Primeiro domingo de campaña e primeiro domingo de enquisas co PP asentando a súa maioría absoluta. Os dous primeiros inquéritos públicos neste inicio de campaña cara ao 25-S discrepan notablemente na estimación de escanos no Parlamento para a vindeira lexislatura pero ambos coinciden nun augurio: os conservadores de Alberto Núñez Feijóo poderían manter máis da metade dos asentos en xogo e, polo tanto, reter o Goberno sen precisar o apoio de Ciudadanos, caso de entrar.
Como xa sucedera nas súas anteriores edicións, a enquisa que prognostica un escenario máis axustado e, polo tanto, máis en consonancia coa chamada á mobilización que o PP reitera en cada acto é a realizada por Sondaxe para La Voz de Galicia. Este estudo sitúa os de Feijóo xusto no límite da absoluta, 38 escanos, e mesmo realiza unha estimación pouco habitual: mantén que o dominio do partido que actualmente goberna depende unicamente de 4.300 votos na provincia de Pontevedra. Sen eles, asegura, En Marea sumaría un escano máis e os populares ficarían sen absoluta.
Sondaxe dálle ao PP unha absoluta moi axustada e Infortécnica augura que ampliará os seus actuais 41 escanos
O inquérito de Sondaxe, igual que en enquisas previas, asegura que a segunda forza do Parlamento e primeira da esquerda será a formación que lidera Luís Villares, con 19 escanos que poderían tornar en 20 con eses catro milleiros de votos aos que apunta. Por tras estaría o PSdeG, que perdería 3 escanos ata ficar en 15, e a continuación o BNG, que pasaría de 7 a 2 postos. A enquisa de La Voz completa o seu hemiciclo cun escano para Ciudadanos.
Un panorama distinto na oposición, pero esencialmente igual no goberno, é o que debuxa a enquisa de Infortécnica para La Región e Atlántico Diario. Neste caso, a conclusión é que o PP podería manter a súa maioría absoluta intacta, como prognosticaba o CIS, perder un escano ou mesmo gañar ata 4, chegando aos 45. A discrepancia a respecto de Sondaxe dáse tamén no que sería liderado da oposición; segundo Infortécnica seguiríalle correspondendo ao PSdeG, que perdería de 1 a 3 escanos, oscilando entre 15 e 17. En Marea, pola súa banda, lograría 12 ou 14 e o BNG, de 3 a 5. Infortécnica coincide co CIS tamén en situar a Ciudadanos ao bordo da representación, con 0 ou 1 escanos.