2018, a data imposible para o AVE que só PP e Ciudadanos manteñen

Situación das obras do AVE entre Zamora e Ourense CC-BY-SA Praza Pública

É materialmente imposible que en 2018 estea rematado o AVE Galicia-Madrid porque non se comezou a mover aínda nin unha pedra nos 17 quilómetros que separan a cidade de Ourense de Taboadela. Malia iso, no seu programa electoral o PP galego teima en asegurar que “a súa chegada no ano 2018 é irrenunciable”. Aspiración á que agora vén de sumarse Ciudadanos, por boca do propio Albert Rivera, que quere “a finalización e chegada definitiva en 2018 dese AVE” logo de varios anos reclamando a súa paralización por consideralo pouco rendible, sen ter en conta argumentos de reequilibrio territorial. Sen propor ningunha data, PSdeG e BNG limítanse a prometer nos seus respectivos programas electorais que reclamarán o remate da infraestrutura e En Marea nin a menciona.

PSdeG e BNG piden rematar o tren rápido pero non lle poñen data e En Marea óbviao

Cando o 21 de xullo de 2001 os presidentes Aznar e Fraga e os seus responsables de obras públicas Álvarez-Cascos e Cuiña colocaron nas proximidades de Santiago o que denominaron primeira pedra do AVE galego, lanzaron a promesa de que a liña que uniría A Coruña con Vigo estaría rematada en 2007 e a que enlazaría con Madrid en 2009. A primeira, un tren rápido pero non un AVE puro, rematouse o ano pasado, con oito anos de atraso, pero aínda está instalándose nela o sistema de seguridade ERTMS, o que estaba desactivado no accidente de Angrois, que a partir do ano que vén permitirá mellorar algo máis os seus tempos e frecuencias. A segunda, que acabará sendo un AVE auténtico, segue sen data clara de remate.

Á promesa de 2009 foron engadíndose logo as de 2012, 2015 e a actual de 2018. Cando as datas de 2012 e 2015 dependían de gobernos centrais do PSOE, o PP galego fiscalizou estritamente as obras ata o punto de que o seu daquela voceiro de infraestruturas, Alejandro Gómez, denunciara unha demora parcial dunha semana. Logo chegou a crise económica e, xunto co consenso tácito de todas as forzas políticas de que había outras prioridades máis urxentes, a presión polos prazos foi minguando. Malia iso, as obras tampouco sufriron grandes estancamentos durante o mandato da popular Ana Pastor á fronte de Fomento.

Aínda non se iniciaron as obras nuns 17 quilómetros entre Ourense e Taboadela e o Goberno en funcións ten paradas as licitacións

Porén, desde o pasado decembro o Goberno está en funcións e, desde que Pastor foi nomeada presidenta do Congreso a mediados de xullo, o ministerio nin sequera ten un ministro á fronte senón que é xestionado de xeito delegado polo titular de Xustiza. Con esta situación, as licitacións paráronse, algo que non afecta á maioría dos treitos que xa están en construción en fases ben avanzadas entre Zamora e Taboadela, pero os 17 quilómetros entre esa localidade e a estación da capital ourensá viron como o ano pasado o Goberno reiniciaba a súa tramitación ambiental. Aínda hai que licitar e adxudicar as obras, polo que xa é imposible que estas rematen para que a liña entre en servizo en 2018.

Malia non estar rematados eses 17 quilómetros Adif e Renfe poderían implantar diversas alternativas técnicas tanto mellorando a liña xa existente para que os trens de alta velocidade a empreguen de xeito temporal mentres non se remata a liña de AVE, como incorporando trens rápidos que poidan empregar ambos tipos de vías. A experiencia das graves consecuencias do accidente de Angrois que supuxo a provisionalidade coa que se puxo en servizo o treito Ourense-Santiago non impediu que en plena campaña electoral das xerais do pasado decembro Fomento tamén abrise de xeito incompleto o treito Olmedo-Zamora, con parte do seu trazado en vía simple e sen o sistema de seguridade propio do AVE.

O túnel do Padornelo, de algo máis de seis quilómetros, tamén require dunha solución provisional antes da configuración definitiva do AVE a Madrid

Pero xa antes de que se confirmase a demora do treito Taboadela-Ourense estaba prevista unha solución provisional noutro punto, o túnel do Padornelo, de algo máis de 6 quilómetros. Adif está a construír unha liña de AVE de dobre plataforma nova en todo o trazado entre Madrid e Galicia excepto nese punto. Alí está a construír un único túnel novo paralelo ao xa existente na liña convencional. Cando se remate, a súa intención é trasladar ao novo subterráneo todos os trens, AVE e convencionais, para proceder logo a renovar e ampliar o túnel vello e que funcione á vez como segunda plataforma da alta velocidade e acceso para a vía única convencional. Iso tamén será despois de 2018.

 

Actos de inauguración da liña Santiago-Ourense, en decembro de 2011 © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.