Rajoy mete na campaña do PP galego o triunfalismo e a corrupción dos que foxe Feijóo

Rajoy e Feijóo no mitin de Pontevedra, no que era difícil atopar as siglas do PP Dominio Público PP de Galicia

O pasado domingo, ao coñecerse que todas as últimas enquisas da campaña dan ao PP a maioría absoluta, o seu candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu na súa mensaxe mobilizadora: “Non hai aínda nin un só voto na urna”. Poucas horas despois o presidente do PP e do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, rectificábao en público: “Imos gañar as eleccións por moito, imos ter moitos máis de 38 escanos”. A incomodidade dos populares galegos co desembarco de cargos estatais do partido, e con eles do triunfalismo e a corrupción, chegara ao seu cumio.

Mentres Rajoy recupera a pantalla de plasma e eloxia o PP, Feijóo insiste nun discurso personalista e próximo que renega da política de partidos

Como en 2009, Rajoy estase a envorcar na campaña galega, especialmente no rural menos conflitivo, para tirar proveito propio dos bos resultados que poida obter o PP en Galicia. Pero non vén só e a súa propia presenza está a meter na axenda galega cuestións estatais polémicas, desde o intento de recolocar ao ex-ministro José Manuel Soria ata as evolucións do caso Bárcenas. De todo iso é do que tenta fuxir Feijóo e o seu equipo, como se evidenciou no debate da TVG, no que a corrupción foi a cuestión que máis lle incomodou. Ademais, ao contrario que en 2009, cando poucos confiaban no éxito de Feijóo, agora Rajoy non vén só, senón que outros cargos estatais tentan tirar o mesmo proveito ca el e atribuírse algún voto da vitoria dos seus. Tamén eles veñen coa mochila cargada.

A semana pasada a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, elixiu dar un paseo electoral pola praza de abastos de Santiago o día seguinte de que o Tribunal Supremo decidise abrir causa por branqueo á ex-alcaldesa de Valencia Rita Barberá. Feijóo xa explicitara a súa postura favorable á dimisión de Barberá “polo ben” do país e da “política limpa” cando Cospedal optou por saír en defensa dela.

Feijóo non logra librarse do caso Baltar e ve como os cargos estatais meten en campaña ademais os de Soria, Barberá e Bárcenas

Dous días antes, o propio Rajoy percorría Ourense co presidente provincial, José Manuel Baltar, imputado por prevaricación e suborno por supostamente ofrecer un emprego a cambio de sexo a unha muller tamén investigada na mesma causa. O día rematouno cunha forte defensa das deputacións provinciais e dicíndolle a Baltar que “noutras cousas”, sen aclarar cales, mira “para outro lado”.

Feijóo tamén avala a Baltar e non ten problemas e compartir con el todo tipo de actos, pero cada vez que se lle pregunta directamente polo caso opta por evasivas ou por minimizalo. Non só a preguntas dos xornalistas, senón mesmo ante a interpelación que lle fixo Ciudadanos, que condiciona o seu apoio ao PP se non obtén a maioría absoluta a que Baltar deixe o cargo, como símbolo da súa loita contra a corrupción. Feijóo relativizou a importancia do caso e dixo que os votantes de Ciudadanos prefiren evitar un goberno de Podemos cos nacionalistas antes que a marcha de Baltar.

A xeira de Rajoy por Ourense levouno a Avión, onde o PP obtén o 80% dos votos, polo que pouco rédito político podía ter a visita. De feito, no PP galego hai quen pensa que Rajoy non lles dá ningún voto e só pode contribuír a perdelos. Pero o presidente en funcións seguiu percorrendo Galicia, gardando silencio sobre a corrupción e permitíndose incluso dar leccións de unidade á esquerda. Así o fixo este luns en Betanzos, onde rememorou a creación do PP a partir da fragmentación previa da dereita: “Ao principio eramos poucos, logo fúmonos unindo, logo uns que estaban nun sitio, aínda que pensando o mesmo ca nós, fixeron un grande esforzo e acabamos xuntándonos todos, cada vez fomos máis”.

Mentres Rajoy eloxia a traxectoria do PP, Feijóo non só oculta as súas siglas senón que se presenta como quen “une aos galegos” fronte a “o que nos separan os partidos”

Mentres Rajoy cala ante os xornalistas, recupera as súas intervencións con pantalla de plasma e eloxia o PP de xeito triunfal, Feijóo insiste no seu discurso mobilizador e personalista, na proximidade cos votantes e os xornalistas e na fuxida non só das súas siglas senón mesmo da política en xeral. Así o fixo este luns ao pedir o voto “para todo o que nos une aos galegos que é moito máis que o que nos separan os partidos”.

Pero os cargos estatais do seu partido non están pola labor de que os galegos esquezan o PP. Este martes, tomando o relevo de Rajoy, a vicepresidenta do Goberno en funcións, Soraya Sáenz de Santamaría, que di vir a Galicia para "botar unha man" a Feijóo, está en Santiago e Vigo, e a presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, en Lugo e compartindo mitin en Santiago con Feijóo. Pero o presidente do Goberno volve coa previsión de percorrer o mércores o norte de Lugo, e o xoves Santiago. Feijóo non se poderá liberar de Rajoy e do risco de que opte por un discurso contrario ao seu nin no peche de campaña, no que está previsto que compartan mitin en Vigo.

Pantalla pola que a prensa tivo que seguir a intervención de Rajoy CC-BY-SA G.C.
Soraya Sáenz de Santamaría, este martes en Santiago Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.