A Xunta enléase coa promesa de Feijóo de “blindar” o dereito dos castelanfalantes

Complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta CC-BY-NC-SA CIG

O pasado xoves o presidente Feijóo anunciou de xeito solemne desde o atril de San Caetano que o seu goberno viña de aprobar un decreto de atención á cidadanía que “blinda por decreto” o “dereito” dos castelanfalantes na resposta de queixas ou suxestións por parte da Xunta. Fíxoo a dez días do 25-S, no que o PP teme perder a súa maioría absoluta a mans de Ciudadanos e as súas promesas contra a normalización lingüística. Segundo dixo Feijóo, fronte a situación anterior en que a Xunta contestaba sempre en galego a non ser que o cidadán pedise de xeito expreso unha atención en castelán, o que se denomina “oferta positiva” para mellorar o prestixio do galego desde a Administración, o novo decreto contemplaría que se lle contestase de xeito automático no mesmo idioma que emprega o cidadán. Porén, nestes dous días a Xunta vén dando versións contraditorias sobre a medida sen que aínda se coñeza a textualidade dese supostamente aprobado novo decreto.

O propio goberno galego resta importancia aos cambios anunciados con solemnidade polo presidente a dez días do 25-S, no que o PP teme perder a súa maioría absoluta a mans de Ciudadanos e as súas promesas contra a normalización lingüística

O xoves, cando Feijóo anunciou a aprobación do novo decreto de atención á cidadanía, foi el mesmo quen salientou a cuestión lingüística nunha norma moito máis ampla que regula tamén aspectos como a atención a persoas discapacitadas ou os medios tecnolóxicos a empregar. De feito, nas dúas notas de prensa distribuídas posteriormente pola Xunta, uns cinco folios de explicacións, a cuestión da lingua era minimizada polo propio goberno galego e só figuraba nunha delas e cunha única frase: “dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada”. Así formulado, e como admitiron o propio Feijóo e un voceiro oficial consultado posteriormente, xa existía ese dereito se o cidadán o pedía de xeito expreso.

A novidade, segundo dixo Feijóo, é que agora “segundo como consulte o cidadán, se lle atenderá”. “Se o cidadán fai unha consulta en galego, será contestado en galego; se o cidadán consulta en castelán, será contestado en castelán”, incidiu, sen que o cidadán teña que pedilo expresamente. E o voceiro do Goberno galego logo consultado ratificou que “víñase contestando en galego, salvo que se solicitase expresamente contestar en castelán”. E engadiu: “Agora adaptarase ao idioma que empregue o cidadán”.

Ao coñecerse a nova, a Mesa Pola Normalización Lingüística denunciou que a medida sería unha “derrogación encuberta da Lei de Normalización Lingüística” pensada só para “rabuñar o sector máis extremista e intransixente do electorado” e coa que remataría a “oferta positiva” do galego por parte da Administración como axente prestixiador da lingua propia, algo aprobado por todos os grupos parlamentarios, incluído o PP, no Plan de Normalización Lingüística impulsado en 2004 polo goberno de Fraga.

O borrador que o Goberno galego someteu a exposición pública o pasado xuño nada dicía sobre o uso da lingua na atención ao cidadán

Este sábado La Voz de Galicia publica na súa edición impresa media columna titulada “La Xunta aclara que no hay cambios en la atención al ciudadano” e na que indica que o Goberno galego “aclarou onte”, sen indicar a través de que medio, que o novo decreto “non cambia -senón que fixa- o marco normativo nin os hábitos de promoción da lingua propia de Galicia na Administración autonómica”. E engade que a Xunta transmite que “consonte a isto só se fixo referencia ao dereito da cidadanía a recibir unha resposta na lingua cooficial solicitada pola persoa interesada” e que “no caso de non existir unha solicitude expresa, a lingua utilizada pola Administración autonómica será normalmente a galega”. De ser así, efectivamente non habería ningún cambio a respecto da situación anterior, polo que o  discurso de Feijóo desde o atril da Xunta non tería ningún contido real e estaría pensado en clave electoral para atraer aos simpatizantes da loita contra a normalización lingüística. Ao tempo, o voceiro oficial do Goberno consultado por este diario tería transmitido unha información falsa.

Pero nesa suposta aclaración da Xunta a través de La Voz de Galicia hai máis matices. Na versión en papel engádese un parágrafo máis que na información en internet. Nel dise, pero xa non en estilo directo senón indirecto, sen comiñas, que “la única novedad es que en las solicitudes al teléfono 012 la Administración usará la lengua elegida por el usuario en la selección de la llamada”. Porén, esa situación é a que se dá xa agora. Cando un chama ao 012, a resposta que obtén é unha mensaxe que primeiro ofrece en galego a posibilidade de ser atendido nese idioma marcando o 1, que logo en castelán ofrece a posibilidade de ser atendido dese outro xeito marcando o 2, e unha terceira que en inglés ofrece o inglés marcando o 0.

Por outra banda, o xoves, ao tempo que se consultou ao goberno galego para evitar malentendidos coas verbas de Feijóo, este diario pediu ao voceiro autonómico o texto do decreto efectivamente aprobado polo Consello da Xunta, que terá que saír publicado nos próximos días no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor. Este sábado este diario volveu pedir ao Goberno galego unha aclaración ás diversas versións transmitidas. Á espera de coñecer textualidade do decreto, o borrador que o Goberno galego someteu a exposición pública o pasado xuño nada di nas súas 23 páxinas, 24 artigos e oito disposicións finais sobre o uso da lingua na atención ao cidadán.

Feijóo, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.