"A Tarxeta Xente Nova dáse a xente que non pode votar e din que é electoralista". O pasado 2 de setembro Alberto Núñez Feijóo celebraba en Lugo un acto con membros das Novas Xeracións do Partido Popular ás portas das campaña electoral do 25S. Naquel evento, no que o actual presidente en funcións presentou o PP como o partido da mocidade "inconformista" fronte ao "pensamento único" dunha esquerda á que, ao tempo, definiu como "caos" por estar representada por varios partidos, o líder conservador esforzouse en negar as acusacións de "electoralismo" que chovían sobre algunhas das medidas anunciadas pola Xunta nos derradeiros meses da lexislatura, caso do 'cheque bebé' ou do bono de viaxes de balde en autobuses metropolitanos. No caso do transporte, dixo, a acusación caía por si soa, toda vez que a poboación que a recibía non tiña idade para votar. Datos oficiais da propia Xunta din o contrario.
A Consellería de Infraestruturas fixo público a pasada fin de semana un balance dos primeiros meses de aplicación da 'Tarxeta Xente Nova', un cartón dirixido a infancia e mocidade que permite realizar de balde ata 60 viaxes mensuais en autobuses incluídos no Plan de Transporte Metropolitano. Se ben é certo que, segundo os datos da Consellería, a maior parte das persoas que a recibiron son menores de idade, non o é menos que un 13% das mesmas xa non eran e, polo tanto, si traspasaran o limiar que marca a lei para poder exercer o dereito ao voto.
"A tarxeta dáse a xente que non pode votar e din que é electoralista", afirmou Feijóo antes das eleccións
Sempre segundo a Consellería, a medida posta en marcha apenas dúas semanas antes do inicio da campaña electoral chega xa a 25.223 persoas. Delas, 3.396 tiñan 18 anos cumpridos e dúas, 19 anos cando esta iniciativa xa estaba en vigor. Daquela, cando menos algunhas delas si tiveron dereito ao voto nas recentes eleccións o Parlamento, ao contrario do afirmado por quen será reelixido presidente nos primeiros días de novembro.
A Xunta sinala no seu balance que o "obxectivo" do cartón é "facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos, como a sanidade ou a educación"
Alén desas persoas de 18 e 19 anos, o segundo grupo de idade máis numeroso foi o das rapazas e rapaces de 17 anos (4.221) e a continuación, de quen xa cumpriran 16 (3.186). As nenas e nenos menores de 10 anos cuxas familias os integraron no plan son uns 3.200, mentres que a poboación de 10 a 15 anos que fai uso deste cartón chega ás 10.557 persoas. En total, o número de persoas beneficiadas por estes descontos supón algo menos do 6% das algo máis de 429.000 persoas menores de 19 anos que residen en Galicia, segundo os datos máis recentes dos padróns municipais recompilados polo Instituto Galego de Estatística.
O Goberno galego, neste primeiro balance, presenta estas cifras como mostra do "obxectivo social" último da Tarxeta Xente Nova, isto é, "facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación", ademais de "fomentar o emprego do transporte público, formando as novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares". Alén do "electoralismo", as forzas políticas diferentes do PP, así como algúns gobernos municipais das cidades, criticaron esta tarxeta por equiparar a todas as familias na axuda, con independencia do seu nivel de renda.
Política Social insire contidos sobre "natalidade" na prensa
Alén de iniciativas como a Tarxeta Xente Nova, o 'cheque bebé' da chamada Tarxeta Benvida ou o controvertido agasallo para bebés acabados de nacer -que o Goberno galego equipara á "caixa finlandesa", o amplo paquete de axudas familiares dese país nórdico-, nos últimos meses a Consellería de Política Social destinou algo máis de 340.000 euros a inserir contidos nos medios de comunicación a respecto das súas iniciativas en materia de natalidade. Deles, case 320.000 foron achegas directas a ata 17 medios privados e un público.
A achega de Política Social para publicar contidos sobre "fomento da natalidade" supera os 320.000 euros
Baixo o título "accións divulgativas sobre o fomento da natalidade e a necesidade de incrementara s taxas de natalidade da Comunidade Autónoma" o departamento de José Manuel Rey Varela asinou o pasado 30 de xuño un total de 17 convenios con outras tantas empresas editoras de radio e televisión e pouco despois, o restante coa CRTVG. A distribución de cantidades foi publicada este luns no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento da Lei de Transparencia. No entanto, o detalle de cada acordo aínda non está dispoñible no Rexistro de Convenios da Xunta, tal e como establece a mesma lei.