Feijóo pide o apoio dos votantes de PSdeG e Ciudadanos “por todo o que compartimos”

Vista xeral do mitin deste xoves do PP na Coruña, no exterior de Palexco Dominio Público PP de Galicia

“Non pretendo ser o salvador de ninguén senón o servidor de todos”, asegurou este xoves o presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo. Nun mitin no exterior do Palacio de Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco) con varios milleiros de asistentes, Feijóo comezou a explicitar a que é a súa mensaxe final desta a súa campaña máis personalista: el é o presidente de todos os galegos, tamén dos que non lle votan, o que lle permite pedir o apoio dos simpatizantes de PSdeG e Ciudadanos.

“Non importa que os carteis sexan vermellos, laranxas ou azuis”, di o candidato do PP, que se presenta como “servidor de todos”, tamén dos que non lle votan

O candidato popular apela a “todo” o que une aos galegos para pedirlles que lle voten á marxe da súa ideoloxía persoal. “Non importa que os carteis sexan vermellos, laranxas ou azuis, o que importa é o que compartimos”, dixo, xa que “o que nos une é o benestar das nosas familias e o progreso do noso país”. Ás poucas horas, o PP distribuía unha imaxe coa cara de Feijóo en carteis coas cores laranxa e vermella de Ciudadanos e PSdeG, reforzando esa idea de suposto candidato apolítico e transversal que vén cultivando nesta campaña, fuxindo a un tempo das siglas do PP e da incómoda presenza en Galicia de Rajoy. “Nesa Galicia que soñamos non hai prexuízos”, asegurou. “Voten o que voten nestas eleccións, incluso aínda que non vaian votar, eu gobernarei para todos”, insistiu, e sentenciou: “Comprométome a ser o presidente de todos”.

Feijóo criticou na Coruña que o goberno de Marea Atlántica non coide "as árbores e o céspede"

Na Coruña, onde goberna Marea Atlántica, a máis importante e antiga das mareas municipalistas, Feijóo, ao contrario que noutros lugares, apenas se referiu a cuestións de política local, da que só lamentou que o Concello non coide “as árbores e o céspede” para asegurar que o fará o PP “cando volvamos ao goberno municipal”.

Antes de Feijóo, o cabeza de lista pola Coruña, Diego Calvo, pediu aos votantes de Ciudadanos que “concentren” o voto en Feijóo e aos seus propios simpatizantes lembroulles que “Arsenio [Iglesias, o ex-entrenador do Deportivo] nunca se fiaba, malia que o equipo que tivese diante fose moito máis frouxo”. Calvo cargou contra “o goberno das mareas”, do que criticou que considere máis prioritario “pór un humorista en cada autobús”, en referencia a algunha das actuacións organizadas polo gobenro local co gallo da semana da mobilidade, antes que o transporte metropolitano chegue ao centro da cidade. E a continuación contou que, nun pasado mitin en Ribeira, un mariñeiro fixéralle un prognóstico: “O 25 de setembro hai lúa minguante, e xa se sabe, con lúa minguante, marea morta”.

Beatriz Mato pide “que o populismo non se instale na Xunta como fixo nesta cidade, que a teñen ensuciada por non dicir chea do que xa vos imaxinades”

No mitin da Coruña tamén interveu a conselleira e número 2 pola provincia da Coruña Beatriz Mato. Ela pediu aos presentes “que o populismo non se instale na Xunta como fixo nesta cidade, que a teñen ensuciada por non dicir chea do que xa vos imaxinades”. Díxoo ao tempo que cualificaba A Coruña como “a gran dama do norte de España” e que aseguraba que Feijóo “gardou respecto aos de enfronte, o respecto que non lle gardaron a el”. Mato salientou que “os nosos mozos non queren emigrar, claro que non, por iso quedan en Galicia e [Feijóo] dálles as taxas universitarias máis baixas”. Por eses e outros motivos, a candidata pediu o voto aos descontentos “que por algunha razón se enfadaron con nós”.

O mitin abrírao antes a portavoz municipal do PP, Rosa Gallego, quen asegurou que “mentres Galicia crece, A Coruña está paralizada”. Calvo, Mato e Gallego fixeron as súas intervencións de xeito íntegro en castelán, mentres que Feijóo comezou en galego, cambiou ao castelán un par de minutos despois, e rematou en galego, ao contrario que na maioría dos seus mitins desta campaña, pronunciados só en galego.

Montaxe distribuída polo PP co rostro de Feijóo en carteis como os de Ciudadanos e PSdeG Dominio Público PP de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.