O alcalde de Ferrol limita as competencias de tres edís do PSOE, aos que acusa de "deslealdade"

Jorge Suárez e Beatriz Sestayo © Concello de Ferrol

"Non é un problema co PSdeG, senón con determinados concelleiros e concelleiras, cuxa intención -ao noso xuízo- foi dende o primeiro día actuar como grupo de oposición dentro do Goberno e tratar de minar o éxito electoral de Ferrol en Común". O alcalde ferrolán, Jorge Suárez, compareceu este mediodía para anunciar unha reestruturación das áreas de goberno no executivo municipal, retirando parte das competencias que ata agora tiñan Beatriz Sestayo, Germán Costoya e Bruno Díaz, que quedarían só coas áreas de Muller, Turismo e Festas. As outras dúas edís socialistas, María Fernández Lemos (Urbanismo) e Rosa Méndez (Medio Rural) si manterían as súas atribucións.

Sestayo comparecerá a última hora da tarde para anunciar se acepta o novo reparto

Jorge Suárez afirma que as razóns para esta decisión son a "falta de confianza" nestes concelleiros aos que acusa de "deslealdade", engadindo que "se chega a esta situación porque a acción de goberno non estaba a funcionar e non tanto por diferencias políticas senón por diferencias persoais que estaban a arrastrar o bo funcionamento de todas as áreas". 

Sestayo perdería Benestar Social, Promoción Económica e Consumo, Díaz deixaría de ocuparse de Deportes e Persoal e Costoya abandonaría Servizos e Mercados, áreas que momentaneamente pasarán a ser xestionadas directamente polo alcalde, á espera dunha redistribución. Haberá cambios tamén en órganos de representación (Xunta de Goberno, Mancomunidade, Emafesa ou Autoridade Portuaria). Sestayo comparecerá a última hora da tarde para anunciar se acepta o novo reparto. Ás 17 horas está convocada unha xuntanza do grupo socialista no concello e ás 19 horas unha executiva local.

Suárez explicou que o pacto de goberno co PSdeG-PSOE segue en pé, e que o segue a considerar "un socio de goberno fiable" para os dous anos e medio de lexislatura que restan. Engadiu que as súas relacións coa formación socialista son boas, tanto con outros alcaldes da comarca, co presidente da Deputación da Coruña coma con outros cargos e edís do PSdeG na cidade, limitando as tensións a estes tres concelleiros en concreto. "Dende xa iniciaremos negociacións co PSdeG-PSOE para estabilizar esta situación, enfrontar o resto da lexislatura con solvencia e con proxectos concretos", sinalou, engadindo que non descarta chegar a acordos co BNG, tanto dándolle entrada do Goberno local como chegando a compromisos puntuais.

"Non é un problema co PSdeG, senón con determinados concelleiros e concelleiras, cuxa intención -ao noso xuízo- foi dende o primeiro día actuar como grupo de oposición dentro do Goberno"

O enfrontamento motivado pola intención de Beatriz Sestayo de cesar a María Fernández Lemos, concelleira de Urbanismo, unha atribución que compete ao rexedor, engadiuse nas últimas semanas a unha longa lista de desencontros, que comezaron case dende o primeiro día. O obxectivo de conformar un goberno "unido, estable e cohesionado", como afirmaba o pacto inicial entre Suárez e Sestayo, con cinco áreas transversais que compartirían Ferrol en Común e PSdeG-PSOE, foi imposibilitado polas desconfianzas recíprocas e a existencia na práctica de dous executivos.

O malestar en Ferrol en Común co seu socio de Goberno creceu pola perda da xestión da importante área de Servizos, que en principio lle correspondía polo pacto inicial entre as dúas forzas. Houbo amagos de ruptura, discrepancias en varios asuntos e á hora de aprobar os orzamentos, adiados definitivamente, pero durante meses a tensión mantívose sen chegar a grandes xiros de temón ou rupturas. Ata hoxe.

Jorge Suárez, alcalde de Ferrol © EnMarea
Jorge Suárez e Beatriz Sestayo © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.