Sánchez insta a “xubilar” a un Feijóo que “non sabe que dicir” ante a “corrupción” de Baltar

Sánchez e Leiceaga, este martes en Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Os folgos na caravana da campaña do PSdeG eran este martes un chisco superiores. No cuartel xeral dos socialistas galegos o debate da CRTVG deixou un bo sabor de boca e abriu un mellor clima para recibir o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, de novo en Galicia e disposto a implicarse na campaña de Xoaquín Fernández Leiceaga coa intención declarada de mobilizar o electorado socialista que se poida mover na indecisión. Nesa clave foi na que interveu Sánchez nun acto en Lugo con persoas maiores, ás que convidou a “xubilar” o actual presidente da Xunta mediante un “cambio” con Leiceaga ao “temón”.

O líder do PSOE desenvolve unha intensa axenda en Galicia

O que viu do debate galego serviulle a Sánchez para concluír que as semellanzas entre o candidato do PP e o seu xefe de filas, Mariano Rajoy, permanecen intactas. O actual titular da Xunta, afirma Sánchez, “aprendeu” de Rajoy a “política de brazos cruzados”, tanto “ante os problemas dos galegos” como ante a presunta corrupción. Para mostra, resalta, a falta de explicacións no debate ante o caso Baltar. “Non soubo que dicir, agás 'e ti máis'”, sintetiza.

O Donald Trump do AVE Lugo-Ourense

Leiceaga lembra que Feijóo prometeu construír o AVE "con cartos da Xunta": "Representa ben o que é"

Sánchez equipara a Feijóo con Rajoy e Leiceaga procura unha semellanza na outra beira do Atlántico. Na súa intervención en Lugo o aspirante á Presidencia lembroulle ao líder dos conservadores a que fora unha das súas propostas estrela para a provincia lucense en 2009, da que nada se volveu saber: “Feijóo veu e dixo 'eu vou facer o AVE Lugo-Ourense cos recursos da Xunta e vou conseguir que Fomento o pague'. Representa ben o que é Feijóo”, di.

Esta promesa de Feijóo, ironiza o socialista, non é moi distinta do “famoso muro de México” que Donald Trump promete na campaña estadounidense, asegurando ademais “que vai conseguir que o paguen os mexicanos. Ambas foron “promesas que todo o mundo sabe” que nunca chegarían a ser cumpridas. No caso do inédito compromiso ferroviario só ten un escenario posible: “o camiño virtual, a Arcadia feliz” do candidato á reelección.

Sánchez, entre Leiceaga e Sestayo. CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.