O Parlamento privilexia a Microsoft na compra de ordenadores para os deputados da nova lexislatura

Características dos ordenadores estipuladas no prego de condicións CC-BY-SA Praza Pública

Microsoft segue a estar de sorte en Galicia. Apenas catro meses despois de que a Xunta privilexiase a multinacional estadounidense no seu macrocontrato para adquirir ata 6.000 ordenadores de diversos tipos, o Parlamento fai o propio, mesmo dun xeito máis restritivo, cos computadores que empregarán as deputadas e deputados na vindeira lexislatura autonómica. Á espera de coñecer os detalles das ofertas que presenten as empresas interesadas no contrato -o prazo remata a finais de mes-, o que xa é seguro é que os membros da Cámara electos o vindeiro 25 de setembro só poderán traballar co sistema operativo estrela de Microsoft, nomeadamente na súa versión 10 Pro e co castelán como idioma por defecto.

Así o esixe o prego de condicións aprobado pola Mesa da Cámara que se tramita dende principios de mes. O órgano reitor do lexislativo destina case 120.000 euros a mercar 75 ordenadores portátiles, tantos como escanos, e outras tantas impresoras multifunción. É un chisco menos do investido hai catro anos, cando reservara algo máis de 122.000 euros -co IVE aínda ao 18%- para adquirir dez unidades máis tanto de computadores como de equipos de impresión.

Malia aos anuncios públicos das autoridades autonómicas ao respecto da súa implicación na promoción do software libre, as condicións estipuladas polo Parlamento son tan estritas que non deixa marxe ningunha a que as empresas interesadas poidan realizar ofertas baseadas en sistemas operativos, libres ou privativos, que non sexan Windows e que, eventualmente, poidan ser máis baratos ou simplemente adaptarse mellro ao traballo parlamentario. Os licitadores, di a documentación do contrato, deben presentar unha única oferta, "sen alternativas nin variantes" para subministrar os devanditos 75 ordenadores con cadansúa licenza de Windows 10 Pro 64 bits, orixinal e "en castelán", sen mención ningunha ao uso do galego -aínda que a Xunta chegou a achegarlle fondos públicos a Microsoft para o uso da lingua galega nos seus programas-.

O Parlamento mercará 75 ordenadores con licenzas de Windows 10 e co castelán como idioma por defecto, sen mención ningunha ao uso do galego

Un tamaño mínimo de pantalla de 12,5 polgadas e un máximo de 13,3, un disco duro de 128 xigas ou unha batería cunha autonomía mínima de 12 horas son outras das esixencias para uns ordenadores que o Parlamento recibirá con "maletíns de nailon ou neopreno, de boa calidade". O contrato implica ademais que a empresa se faga cargo do "mantemento total" dos equipos durante os catro anos da lexislatura, tendo a obriga de atender incidencias de luns a venres, de oito da mañá a oito do serán, cun tempo de resposta máximo de media hora e dous días como límite para a súa resolución. Á subministración dos equipos, ordenadores e impresoras, o Parlamento destina ata 98.980 euros e ao servizo, ata 18.150. En total, 117.130 euros.

Esta renovación prodúcese mentres fica clara, unha vez máis, a práctica inutilidade dos pequenos ordenadores de sobremesa que a Presidencia decidiu instalar en cada escano durante a lexislatura do bipartito, e catro anos despois de que Windows fose xa unha esixencia para a subministración dos equipos para a lexislatura que agora remata. Daquela o gañador do concurso público fora El Corte Inglés, que se fixera co contrato por 119.000 euros, uns 3.000 menos que o importe da licitación.

Pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.