O presidente da Xunta pediu este xoves “desculpas”, que asumiu insuficientes, á muller que por culpa da actuación do Sergas, segundo vén de sentenciar un xulgado de Lugo, perdeu o útero e a posibilidade de ser nai biolóxica logo das demoras que sufriu para someterse a un aborto terapéutico. “Comprendo perfectamente a indignación e desazón desa persoa”, dixo Feijóo, quen asegurou que a Xunta buscará unha solución para que o maior número posible de abortos poidan realizarse en Galicia e evitar desprazamentos como o que tivo que realizar a afectada pola súa conta para que a interviran en Madrid.
O presidente di aspirar a que todas as interrupcións do embarazo se poidan realizar “con carácter xeral” en Galicia e evitar desprazamentos a Madrid como o que tivo que realizar a afectada pola súa conta
Feijóo comezou a súa intervención, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta deste xoves, pedindo as anteditas “desculpas” e matizando que a sentenza, que culpa ao Sergas, critica tamén a actuación dun hospital público e outro privado de Madrid aos que foi derivada sucesivamente a paciente desde o Hospital da Costa de Burela. O presidente defendeu o bo facer dos profesionais do Sergas máis alá de “un erro ou unha neglixencia concreta”. E indicou que a Xunta ten a obriga de tentar compaxinar dúas esixencias legais, tanto a do dereito ao aborto como a da obxección de conciencia dos médicos.
“Temos que dar cunha solución e buscar a fórmula para que [os abortos] se produzan nos hospitais de Galicia”, dixo Feijóo, “con carácter xeral”
Pero máis alá deses dous condicionantes de carácter persoal, Feijóo admitiu de xeito implícito que algo falla ou é mellorable no sistema organizativo do Sergas, e indicou vén de pedirlle ao seu conselleiro de Sanidade “buscar” unha “mellor atención” ás pacientes. “Temos que dar cunha solución e buscar a fórmula para que [os abortos] se produzan nos hospitais de Galicia”, dixo, “con carácter xeral”. Segundo matizou, as derivacións de pacientes fóra da comunidade só se deberían producir en caso de que non exista en Galicia capacidade técnica de realizar a intervención en cuestión.
Feijóo insinuou tamén, sen precisar quen, que se estaría facendo un uso político do caso ao supostamente tentar vencellalo con cuestións ideolóxicas máis alá do mal funcionamento dos servizos sanitarios.