O alcalde de Vigo contrapón nunha entrevista en La Sexta o seu 51% nas municipais co que define como a campaña do “non é non” feita polo seu partido nas autonómicas
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, unha das voces destacadas do PSOE en Galicia, amosou este domingo nunha entrevista en La Sexta o seu rexeitamento a unhas terceiras eleccións xerais co convencemento de que o seu partido seguiría perdendo votos. Porén, Caballero evitou explicitar a súa postura persoal sobre unha posible abstención para facilitar xa a investidura de Mariano Rajoy como presidente do Goberno, responsabilidade que deitou nun próximo Comité Federal. Cara o futuro, asegurou que a presidenta de Andalucía, Susana Díaz, “sería unha líder extraordinaria para España”.
Segundo Caballero, no PSOE “é preciso cambiar de rumbo” e “hai que facer un cambio tamén de proxecto político”. Ao seu ver, o partido debe aspirar a un “proxecto con vocación maioritaria”. “Non podemos estar soamente tratando de ocupar a esquerda, soamente ocupar o centro, o noso ten que ser un proxecto maioritario”, dixo, para engadir logo que quere “un proxecto que colla todo o centro, toda a clase media, unha parte da esquerda”.
Caballero aposta polas primarias para elixir o novo secretario "ou secretaria xeral" e gaba a "enorme xenerosidade" de Díaz
Caballero, que se resistiu durante toda a entrevista a responder ás preguntas directas que se lle formulaban, eludiu dar a súa opinión persoal sobre se o PSOE debe facilitar a investidura de Rajoy, pero criticou o “non é non” do xa ex-secretario xeral Pedro Sánchez. O alcalde vigués mesmo culpou a esa postura do retroceso do PSdeG nas recentes eleccións autonómicas. “Aquí fixem..., fixeron!, fixemos, o partido socialista, unha campaña que se trataba do non é non”, asegurou, en referencia á de Xoaquín Fernández Leiceaga, do que Caballero dixera que non era o seu candidato. O alcalde vigués lembrou os seus propios resultados en Vigo nas municipais, cando superou o 51% do voto, e avogou por exportar o seu modelo político ao resto do Estado. “O non é non fíxose en Galicia e Feijóo sacou maioría absoluta”, dixo, en referencia ás recentes autonómicas nas que o PSdeG baixou en Vigo ata o 22% e ata o 18% no global de Galicia.
Preguntado sobre a elección do próximo secretario “ou secretaria xeral”, segundo matizou, Caballero asegurou que debe realizarse “por primarias, obrigadamente”. Para ese posto amosou a súa esperanza en que se presente a presidenta andaluza, Susana Díaz, da que dixo que “é unha líder imprescindible neste país, é unha gran líder” cunha “enorme xenerosidade”. “Creo que sería unha líder extraordinaria para España”, sentenciou o alcalde vigués.