“Á Xunta faltoulle previsión co lácteo e hoxe faltan axudas para innovar no sector”. Con esta frase, pronunciada xunto a Toni Cantó ao inicio desta campaña electoral, Cristina Losada (Vigo, 1954), adaptaba na súa nova faceta de candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta o seu anterior discurso de comentarista liberal en Madrid que a levara a criticar o “arraigo en Galicia dunha cultura da subvención, da que xurde unha actitude basicamente pasiva e ruidosamente queixosa”. Aqueles eran os tempos en que Losada acusaba a mariñeiros galegos de ficar nos bares en lugar de limpar o chapapote do Prestige porque xa chegarían as axudas públicas. Nesta campaña, as axudas son para ela máis necesarias que a política.
A candidata de Ciudadanos (Vigo, 1954), desenganada coa súa mocidade esquerdista, tenta facerse un oco no amplo espectro político que abarca o PP de Galicia
Malia dicir ser de Vigo, Losada preséntase nestas eleccións como cabeza de lista pola Coruña, a provincia con máis escanos en xogo e polo tanto na que máis opcións ten de saír elixida. Porén, a súa vida profesional estivo ata o de agora centrada en Madrid desde que rematou o bacharelato e marchou á capital a estudar Ciencias Políticas e Socioloxía na Complutense. Foi alí onde di que participou na oposición antifranquista nun grupo trotskista ata que, coa chegada da democracia, comezou a desilusionarse coa actuación da esquerda no novo sistema político. “As miñas crenzas políticas fixéranse unha confusa bola de cinzas unha vez sometidas ao lume da realidade”, di. Unha incineración mental que segundo ela foi completa logo dos atentados do 11 de setembro de 2001 en Estados Unidos, cando ao seu ver a esquerda non diagnosticou correctamente as causas dos mesmos. O ano seguinte comezou a escribir en Libertad Digital e en 2004, o mesmo día dos atentados do 11-M en Madrid, culpaba inmediatamente deles a ETA.
Esa tese da responsabilidade do terrorismo vasco no 11-M seguiuna a manter anos despois defendendo a grupos como Peones Negros, que “reclaman a verdade” sobre aqueles atentados. Foi nos anos do Goberno de Zapatero, no que comezou a criticar desde as tribunas da dereita o que cualifica como “o conglomerado político-mediático que chamamos, para abreviar, esquerda”.
Como xornalista defendeu a Fraga e xustificou a amizade de Feijóo con Marcial Dorado
Boa parte da atención de Losada na última década e media estivo centrada na axenda política estatal, pero tamén gardou espazo para Galicia e para a defensa de Fraga tanto no persoal como no político. Igualmente, limitou a un “erro de xuízo” a amizade do seu agora contrincante, Alberto Núñez Feijóo, con Marcial Dorado xa que naquela época “era fácil, en Galicia, coñecer un contrabandista daqueles”. Pola contra, a súa preferencia ao falar de Galicia nos últimos anos sitúase no debate lingüístico, en concreto na asunción das teses da asociación Galicia Bilingüe, contrarias ao prestixiamento do galego a través da normalización lingüística. Nesta campaña todos os comunicados de Ciudadanos/Cidadáns se están divulgando nos dous idiomas, con frecuentes traducións automáticas ao galego desde o orixinal en castelán, como revelan diversos erros cometidos.
Os seus problemas co idioma propio de Galicia reflicten só unha parte das dificultades da candidata de Ciudadanos para ofrecer un discurso coherente sobre a cuestión identitaria de Galicia. Nunha entrevista en V Televisión, na que admitiu que descoñece cal é o orzamento anual da Xunta -preto de 9.000 millóns de euros-, preguntóuselle se Galicia é un país. A súa resposta íntegra foi a seguinte: “Nós dicimos país para Galicia para cousas que non queren dicir que sexas unha nación ou un estado, simplemente se fala de país, desde pequena eu escoito dicir, non sei, judías do país, o sea...” Unha explicación máis razoada da súa visión que a que requiren as urxencias dunha entrevista pode ser a que deu nun dos seus últimos artigos antes de entrar en política: “Ciudadanos representa unha ameaza para ese consenso identitario” que vía en Galicia e no que incluía ao PP, e engadía que o seu actual partido “é alleo a ese consenso e por iso se lle castigará”.
Sen unha gran proposta rechamante, á marxe dos bandazos que está a dar o seu partido coa esixencia da dimisión de Baltar, o que veu reclamando Losada foi menos política
Para tentar paliar ese castigo, o eixo desta a súa campaña, á sombra das visitas a Galicia dun Albert Rivera cun discurso en clave estatal, está sendo o de prometer pouca política e poucas políticas. Sen unha gran proposta rechamante, á marxe dos bandazos que está a dar o seu partido coa esixencia da dimisión de Baltar, o que veu reclamando Losada foi “que a política saia dos hospitais” e que se pechen chiringuitos.
O presidente en funcións e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, di que o seu plan de redución de entes paralelos está case rematado e que a sanidade é xestionada de xeito técnico e profesional, non con intereses políticos. Feijóo tamén vén de asegurar a “blindaxe” do dereito dos castelanfalantes cando son atendidos pola Xunta, malia que a medida sexa máis cosmética que de efecto real. Así que a Losada non lle debera resultar difícil asumir a consigna que lle deu Rivera, disposto a apoiar a Feijóo en menos dun mes se este non consegue a maioría absoluta con tal de evitar o que dá por feito que sería un goberno inestable dos grupos de esquerda.
O amplo espectro político que abarca o PP de Galicia preséntase como unha das principais dificultades da ex-trotskista madrileña para adaptar o seu discurso liberal ás singularidades do país. Talvez por se non o consegue, na súa conta de Twitter a propaganda sobre o seu partido non ocupa un lugar tan privilexiado como a promoción do seu último libro: “Un sombrero cargado de nieve”.