PSdeG, En Marea e BNG coinciden en comprometer a "restitución" dos libros de texto de balde

Mencións aos libros de texto nos programas de PSdeG, En Marea e BNG CC-BY-SA Praza Pública

En plena campaña electoral as forzas políticas están a lanzar múltiplas promesas sobre todas as áreas de Goberno da Xunta e tamén sobre algunhas sobre as que o Executivo galego apenas ten marxe de manobra. No ámbito da esquerda, apelacións máis ou menos xenéricas á "igualdade de oportunidades", á "xustiza social" ou a reverter recortes conviven con outros compromisos máis concretos e, sobre todo, cuxo cumprimento sería máis doadamente medible no caso de que estas forzas chegasen a acceder ao poder. Unha das máis directas e coincidentes entre PSdeG, En Marea e BNG -tamén con outras forzas, como CxG- é a "restitución" da gratuidade dos libros de texto en todos os niveis do ensino público obrigatorio mediante un sistema de préstamo.

A gratuidade universal dos libros de texto foi unha das medidas estrela do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Anunciada a comezos de setembro de 2005 por Emilio Pérez Touriño e a daquela conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, a medida supuña estender a toda a Educación Primaria a gratuidade que o goberno Fraga implantara pouco antes nos cursos cuarto e sexto. O proceso foise estendendo ata que, en 2007, a gratuidade mediante préstamo chegou a todos os niveis do ensino sufragado dende o erario.

O préstamo universal foi unha das medidas estrelas da coalición de PSdeG e BNG, que dera en reformalo polas protestas de libreiros e editores

A evidente satisfacción entre as familias do alumnado contrastou naqueles anos coas protestas de entidades como a Federación de Libreiros de Galicia ou a Asociación Galega de Editores, entre outras, que alertaban do peche de librarías e da diminución da edición de materiais didácticos por mor da actuación do Goberno. "O acceso á educación non pode estar mediatizado polos intereses de calquera sector" por "lexítimos" que sexan, retrucou inicialmente o presidente. No entanto, ante as persistentes protestas en 2008 a Xunta pactaba con ambas organizacións unha mudanza no sistema, consistente en trocar os empréstitos por axudas directas ás familias que cubrisen a totalidade do custo dos manuais. Evitábase así ademais, argumentou a Xunta, que os equipos directivos dos centros tivesen que asumir o traballo de organizar os libros.

A "gratuidade solidaria" que acabou sendo máis cara

Campaña publicitaria da Consellería de Educación en 2009

No entanto, o desenvolvemento daquela mudanza e a súa comparación co modelo de préstamo non puido chegar a comprobarse. En 2009, tras chegar ao poder coa bandeira da "austeridade", o novo Goberno do PP anunciaba, a través da Consellería de Educación que dirixía Jesús Vázquez, a fin do préstamo universal. Facíase para aforrar, argumentou o gabinete de Alberto Núñez Feijóo, pero tamén para circunscribir as axudas ás familias de rendas altas. Non era concibible, ilustraba daquela a Xunta, que "os netos de Amancio Ortega" ou "os fillos dos deputados" dispuxesen de manuais escolares de balde. Nacía así a alcumada como "gratuidade solidaria", axudas parciais para mercar os libros.

As axudas parciais foron inicialmente un aforro, pero acabaron sendo máis caras para a Xunta que o préstamo

Nun primeiro momento, efectivamente, o recorte traduciuse en aforro nos orzamentos da Xunta. No entanto, cando o novo modelo se estendeu polo conxunto do sistema educativo acabou sendo máis caro que o do bipartito e Educación viuse obrigada en varias ocasións a inxectar máis cartos dos inicialmente previstos nestas ordes de axudas para poder atender todas as solicitudes. Ademais, o propio Goberno admitía nos seus orzamentos que as axudas chegaban a menos volume de estudantado do anunciado por Feijóo ou Vázquez.

O Goberno lanzou o pasado ano o "fondo solidario" de manuais tras criticar con dureza o préstamo durante media década

Neste protexto e entre recorrentes protestas, asociacións de pais e nais e tamén algúns concellos comezaron a artellar bancos de libros de texto para, en réxime de autoxestión, emular en plena crise o que ata 2009 facía a Xunta. A principios de 2015, cando os bancos municipais e das ANPAS xa estaban notablemente desenvolvidos, a Consellería de Educación daba un xiro e anunciaba a creación dun novo modelo de préstamo que conviviría coas axudas parciais. O propio Feijóo pasou a eloxiar como "solidario e progresista" o que antes atacara. O préstamo era prexudicial, dicía en 2009, porque impedía a "creación de bibliotecas familiares nos fogares".

Os programas electorais

Así e todo, o sistema mixto agora vixente segue sen garantir a gratuidade dos libros para o conxunto do ensino sostido con fondos públicos. E iso é o que os programas de PSdeG, En Marea e BNG aseguran que van restituír. Engaden, ademais, mencións a extensión do apoio para a compra de material escolar, axudas que o actual Goberno repuxo tras as eleccións municipais de 2015, un ano despois de eliminalas. Abren a porta, asemade, á promoción da elaboración de materiais didácticos que supere o modelo de libros de texto, na liña do reclamado por algúns movementos de renovación pedagóxica.

O PP compromete no seu programa que "manterá" o modelo de "fondo solidario" e axudas parciais

O PP, pola súa banda, indica no seu programa que creou axudas para que o estudantado "puidese adquirir os libros de texto ou material escolar" porque "cremos na capacidade do sector público para restablecer a igualdade de oportunidades que a crise danou. Comprometen, ademais, o mantemento do "modelo no que se axuda máis ás familias que máis o precisan, a través do Fondo Solidario e das axudas a libros e material escolar". O propio Feijóo advertiu nos últimos días que a súa aposta pasa por seguir esta liña e non retornar ao préstamo universal.

Banco de libros de texto CC-BY-SA Anpa San Francisco Xavier (A Coruña)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.