Bascuas. Esta semana, por exemplo, CxG ofreceu unha intervención de Bascuas ante o Parlamento despois de presentar un recurso na Xunta Electoral para reclamar a inclusión do partido no debate organizado pola CRTVG para o vindeiro luns, 12 de setembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.