O PSOE aproba unha abstención sen condicións na investidura de Rajoy

Xuntanza do Comité Federal do PSOE, este domingo en Madrid CC-BY-SA PSOE

O PSOE permitirá a Mariano Rajoy seguir na Moncloa. Así o decidiu o Comité Federal nunha votación. Gaña a tese da abstención sen condicións fronte a quen defendían permanecer no non, mesmo cando esa opción obrigase a terceiras eleccións. O resultado da votación foi de 139 a favor da abstención fronte a 96 en contra.

A proposta aprobada polo Comité Federal obriga inicialmente a todo o grupo parlamentario socialista. A autora da resolución vencedora, Elena Valenciano, explicouno nunha conversa informal con xornalistas: "A resolución é clara. Cando o PSOE toma unha decisión é de todo o grupo parlamentario e o texto fala do grupo parlamentario".

A resolución gañadora non estipula condicións concretas para a abstención na investidura de Rajoy

O PSC, con todo, xa anunciou a súa intención de non acatar a decisión que este domingo se tomou en Ferraz. O acordo para facilitar un Goberno do PP ameaza con romper a relación histórica que fixo parecer un mesmo partido ao PSOE e á súa marca catalá. Fontes da dirección queren aproveitar esta tensión para deixar todas as costuras atadas: "Temos un problema co PSC e se volvemos mirar cara a outro lado con ese problema, nunca quedará resolto", aseguran.

O primeiro secretario do PSC, Miquel Iceta, lembrou que "o problema para o PSOE non é o PSC, é Rajoy". Así, pediu comprensión aos dirixentes que consideran que unha ruptura da disciplina de voto por parte dos deputados cataláns fará "reformularse" as relacións entre ambas as organizacións. "A cuestión é se o socialismo español é capaz de recoñecer que hai un elemento diferencial crucial neste tema [a investidura de Rajoy] cando se aborda desde Catalunya", explicou Iceta.

A proposta aprobada obriga inicialmente a todo o grupo, pero o PSC xa anunciou a súa intención de non acatala

O Comité Federal deste domingo comezou pasadas as 10 da mañá coa elección dunha nova mesa -o órgano que dirixe os debates-. O presidente foi José Blanco e Carmen Madrid e Mariola López. Tras a designación dos novos membros, Valenciano defendeu a súa proposta. O socialista vasco Txarli Prieto presentou unha alternativa, que expuña manter o rexeitamento a Mariano Rajoy.

A partir dese momento, comezou o debate cun total de 54 intervencións. Houbo máis dos partidarios do non que da abstención, pero a votación, como estaba previsto, tivo o resultado contrario.

Dos presidentes autonómicos que se decantaron pola abstención, só interviñeron Susana Díaz e Guillermo Fernández Vara. Fontes próximas aos líderes autonómicos explicaron que preferiron non intervir dada a "pluralidade" dentro das federacións que presiden e que outros dirixentes, como Ciprià Císcar no caso valenciano ou Víctor Morlán, no aragonés, transmitiron a postura das direccións territoriais.

Caballero: "Pasei a maior parte da miña vida en ditadura e perseguido, que ninguén me acuse de non ser de esquerdas"

No seu discurso, a presidenta andaluza evitou pronunciar a palabra abstención e apelou á unidade dos socialistas. "Necesitamos vitoria e unidade", expresou Díaz, que tamén desexou que nos próximos comités federais poidan celebrar triunfos electorais. O presidente estremeño admitiu que ten "dúbidas" sobre a abstención, pero considerou que é a mellor opción para o futuro.

Dirixentes como Eduardo Madina, Soraya Rodríguez ou José María Barreda defenderon tamén esa posición. "Non son un herexe", expresou Madina, que defendeu que os socialistas non poden ser "donos do bloqueo do sistema". "Pasei a maior parte da miña vida en ditadura e perseguido, que ninguén me acuse de non ser de esquerdas", expresou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. "Non queremos entregar o goberno a Rajoy para beneficiar ao PP senón para evitar un mal maior", expresou o expresidente de Castilla-La Mancha.

Máis voces en contra

Francina Armengol foi a única presidenta autonómica que defendeu manter o "non por coherencia". "A abstención nos desdebuxa como alternativa", defendeu a líder balear. A maioría de baróns que non gobernan apostaron por manter o non, aínda que moitas das súas federacións non secundaron ese posicionamento e votaron a favor da abstención.

As intervencións favorables de manter o "non é non" foron máis numerosas durante a reunión, que se prolongou algo máis de catro horas. O ex-secretario de Organización, César Luena, asegurou que o PSOE se vai a "manchar" con esta decisión. Patxi López expresou que ante a disxuntiva de "o malo e o peor" deben primar "as conviccións". "A abstención fainos perder dignidade", dixo a secretaria xeral do PSOE en Madrid, Sara Hernández.

A decisión chega a tempo para que o candidato do PP tente unha nova investidura nos límites do prazo legal. Rajoy precisa cando menos 11 abstencións dos socialistas

Para chegar até este punto, o PSOE pasou polos momentos máis convulsos da súa historia recente. Hai tres semanas a formación deixaba caer ao seu líder, Pedro Sánchez, abrindo a porta á abstención que agora se confirma como política de curto prazo.

A decisión chega a tempo para que o candidato do PP tente unha nova investidura, nos límites do prazo legal marcado para iso. Rajoy necesita que, polo menos, 11 deputados socialistas se absteñan para renovar na presidencia nunha votación inicialmente prevista para o vindeiro domingo.

José Blanco presidiu a sesión do Comité do PSOE © PSOE

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.