As zonas urbanas votan menos nas eleccións galegas que nas xerais. Que implica isto?

Diferenza de participación, por concellos, entre as autonómicas 2012 e as xerais 2015 CC-BY-SA Praza Pública

A participación electoral na nosa comunidade sempre tendeu a ser máis elevada nos comicios xerais que nas convocatorias ao Parlamento galego. Por exemplo, mentres nas eleccións galegas de 2005 un 64,21% dos e das residentes acudiu ás urnas, a participación nas xerais de 2004 e 2008 foi do 76,09% e do 75,46%. A tendencia mantívose nas convocatorias máis recentes: 64,43% en 2009 e 63,8% e 2012 nos comicios galegos fronte ao 71,82% de 2011, 73% de 2015 e 69,63% en 2016. Unha maior participación non beneficia necesariamente unha forza política concreta, senón que o efecto nos resultados dependerá -obviamente- de que grupos de electores e electoras queden na casa e cales decidan ir a votar. En Galicia, a maior abstención que se adoita rexistrar nos comicios autonómicos prodúcese debido a unha menos mobilización nas zonas urbanas, nas que a esquerda ten máis forza electoral. Mentres, nos concellos rurais os datos case non varían entre unhas convocatoras e outras. 

Neste gráfico pódese observar a evolución da participación nas sete cidades e nalgunhas das vilas máis importantes. Na última década, a diferenza situouse entre os 4 e os 10 puntos na Coruña, entre os 3 e os 12 puntos en Vigo ou entre os 5 e os 10 en Ferrol. A fenda é algo inferior en Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago, pero dispárase nos concellos das áreas metropolitanas, como Cambre, Redondela ou Narón. Nas vilas de tamaño medio o efecto é tamén máis limitado, pero mantense en todas as convocatorias.

Historicamente, a forza máis afectada por esta diferenza de participación foi o PSdeG-PSOE. Este absentismo, unido ao fenómeno do voto dual co BNG facía que nos anos 90, por exemplo, os socialistas se movesen entre un 33% e un 35% nas xerais e entre un 20% e un 24% nas autonómicas. Pola contra, entre 1993 e 1997 o PP mantívose estable no 53% dos sufraxios nas galegas, mentres que nas xerais ficaba no 47%.

Os mellores resultados para a esquerda sempre coincidiran con incrementos da participación. Por exemplo, no 2005 Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta nun escenario de menos abstención. E o mesmo sucedera nas xerais de 2004 e 2008, nas que con máis participación o PP perdeu forza en Galicia. Iso si, en 2009 o PP recuperou a Xunta cun significativo aumento da votación nas cidades.

Na eleccións de 2012 os populares afianzaron a súa maioría absoluta. A participación do censo de residentes mantívose estable, caendo apenas unhas décimas (pasou do 64,43% ao 63,8%) pero a abstención si creceu de forma importante nas cidades (8 puntos en Lugo e Ourense, 7 en Pontevedra, 5 en Vigo, Compostela ou Coruña) e nas grandes vilas, coincidindo cun resultado moi negativo do PSdeG-PSOE.

As xerais do pasado 20 de decembro, nas que o PP acadou en Galicia a máis baixa porcentaxe de voto (37%) dende 1979, non rexistraron un incremento da participación significativo: do 71,8% de 2011 pasouse ao 73%. Porén, nas grandes cidades o incremento foi de 4 ou 5 puntos, o mesmo que en concellos como Culleredo, Redondela, Narón ou Cambre.

Como será o comportamento electoral o vindeiro domingo? A cantidade de votantes das zonas urbanas que acudan ás urnas será semellante ao que se rexistra nos comicios xerais? Este mapa permite observar as enormes diferenzas que se producen por concello entre unha convocatoria autonómica (2012) e unha estatal (2015). 13 puntos na Coruña, 12 en Vigo, 11 en Ferrol e Pontevedra, 10 en Lugo ou 8 en Santiago e Ourense. As fendas chegan aos 15 puntos en Arteixo ou Cambre e superan os 10 en todo o Morrazo, área metropolitana de Vigo ou no Barbanza. Tamén son importantes en Bergantiños, Valdeorras ou na Mariña. Pola contra, no resto do país, sobre todo nas zonas máis rurais, apenas atopamos cambios entre a participación nun e noutro tipo de comicios.

Se historicamente esta maior mobilización nas eleccións xerais beneficiara ao PSdeG-PSOE, semella que desta volta impulsou os resultados de EnMarea. Os concellos cun maior incremento da participación entre 2012 e 2015 (Arbo, Arteixo, Cambre, Culleredo, O Grove, Oleiros, Sada, Narón, A Coruña e Baiona) están entre aqueles nos que a candidatura obtivo un maior éxito. 

Cómpre observar, de igual xeito, a evolución da participación nos comicios celebrados seis meses despois, o 26 de xuño, nos que se rexistrou un aumento de máis de tres puntos na abstención, sobre todo na Galicia atlántica, que coincidiu cunha gran perda de votos para EnMarea. Pola contra, unha boa parte dos concellos rurais da provincia de Ourense e do sur de Lugo si amosaron unha maior mobilización, que acompañou unha recuperación do PP. Este domingo os datos de participación que se coñezan ao mediodía e ás seis da tarde ofrecerán unha boa pista sobre os resultados finais dos comicios. Haberá que ollalos con atención. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.