25-S: Así se transforman os votos en escanos do Parlamento

Sobres e papeleta das eleccións ao Parlamento deste 25S CC-BY-SA Praza Pública

Cando este serán os colexios electorais pechen a porta e finalice o voto en cada unha das mesas, comezará a funcionar o sistema que transforma os sufraxios do electorado en escanos do Parlamento cuxos titulares, as deputadas e deputados, votarán a finais de outubro ou comezos de novembro a persoa que ocupara á Presidencia da Xunta os vindeiros catro anos. Son 75 escanos dos que un terzo, 25, se elixen na provincia da Coruña, 22 en Pontevedra e en Lugo e Ourense, cadanseus 14 escanos. Esta distribución é o resultado de outorgarlle a cada circunscrición un mínimo de 10 escanos e de distribuír os 35 restantes en función da poboación. É aquí onde entra en xogo a tan célebre e deostada como pouco explicada regra d'Hondt.

Este método, que lle debe o seu nome ao matemático Víctor d'Hondt (1841-1901) baséase nun reparto proporcional de postos no Parlamento a partir dunha serie de divisións arrodeadas non poucas veces pola polémica por, segundo os seus detractores, potenciar o modelo bipartidista. Alén das interpretacións políticas, o certo é que a Cámara galega estará rexida por unha norma á que é posible achegarse a través do seguinte exemplo, no que simplificamos as cifras que se poden dar nunha circunscrición de tamaño semellante ás do interior galego.

Nesta hipotética circunscrición elíxense 10 escanos, aos que optan 6 partidos diferentes. Emitíronse 170.000 votos válidos. Para aplicar o método d'Hondt, o primeiro paso a aplicar é ordenar estas candidaturas de maior a menor, deste xeito:

Partido Votos válidos
A 90.000
B 40.000
C 20.000
D 15.000
E 3.000
F 2.000

Unha vez ordenadas, chega o momento do reparto. No caso galego, a primeira operación a realizar é deixar fóra do acceso aos escanos os partidos que non superasen o 5% dos votos -anteriormente, era o 3%, pero o limiar elevouse por mor da reforma electoral impulsada polo Goberno de Manuel Fraga. O cálculo realízase sobre o conxunto do voto válido, tendo en conta tamén os votos en branco. Neste caso, ficarían fóra do reparto o partido E, que con 2.000 votos ten apenas o 1,2% dos sufraxios válidos, e mais o partido D, cuxos 3.000 votos supoñen apenas o 1,8% do total.

En virtude da reforma electoral de principios dos anos 90, as forzas políticas que obteñen menos do 5% dos votos na circunscrición fican fóra do reparto

Co limiar do 5% xa aplicado, corresponde dividir os votos obtidos por cada candidatura, sucesivamente, entre cada un dos escanos, neste caso dez. Así, por exemplo, dividiremos os 90.000 votos do partido A entre 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9 e 10. Despois faremos o mesmo cos 40.000 votos da candidatura B, cos 20.000 votos da candidatura C e mais cos 15.000 votos do partido D. 

Unha vez obtidos os resultados destas divisións, chega a asignación de escanos. A candidatura co resultado da división cun valor máis alto (neste caso, 90.000) recibe o primeiro escano. O segundo valor máis elevado (na nosa simulación, 45.000) é o segundo escano, tamén para o partido A. O terceiro escano é o terceiro maior valor (40.000, para o partido B) e o cuarto escano, para o cuarto maior (30.000, de novo do partido A). A selección decrecente dos cocientes realízase ata asignar 10 escanos.

  Partido Votos válidos /1 /2 /3 /4 /5 /6 /7 /8 /9 /10
>5% A 90.000

90.000

45.000 30.000 22.500 18.000 15.000 12.857,14 11.250 10.000 9.000
40.000
>5% B 40.000 20.000 13.333,33 10.000 8.000 6.666,67 5.714,29 5.000 4.444,44 4.000
>5% C 20.000 20.000 10.000 6.666,67 5.000 4.000 3.333,33 2.857,14 2.500 2.222,22 2.000
>5% D 15.000 15.000 7.500 5.000 3.750 3.000 2.500 2.142,86 1.875 1.666,67 1.500
<5% E 3.000 3.000                  
<5% F 2.000 2.000                  

Neste caso, o penúltimo outorgado sería o do partido A (15.000) e o último, para o partido D, tamén con 15.000 votos. A asignación prodúcese deste xeito porque, en caso de empate, o escano asígnase á forza política que tivese un maior número de votos totais. Eis a razón pola que as forzas de menor dimensión pode acabar disputando escanos coas máis votadas. Sucedeu, por exemplo, nas xerais do pasado xuño, cando un escano estivo en loita entre o PP e En Marea por unha diferenza de apenas 1.000 votos na provincia de Ourense.

En síntese, a orde na que ficarían os resultados das divisións que dan lugar ao reparto de escanos sería a seguinte:

Escano Cociente Partido
1 90.000 A
2 45.000 A
3 40.000 B
4 30.000 A
5 22.500 A
6 20.000 B
7 20.000 C
8 18.000 A
9 15.000 A
10 15.000 D

E con estes números, o hemiciclo da nosa circunscrición imaxinaria ficaría coma este:

Este proceso realizarase no serán deste domingo coa suma dos votos de todas as mesas en cada unha das catro circunscricións nas que a normativa electoral divide Galicia, as catro provincias. Así ficará composto o novo Parlamento, que en virtude do decreto de convocatoria electoral será constituído na mañá do vindeiro 21 de outubro. A continuación a nova presidenta ou presidente da Cámara iniciará unha rolda de consultas coas forzas políticas como primeiro paso para a investidura do presidente ou presidenta da Xunta.

Vista do hemiciclo do Parlamento de Galicia Dominio Público Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.