Os candidatos e candidatas das principais formacións políticas están a pasar ou pasarán este sábado de reflexión coa súa familia e amizades, aínda que este mediodía -momento de facer as habituais fotografías e declaracións- varios deles e delas coincidiron en Compostela.
Alberto Núñez Feijoo visitou o ex presidente Gerardo Fernández Albor e deu un paseo pola Alameda compostelá, tomando un café no Bar Ferradura. Este venres produciuse a curiosidade de que por un momento pareceu que o candidato do PP ía coincidir coa candidata de Ciudadanos, Cristina Losada, pois as axendas de ambos os dous sinalaban que ás 12 estarían tomando un café no histórico Derby. Finalmente, Núñez Feijoo modificou a súa previsión, mentres que a líder da formación laranxa mantivo o plan inicial. Losada desprazarase pola tarde a Vigo, onde mañá votará.
Tamén coincidiron no lugar, aínda que en distintos horarios, o candidato do PSdeG-PSOE e a candidata do BNG, que acudiron pola mañá facer a compra á Praza de Abastos compostelá. Xoaquín Fernández Leiceaga, que mercou algúns libros en Follas Novas e tomou un café no Suso, aproveitará o resto da xornada de reflexión de hoxe para estar coa súa familia e descansar. Mentres, Ana Pontón dedicará a tarde a ler e acudirá aos cines Numax.
Mentres, Luís Villares dedicou a mañá a facer un treito do Camiño de Santiago en Sarria. Xantará en Lugo coa súa familia e amizades e, pola noite, acudirá ao Auditorio Municipal de Ourense para ver a última obra de Sarabela Teatro, dirixida pola cabeza de lista de Ourense, Ánxeles Cuña, Normas, usos e costumes para vivir na sociedade moderna. Finalmente, Xoán Bascuas tiña previsto pasar o día coa familia e con amigos.
Horarios de votación
Alberto Núñez Feijoo: 12 horas. Colexio Niño Jesús de Prada. Vigo
Xoaquín Fernández Leiceaga: 11 horas. Reitorado da USC. Santiago de Compostela
Luís Villares: 11 horas. Casa das Linguas. Lugo
Ana Pontón: 10:30 horas. Sede do CGAC, Santiago de Compostela
Cristina Losada: 11 horas. Vigo
Xoán Bascuas: 12.30. Antigas escolas de Marcelle. A Baña.