Pontón: "A opción de quen queira cambio é o BNG, disputamos os escanos da maioría co PP"

Ana Pontón, con cabezas de lista e mais alcaldes e alcaldesas do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Na pontevedresa Praza do Teucro o equipo do BNG desmonta os aparellos do que vén de ser un dos seus mitins máis concorridos da campaña. A candidata á Presidencia, Ana Pontón (Sarria, 1977) inviste un bo anaco en atender asistentes ao acto que se lle achegan cando xa rematou. "¡Lo hiciste muy bien en el debate!", dixéralle antes unha muller que ía de paso. Ese debate, o que xuntou as forzas políticas ante as cámaras da TVG, foi precibido pola base do Bloque como toda unha inxección de moral. Tanta, asegura a presidenciable, como había anos que non se percibía na formación soberanista. "Nótase a remontada", afirma.

Como leva a campaña, que sensacións ten?
Lévoa ben, con moita ilusión e enerxía, porque hai moita xente ao meu redor que ma contaxia. Bótase en falta poder descansar un chisco máis, pero está sendo unha boa campaña.

As enquisas indican unha caída do BNG a respecto de hai catro anos, pero vostedes reiteran que os seus actos translocen ilusión…
Nos últimos anos pasaron moitas cousas, é evidente, e non podemos partir desa situación, senón de cal era a nosa posición nos últimos tempos. As enquisas son o principal instrumento para influír no voto e non para informar do que está pasando. E dende as pasadas xerais demostran que non dan nin unha. Por iso animo a todo o mundo que queira un cambio e unha forte presenza do nacionalismo para defender o país e poñer en marcha cambios transformadores, vaia votar o 25S. Se iso acontece, vai haber moito que festexar, porque imos enterrar politicamente o señor Feijóo.

"Se quen queren un cambio se mobilizan, o día 25 imos ter moito que festexar"

Falan vostedes de “efecto Pontón” e sitúan o punto de inflexión no debate da CRTVG. Víveo vostede así?
Os debates son importantes para a democracia e deberían estar blindados por lei. Para que ningunha persoa que se presente como candidata á Presidencia teña o privilexio de decidir se vai ou non, porque son un dereito da cidadanía. Eu lamento que o señor Feijóo fose a un debate e non queira volver debater. Parece que non lle saíu tan ben como di. É unha mágoa, porque un segundo debate sería importante, quedaron moitos temas por tratar. Se estivese disposto a nós daríanos igual o formato: cara a cara, a tres… Pero que non se agoche.

As enquisas teñen un valor relativo, pero o certo é que debuxan un PP instalado na maioría absoluta. Que motivos a levan a pensar que “hai partido”?
Que hai unha maioría social descontenta co que está a pasar no país. Porque non chega a fin de mes, porque hai máis listas de espera, porque se encareceu a volta ao cole ou ten traballos precarios, ou porque a mocidade está forzada á emigración. Con esas enquisas o PP tenta desmobilizar ese voto, para que non apareza o día 25. Por iso quero animar todas esas persoas a que a súa voz se escoite. Se se mobilizan, vai haber un cambio. E neste momento, quen lle está disputando a maioría ao PP son os escanos do BNG.

Poñen moito énfase nesa disputa de escanos. Como llo explicaría ao electorado que pode pensar que iso é difícil, que vostedes non comparten electorado co PP…
Non compartimos electorado, pero hai uns últimos escanos, os que menos votos custa conseguir, que se están competindo entre o BNG e o PP ou a muleta do PP, Ciudadanos. Quen teña dúbidas e queira que haxa un cambio, neste momento a súa opción é o BNG, que é o voto que vai derrotar o PP.

Vimos duns anos nos que pasaron moitas cousas na esquerda. Por que alguén que vote polo BNG pode ter a confianza de que está votando por un cambio de goberno?

"Nós non imos repetir a irresponsabilidade das forzas estatais, que entraron nun xogo de tronos ata resucitar o cadáver político de Rajoy. Nós temos seriedade"

Nós cos pactos estamos a dicilo con moita claridade. Imos falar de programas e non imos repetir a irresponsabilidade das forzas políticas estatais. Chámame a atención que hai poucos días Íñigo Errejón lle pedise aos galegos que botasen a Feijóo para derrotar a Rajoy. Eu preguntaríalle por que en decembro, cando o tiñan derrotado, en vez utilizar os votos da xente para poñer en marcha o cambio que prometeran, se entregaron a un xogo de tronos co PSOE e resucitaron o cadáver político de Rajoy. O Bloque non o fixo nunca nin o vai facer. Temos seriedade, tomamos moi en serio este país e non lle imos fallar aos galegos e galegas.

Alén do reparto de escanos, o que tamén di o CIS é que existe unha boa valoración do Goberno do PP. Como o interpreta, despois de anos tan convulsos?
Porque neste país funciona moi ben, por desgraza, a publicidade e a propaganda. O PP foi moi eficaz niso. Pero eu despois vexo que a xente pensa que é necesario un cambio de Goberno e que unha maioría así o pensa. Eu estou absolutamente esperanzada de que a partir do 25 de setembro imos abrir un tempo novo.

En moitos actos refírense a unha situación de “emerxencia nacional”. Cales serían as súas prioridades, máis alá de que hai medidas que, necesariamente, non poderían ser inmediatas?
A prioridade sería un plan de rescate dos servizos públicos que significa contratar máis profesorado, máis persoal sanitario, eliminar copagos que dificultan o acceso á sanidade, a posta en marcha dunha renda de integración social e a posta en marcha dun programa que facilite que non haxa emigración e haxa retorno da xente emigrada. Son para nós medidas importantes para avanzar cara a unha Galiza con máis xustiza.

Din que máis alá de “dicir o que se quere facer, hai que saber facelo” e poñen como exemplo os concellos. É a súa gran materia pendente, seren quen de trasladar os éxitos electorais municipais ao ámbito galego?

"O que xa facemos en Pontevedra, en Tomiño, en Bueu, en Carballo... Podémolo facer en Galiza"

En ocasións a política local despolitízase e parece que non son proxectos políticos os que conseguen cambiar as cidades. No entanto, quen estea atento pode ver que todos os gobernos municipais do BNG teñen elos en común. Son gobernos que transforman os seus núcleos urbanos, que apostan pola peonalización, polo comercio, por poñer en valor o patrimonio e a cultura, por unha economía de desenvolvemento local ou por políticas tan revolucionarias como que, por primeira vez, nun concello que é gran produtor de enerxía eléctrica a súa veciñanza vaia ter a luz case gratis, como é o caso de Muras. Ese é o programa do BNG trasladado ao ámbito local, por iso queremos que todo o potencial que hai no país o aproveitemos para facelo en Galiza. Se o facemos en Pontevedra, en Tomiño, en Bueu, en Carballo, por que non o imos facer en Galiza?

A respecto desa “despolitización”, Alberto Núñez Feijóo fai moito énfase niso. Sinala que estas eleccións non son cuestión “de partidos” ou “de siglas” e que el mesmo non se presenta por un partido, senón “por Galicia”…

"Feijóo é un magnífico propagandista, oculta as siglas do PP porque son sinónimo de corrupción"

Feijóo, que é un magnífico propagandista, o que quere é ocultar as siglas do PP. Porque o PP é sinónimo de corrupción. O adianto electoral está claramente marcado polo xuízo da Gürtel, porque quere fuxir da corrupción. Pero non ten ningunha credibilidade, é tan culpable da corrupción como o señor Rajoy, a señora Barberá ou o señor Baltar. Son dúas caras da mesma moeda.

A respecto disto, as fotografías de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado foron, posiblemente, o caso que máis o atinxiu persoalmente dende un punto de vista público. Nos últimos días o candidato do PP sinalaba que non agarda que lle pase unha especial factura electoral. Como o ve vostede?
Vemos, por exemplo, como ministras dos países nórdicos dimiten por dar positivo nun control de alcoholemia. Pero un presidente que demostra que no seu pasado ten un feito tan deshonroso como ser amigo dun narcotraficante non ten ningunha consecuencia. Iso dá a medida da súa falta de moral e ética política e mais de sentido democrático. Porque esa foto faille dano a Feijóo, pero sobre todo a Galiza, porque dana a nosa imaxe e nos avergoña.

"Feijóo nunca nos explicou a súa amizade co conseguidor da fraude nos cursos de formación, que non deixa de ser o caso galego dos ERE"

Pero non é o único compromiso que ten o señor Núñez Feijóo: nunca nos explicou a súa amizade con Pachi de Lucas, o conseguidor da trama de fraude nos cursos de formación, que non deixa de ser o caso galego dos ERE, a Operación Zeta, cunha vinculación moi clara co señor Feijóo, que viña co conseguidor á praza de touros de Pontevedra. E aí correuse unha cortina de fume e o tema desapareceu do debate. A corrupción non lle pasa máis factura porque hai un muro de contención que impide, en moitas ocasións, que os galegos e galegas teñan máis información do que acontece na Xunta. Eu estou convencida de que, se chegamos ao goberno, cando abramos as ventás coñeceremos o verdadeiro rostro do señor Núñez Feijóo.

Nese caso vostede sería partidaria do que se coñece como “erguer as alfombras”? Ao bipartito chegou a reprochárselle que non fixese o propio co goberno de Manuel Fraga…
Un goberno está para gobernar e solucionar os problemas da xente, pero tamén para transparentar a situación da Xunta. É lóxico analizar que pasou e revisar grandes casos que esconden outra corrupción, a legal, a que beneficia ás grandes empresas, como pode ser a privatización do hospital de Vigo ou a venda de Novagalicia Banco e a desaparición das caixas, que me segue parecendo un escándalo que ninguén estea na cadea. Os cidadáns teñen dereito a saber a verdade, é fundamental para que haxa democracia.

Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.