O pasado luns Praza.gal realizou un seguimento especial do debate electoral mantido na CRTVG por PP, PSdeG, BNG, En Marea e Ciudadanos. Durante o desenvolvemento do encontro a redacción de Praza constratou as intervencións dos candidatos e candidatas coa hemeroteca do xornal para, mediante a achega de pezas informativas baseadas en datos e fontes estatísticas, complementar as súas intervencións e comprobar se as mencións a cifras, á evolución de indicadores estatísticos ou a feitos máis ou menos concretos se correspondían ou non coa realidade.
Esta recompilación recolle boa parte dos contidos difundidos polo xornal mediante a nosa conta en Twitter durante as case dúas horas do debate. Emprego e desemprego, prezos do leite, emigración, subas e baixadas no orzamento da Xunta, estado dos sectores produtivos do país ou do persoal da Administración pública foron algúns dos datos máis recorrentemente mencionados por Alberto Núñez Feijóo, Xoaquín Fernández Leiceaga, Ana Pontón, Luís Villares e Critina Losada. Velaquí os chíos, para seren repasados sempre que for necesario.