Rajoy rememora en Betanzos a creación do PP a partir da fragmentación previa da dereita

Rajoy durante un paseo polo feirón de Santa Comba Dominio Público @marianorajoy

Como se lle quixese explicar á dividida esquerda o que ten que facer para acadar o poder, este luns o presidente do PP, Mariano Rajoy, lembrou en Betanzos un dos motivos polos que o seu partido é o máis votado en España e Galicia: porque aglutina baixo unhas mesmas siglas a inmensa maioría da dereita e boa parte do centro.

O presidente eloxia a unidade do PP fronte á división da esquerda: “Ao principio eramos poucos, logo fúmonos unindo, logo uns que estaban nun sitio, aínda que pensando o mesmo ca nós, fixeron un grande esforzo e acabamos xuntándonos"

“Isto non é unha pandilla, isto non naceu hai un cuarto de hora, este partido político existe desde que en España existe a democracia, ao principio eramos poucos, logo fúmonos unindo, logo uns que estaban nun sitio, aínda que pensando o mesmo ca nós, fixeron un grande esforzo e acabamos xuntándonos todos, cada vez fomos máis, nós non somos o produto dun faladoiro de radio e de televisión”, dixo Rajoy. Referíase, sen citalo, ao longo proceso de acumulación de forzas desde o centro ata a extrema dereita que se iniciou coa creación en 1976 de Alianza Popular como unha federación de sete partidos (Reforma Democrática, Unión del Pueblo Español, Acción Democrática Española, Democracia Social, Acción Regional, Unión Social Popular e Unión Nacional Española, este último no que se iniciou en política o propio Rajoy), que posteriormente, coa súa refundación como Partido Popular en 1989, aínda seguiría sumando formacións como o Partido Liberal ou o CDS.

Fronte a esa suma de forzas da dereita, Rajoy presentou unha esquerda dividida nunha sopa de siglas “que o único que teñen en común é que queren que non goberne o PP”. Para evitalo, di o líder popular, nestas autonómicas o seu partido presenta a Feijóo, “un candidato que representa á Galicia moderada, temperada e realista”.

O voceiro local do PP evidenciou que os xefes territoriais da Xunta son cargos políticos e non técnicos como pretendeu facer ver Feijóo en 2009

Así o dixo, logo de percorrer Santa Comba e Pontedeume, nun mitin en Betanzos, onde máis se adoitan parecer os resultados dunhas eleccións a nivel local ao total a nivel autonómico. Alí, na vila natal doutro dos símbolos da dereita galega, o agora presidente do Consejo de Estado José Manuel Romay Beccaría, abriu o mitin o voceiro local do PP, Ángel Rodríguez. Foi el quen saudou un por un aos diversos cargos populares presentes na sala, entre eles varios xefes provinciais de varias consellerías. Ao nomealos e agradecerlles o seu traballo por Betanzos evidenciou que os seus son postos de confianza do PP e non son técnicos, como pretendeu facer ver en 2009 Feijóo cando suprimiu os anteriores delegados provinciais que tiña cada consellería por cinco superdelegados do goberno cos xefes provinciais por baixo deles.

No mitin tamén interveu o cabeza de lista pola provincia da Coruña, Diego Calvo, quen centrou a súa intervención na crítica á xestión local dos alcaldes do cambio. “En Santiago non saben tapar as fochancas”, resumiu.

Rajoy durante unha visita a Pontedeume Dominio Público @marianorajoy

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.