Unha batalla legal para que o Congreso dos Deputados poida chegar a debater a proposición de lei para transferir a Autoestrada do Atlántico a Galicia. Ou, o que é o mesmo, un cruzamento de informes xurídicos que pode acabar nos tribunais para que unha iniciativa avalada pola unanimidade do Parlamento de Galicia sexa xa non aprobada, senón sequera discutida, como corresponde, nas Cortes Xerais. Este é o destino máis probable da iniciativa despois de que o Goberno de España en funcións iniciase a súa manobra para, en previsión de que Mariano Rajoy estea ás portas dunha lexislatura en minoría parlamentaria, aplicar á tramitación de ata dez leis un veto que este martes abordou a Mesa da Cámara Baixa.
Aínda que non é a primeira ocasión en que o Executivo español apela ao artigo 134.6 da Constitución para frear unha proposición de lei co argumento de que implica incremento de gasto -xa o fixera o PSOE nas etapas de González e Zapatero- o máis novidoso desta circunstancia é que agora a Mesa, o órgano reitor do Congreso, non está controlada por unha maioría do partido no poder, neste caso o PP. Isto é o que fixo posible que este martes os grupos acordasen ignorar, xa de entrada, dous dos vetos: os que o gabinete de Mariano Rajoy tenta impoñer sobre senllas propostas socialistas, unha para paralizar a aplicación da LOMCE e outra, para mellorar as condicións laborais do persoal subcontratado. Esta decisión non garante, no entanto, que a tramitación das normas poida completarse. O Goberno en funcións avanza que recorrerá a decisión, polo que non é descartable que a última palabra acabe sendo dun tribunal.
A Mesa do Congreso pediu novos informes xurídicos sobre o veto gobernamental, polo que a lei galega fica momentaneamente en suspenso
A lei galega non está, polo momento, nese punto, senón que fica en suspenso. A Mesa decidiu, xunto ás outras seis iniciativas que completan o paquete de dez leis que os de Rajoy tenta paralizar, pedir informes aos servizos xurídicos das Cortes para analizar se, efectivamente, o veto ten ancoraxe xurídica dabondo. A respecto da proposta do Parlamento galego, como avanzou Praza.gal, algúns dos argumentos que ofrecen Moncloa e Fomento baten frontalmente coa realidade. Non en van, sustentan o boicot na hipótese de que a Xunta, no caso de recibir a transferencia, decidise rescatar a concesión da autoestrada -nacionalizala- o que implicaría, calculan, un impacto duns 4.000 millóns de euros, todo isto no ano 2016. Con independencia de que sexa pouco probable que o goberno de Alberto Núñez Feijóo decidise tal rescate, o certo é que resultaría materialmente imposible aprobar a lei e executar a transferencia nos pouco máis de dous meses que restan para acabar o ano.
En Marea mantén viva a súa proposta e esixe "rectificación"
"Non nos estraña que este desprezo chegue xusto despois das eleccións galegas"
Mentres nas Cortes se dirime a batalla legal comezan a sucederse as reaccións políticas ao veto entre os grupos diferentes ao PP a comezar polo propio Congreso. Dende alí a voceira de En Marea, Alexandra Fernández, advirte de que a formación manterá viva a súa propia iniciativa a prol da transferencia mentres considera un "desprezo" a Galicia o "xogo de trileiros" que, di, supón o informe para vetar a tramitación da lei. "Non nos estraña que isto chegue xusto despois das eleccións galegas", afirma Fernández en declaracións a Praza.gal, destacando ademais que "o argumento que utiliza" o informe gobernamental "non é certo". Emprega, evidencia, "un suposto" para "bloquear" sen sequera deixar lugar ao debate. Este, avanza a parlamentaria, é o "vieiro" que seguirán os conservadores "se o PSOE lles dá azos" coa súa abstención na investidura.
Nun sentido semellante se pronunciaba este martes o voceiro desta formación na Cámara galega, Luís Villares, quen ve clara a "mala fe" da actuación do Goberno de Rajoy, un "subterfuxio para evitar a votación" ante a evidencia de ter a maioría do Congreso na contra. "É unha decisión estritamente política" e non legal que, di, evidencia que os populares "prefiren renunciar a unha competencia que lle podería corresponder ao noso país e contribuiría eficazmente á xestión dunha infraestrutura estratéxica". "Reclamamos unha rectificación do PP", afirmou en rolda de prensa.
Pontón insta o resto de forzas a facer "fronte común"
A líder do BNG dirixiuse a Feijóo, Villares e Leiceaga para trazaren unha "estratexia conxunta". Se o líder do PP non acude "será cómplice da burla", di
O argumento económico tamén é cualificado como "falso" por parte da portavoz nacional e voceira do BNG no Parlamento, Ana Pontón, impulsora da iniciativa que na pasada lexislatura derivou na lei a prol da transferencia aprobada por unanimidade. O argumentario gobernamental é inválido porque os custes non son inmediatos e porque ademais, argumenta, hai escasas semanas o Goberno central deixou claro que está disposto a poñer sobre a mesa ata 8.000 millóns "para rescatar as autoestradas madrileñas", en referencia ás 'radiais' de Madrid que Fomento se dispón salvar da quebra con fondos que "compensan a á gran banca e ás grandes construtoras que despois financian ilegalmente ao PP".
Ante un veto que considera unha "aldraxe intolerable" a Galicia e o seu Parlamento a líder do Bloque avanza que xa se dirixiu por escrito aos líderes do resto de forzas políticas para definiren "unha estratexia" conxunta a prol do traspaso. A carta, di, dirixida a Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga "e tamén ao señor Núñez Feijóo" ten por obxectivo "que sentemos todas as forzas políticas e deseñemos unha estratexia para acadar a transferecia e acabar de vez coas peaxes abusivas. Se Feijóo non participa, admitirá que el é parte desta burla que nos quere tomar por parvos".