Indignación das vítimas de Angrois pola “omisión” de documentos de Adif, que non aclara se avaliou a curva

A nova documentación insiste en que o maquinista era o único responsable de controlar a velocidade CC-BY-SA Praza Pública

Con bágoas de impotencia recibiron este luns as vítimas do accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas, a admisión por parte de ADIF de que durante tres anos omitira “por erro” a entrega ao xulgado de documentación “relevante” para a investigación, segundo as súas propias verbas. Logo de reiteradas promesas de “transparencia” e “colaboración coa xustiza” dos máximos responsables de Fomento, Adif e Renfe, os afectados consideran que o agora ocorrido proba unha vez máis as súas denuncias de que o Goberno está a entorpecer a investigación. Polo pronto, este martes o xulgado vén de adiar ao 18 de outubro a declaración de dous peritos prevista para este mesmo mércores á espera de que poidan analizar os documentos agora coñecidos.

Os 300 folios que a empresa achega ao xulgado con tres anos de demora analizan riscos da liña de AVE no seu conxunto, pero non “a situación de perigo concretamente existente na curva”, como esixiu indagar a Audiencia ao reabrir o caso

Porén, á espera da valoración da mesma que poidan facer os peritos da causa, a documentación entregada agora por ADIF non parece tan “relevante” como a cualifica a súa avogada. Nos algo máis de 300 folios distribuídos este luns polo xulgado ao resto das partes, co escrito da avogada do Estado no que di que “se omitiron por erro” ata o de agora, destacan documentos relativos ás diversas análises de risco que se fixeron da liña de AVE Ourense-Santiago. A documentación agora entregada no xulgado é complementaria da que ADIF xa achegara hai tres anos e tanto nunha como noutra analízanse riscos xenéricos de toda a liña, pero en ningunha se fala en concreto do risco por exceso de velocidade existente na curva de Angrois, o punto máis perigoso. Ese é precisamente o elemento no que se baseou a Audiencia Provincial da Coruña para reabrir en maio a instrución da causa.

O xuíz e o fiscal da causa querían xulgar só ao maquinista como único responsable do accidente por despistarse logo de recibir unha chamada do interventor e non frear a tempo antes da curva de Angrois. Malia que alí, no punto máis perigoso, non existía ningún sistema automático que evitase ou paliase un posible erro humano, xuíz e fiscal, ao igual que Adif e Renfe, consideran que nada obrigaba a telo e que toda a responsabilidade de controlar a velocidade debía ser do maquinista. Porén, en maio a Audiencia ordenoulles investigar en concreto “se existiu e era normativa e tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco da liña que tivera en conta a situación de perigo concretamente existente na curva onde se produciu o accidente”.

A nova documentación insiste, como a xa entregada hai tres anos, en que o risco por calquera exceso de velocidade quedaba “exportado” ao maquinista

Na documentación agora entregada segue sen haber referencia algunha á “situación de perigo concretamente existente na curva”. O risco que se analiza nos novos informes é o dun exceso de velocidade en calquera punto xenérico da liña en caso de non estar activo o sistema de control constante da velocidade propio do AVE, o ERTMS que o director de seguridade de Adif desactivara un ano antes. Nesas circunstancias o sistema convencional de control puntual da velocidade, o ASFA, non podía frear o tren en calquera lugar, como non o fixo en Angrois. Nunha situación así, a nova documentación, como a xa entregada, limítase a reiterar que cando os trens “circulen ao amparo da sinalización lateral ou ASFA deben respectar o cadro de velocidades máximas da liña”, algo que corresponde facer ao condutor, polo que se considera iso un “risco exportado ao maquinista”.

O xulgado adía ao 18 de outubro a declaración de dous peritos prevista para este mércores para que poidan analizar os novos documentos.

Para aclarar, como pediu a Audiencia, como se realizou a análise de riscos, se estudou a “situación de perigo concretamente existente na curva”, se a normativa esixía facelo e se “exportou” de xeito adecuado eses riscos ao maquinista é para o que estaban citados este mércores no xulgado dous peritos. Os dous consideraron en informes previos que Adif non avaliara correctamente os riscos e este mércores tiñan que ratificalo verbalmente. Porén, a petición de varias das partes, este mesmo martes o xuíz decidiu adiar ao 18 de outubro a súa declaración á espera de que poidan estudar os 300 novos folios agora coñecidos.

Escrito entregado este luns no xulgado que investiga Angrois pola Avogacía do Estado en representación de Adif CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.