Todos os trens Vigo-Porto contan desde este luns co sistema que puido evitar o accidente do Porriño

O tren descarrilado na estación do Porriño Dominio Público Marcos U. Pérez - Cedida

Todos os trens que prestan o servizo Celta entre Vigo e Porto contan desde este luns co sistema de seguridade ASFA dixital, máis avanzado que o ASFA analóxico que equipaba o tren que o pasado 9 de setembro descarrilou no Porriño por un exceso de velocidade morrendo catro persoas, entre elas o maquinista. A instalación do sistema máis avanzado, que puido evitar o accidente, foi decidida por Comboios de Portugal, segundo revela o xornal luso Público e confirmou a Praza.gal un maquinista.

Os convois que antes tiñan ASFA analóxico, como o sinistrado, xa equipan o dixital, que frea o tren aínda que o maquinista non o faga, segundo unha decisión de Comboios de Portugal adiantada polo diario luso Público

No accidente do Porriño o tren circulaba a 118 quilómetros por hora, a velocidade habitual ao paso pola vila, na que non fai parada. Porén, o día do accidente Adif decidiu comprobar o funcionamento dos desvíos da estación e orientou o tren cara unha vía secundaria pola que tiña que circular a un máximo de 30 quilómetros por hora. Segundo as comprobacións realizadas polos investigadores, os sinais previos indicáronlle ao maquinista ese desvío, pero por motivos aínda non aclarados o condutor non reduciu a velocidade e o tren descarrilou. A bordo do tren, o sistema ASFA (Anuncio de Sinais e Freado Automático) analóxico avisa ao maquinista do sinal existente na vía e este ten que pulsar un botón conforme é consciente desa orde ou do contrario o convoi detense. Porén, unha vez pulsado ese botón de recoñecemento do sinal, o ASFA analóxico non frea o tren se non o fai o maquinista, mentres que o ASFA dixital si adecúa a velocidade ao que indica o sinal aínda que non o faga o condutor.

Malia ser un proceso xa en marcha, só a metade dos trens que Renfe lle alugou a Comboios para prestar servizo na liña Vigo-Porto viran xa mellorado o sistema de seguridade antes do accidente

En todo o parque ferroviario español hai anos que se vén substituíndo paulatinamente o ASFA analóxico polo dixital. Porén, segundo relata Público e confirma un maquinista a este diario, só a metade dos trens que Renfe lle alugou a Comboios para prestar servizo na liña Vigo-Porto viran xa mellorado o sistema, distinto en todo caso do que funciona en Portugal. Logo do accidente do Porriño, a operadora portuguesa vén de incorporar, xusto un mes despois, o ASFA dixital ao total dos trens alugados a Renfe para realizar o servizo de xeito conxunto.

Bifurcacións que o tren tiña que tomar a menor velocidade por mor das obras no Porriño, xusto antes da ponte contra a que bateu Dominio Público Google Street View

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.