O capitalismo feudal das caixas que condenou o Supremo

Núñez Feijóo, entre Gayoso e Méndez en novembro de 2009 © Xunta

No medio da campaña electoral galega, o Tribunal Supremo condenou esta semana a catro directivos de Novacaixagalicia, unha sociedade efémera que naceu da fusión de Caixa Galicia e Caixanova antes de ser vendida polo FROB, a dous anos de cárcere por administración desleal e apropiación indebida ou cooperación necesaria para levala a cabo. O ditame ratifica as penas que a Audiencia Nacional impuxo en 2015 tras xulgar as indemnizacións (18,9 millóns en total) que eses mesmos executivos se autoadxudicaran en 2010 desde os despachos máis altos da entidade.

Moito máis que un castigo a catro xerifaltes cobizosos, o Supremo xulgou toda unha era político-económica de excesos que bateu coa maior crise financeira mundial desde o 29

Moito máis que un castigo a catro xerifaltes cobizosos, o Supremo xulgou toda unha era político-económica de excesos que bateu coa maior crise financeira mundial desde o crash do 29.

Ningún do catro executivos condenados entrará en prisión pero a sentenza, que nin tan sequera mereceu demasiado espazo nas portadas, chanta o lamparón definitivo nos historiais dunha elite financeira á que ninguén tusiu en Galicia durante décadas. No ditame, escrito en 200 páxinas, figura o nome de Julio Fernández Gayoso. O sempiterno home forte de Caixanova, a caixa do sur de Galicia que creceu a forza de absorber entidades máis pequenas, o meritorio que entrou en Caixavigo con 16 anos apadriñado por un alcalde franquista e que logo se mantivo 47 anos no poder, está condenado como o cooperador necesario que axudou desde a cima de Novacaixagalicia nos trámites para abonar a catro executivos unha liquidación de 18,9 millóns de euros. Todo se cargou ás contas dun banco valorado daquela en 181 millóns. Falando claro: máis do 10% dos activos dedicáronse a pagar os despedimentos de catro dirixentes da súa cúpula.

Máis do 10% dos activos da entidade dedicáronse a pagar os despedimentos de catro dirixentes da súa cúpula

Ao elixido de Gayoso, José Luís Pego, un asesor de prensa que herdou todo o poder en Caixanova, o Supremo castígao con outros dous anos de cárcere por fixarse unha indemnización de 7,7 millóns, que saía de multiplicar o seu salario fixo (627.000 euros) polos 12 anos que quedaban para xubilarse cando entrou con plenos poderes en Novacaixagalicia dentro dunha operación apadriñada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A publicitadísima fusión de Caixa Galicia e Caixanova tiña como obxectivo pór a salvo o poder financeiro galego. O final é coñecido: un rescate con diñeiro público de 9.000 millóns de euros que acabou na venda da entidade resultante a un grupo venezolano por 1.003 millóns. O novo banco privado segue funcionando agora co nome comercial de Abanca. No tránsito, 1.850 persoas perderon o seu emprego a través dun ERE.

A fusión quixo pór a salvo o poder financeiro galego. Acabou nun rescate con diñeiro público de 9.000 millóns e na venda da entidade resultante a un grupo venezolano por 1.003 millóns

Os executivos daquel experimento chamado Novacaixagalicia que axiña foi liquidado polo FROB, Gregorio Gorriarán e Óscar Rodríguez, tamén foron condenados a dous anos de cadea e ao pago dunha multa de dez meses cunha cota diaria de 250 euros. Entre os catro directivos deberán devolver 14 millóns de euros dos seus despedimentos. A honra perdérana moito antes, cando empezaron os murmurios ao seu paso nos restaurantes de pompa e as súas caras percorreron Galicia de norte a sur nas pancartas que os preferentistas despregaron para denunciar a estafa sufrida por 40.000 pequenos aforradores. Algúns eran analfabetos e asinaron os contratos coas súas pegadas dixitais.

O Supremo respondeu ao recurso de casación presentado polas defensas que as xestións para aprobar esas indemnizacións millonarias no consello de Novacaixagalicia foron "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal". E mesmo considera suave a condena da Audiencia Nacional ditada en 2015 pola Audiencia Nacional. Pero non toca as penas porque o Supremo non pode agravar na resposta a un recurso de casación das defensas unhas condenas que considera "desproporcionadas pola súa exigüidade desde a perspectiva da gravidade das condutas".

A salvo de sentenzas xudiciais quedan outros privilexios como os plans de pensións millonarios establecidos nas antigas caixas de aforros. O propio Pego acumula un fondo de 10,8 millóns

A salvo de sentenzas xudiciais quedan outros privilexios como os plans de pensións tamén millonarios establecidos nas antigas caixas de aforros. O propio Pego acumula un fondo de 10,8 millóns. A Javier García de Paredes, director adxunto de Novacaixagalicia e absolto no caso das indemnizacións correspóndenlle 5,1 millóns. Gregorio Gorriarán ten 9,2 millóns e Óscar Rodríguez, 8,1.

 

Fin da 'omertá' dos banqueiros

O ditame do Supremo representa o punto final a unha longa época de omertá. A moitos anos nos que todos miraron a outro lado: os consellos de administración das dúas entidades financeiras -formados por personaxes de palla que se limitaban a apoiar a quen os colocaron neles e a presumir de obra social-, o poder político, os sindicatos e por suposto os medios de comunicación, beneficiarios directos desa orxía crediticia que fixo correr o diñeiro dos aforradores galegos cara a mans amigas, xa fosen investimentos en ladrillo en Levante ou suntuosas adegas. Ninguén se atreveu a indagar nunca nos negocios dos homes do diñeiro.

Todos miraron a outro lado: os consellos de administración, o poder político, os sindicatos e, por suposto, os medios de comunicación

Porque Gayoso non estivo só nos días de viño e rosas. Na caixa rival, a entidade do norte, sentaba o seu antagonista, José Luis Méndez, todopoderoso director xeral de Caixa Galicia durante 29 anos. Gayoso e Méndez. Méndez e Gayoso. Dúas figuras intocables para xornalistas e políticos que só tiveron problemas nos xulgados cando os seus castelos no aire xa se desmoronaran, cos balances das caixas practicamente crebados.

Se Méndez se librou do preito das indemnizacións que si xulgou ao seu inimigo íntimo, Gayoso, foi porque pactou a súa saída a tempo, en 2010, cando o Banco de España, tras ver os números de Caixa Galicia e a súa exposición ao ladrillo en aventuras de promotores valencianos, considerou o banqueiro incompatible con calquera plan de futuro. Cobrou por marchar 18 millóns de euros, exactamente a cantidade que esixiu para afastarse do proceso de fusión.

Méndez cobrou por marchar de Caixa Galicia 18 millóns de euros, a cantidade que esixiu para afastarse do proceso de fusión

Pero iso foi en 2010 cando as luces xa apagaran. Tres anos antes, no verán de 2007, viuse capaz mesmo de comprar unha illa, a de Sálvora, en plena ría de Arousa. A intrahistoria da operación reflicte ben o poder omnímodo que atesouraban naquel momento os señores das caixas. Méndez deu unha rolda de prensa para anunciar a súa adquisición por 8,5 millóns de euros que Caixa Galicia ía pagar a unha familia de nobres.

O director xeral de Caixa Galicia decidiu comprar a illa de Sálvora por 8,5 millóns. "Ai, Sálvora, ai San Vicente, hai cousas en Galicia que só as fai Méndez", cantou entre xornalistas

A venda de Sálvora suscitou unha tenue oposición nun sector do BNG, que gobernaba Galicia en coalición co socialista Emilio Pérez Touriño.  Un dos deputados nacionalistas, Bieito Lobeira, integrante da UPG, presentou unha pregunta parlamentaria para cuestionar que unha caixa se dedicase a comprar illas nun parque natural. O líder do BNG e vicepresidente da Xunta daquela, Anxo Quintana, obrigou ao que era portavoz do grupo parlamentario, Carlos Aymerich a retirar a iniciativa. Por se quedaban dúbidas sobre o cambio de plans, Méndez exhibiu nos despachos dos medios de comunicación unha carta do BNG pedíndolle desculpas. Meses despois, o Ministerio de Medio Ambiente exerceu o dereito de tanteo e quedou con Sálvora para protexela xunto a outros dous illotes. O episodio deixou unha copla para a historia. Logo de presentarse ante os medios exultante para anunciar a compra de Sálvora, Méndez permitiuse cantaruxar no ambiente habitual de troula cos xornalistas afíns unha canción tradicional sobre a illa coa letra cambiada: "Ai, Sálvora, ai San Vicente, hai cousas en Galicia que só as fai Méndez".

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.