0 Gardados para despois

Sen fronte común no Parlamento contra o veto ao traspaso da AP-9, que todos os grupos defenden

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No "que" non existe discrepancia. Todos os grupos con representación no Parlamento galego defenden o traspaso á Xunta das competencias sobre a Autoestrada do Atlántico. Así o concretaron a pasada primavera nunha proposición de lei a partir dunha iniciativa do BNG e así o manifestaron con claridade nos programas electorais cos que concorreron ás eleccións do 25 de setembro. No entanto, as manobras do gabinete de Mariano Rajoy, aínda en funcións, para torpedear o derradeiro trámite da proposta galega, a aprobación o Congreso, velen de rachar a unidade de acción cando menos nas formas. Así, cando menos de momento, non haberá "fronte común" para defender a posición do lexislativo galego.

Despois de que saíse á luz o informe co que Moncloa e Fomento tentan paralizar a lei -a súa cerna é o suposto impacto nos orzamentos dun eventual rescate da autoestrada, baseada nun cálculo erróneo, como informou Praza.gal- as forzas parlamentarias galegas reiteraron a súa aposta polo traspaso e a líder do BNG, Ana Pontón, dirixiuse por carta aos seus homólogos de PP, En Marea e PSdeG para convidalos a tecer nunha xuntanza a devandita "fronte común". Tratábase, sinalaba Pontón, de "facer valer" o dereito do Parlamento de Galicia a que a súa iniciativa sexa debatida -e, previsiblemente, aprobada, dada a correlación de forzas no Congreso-.

Leiceaga declinou acudir ao encontro porque ve preferible que sexa a Mesa do Parlamento a que impulse a reclamación, evitando así "a dialéctica goberno-oposición" neste asunto

Nun primeiro momento semellou que o chamamento ía ter éxito, cando menos pola banda da oposición. Así, fontes parlamentarias consultadas por este diario confirmaron a asistencia á xuntanza, este martes pola mañá, de cando menos o voceiro de En Marea, Luís Villares, e mais do seu homólogo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, ademais da propia Pontón. Os receos, daquela, limitábanse ao PP, que se ben reiterou a súa defensa do traspaso non considerou oportuno defendelo deste xeito. Alberto Núñez Feijóo argumentou, ademais, que non era oportuno reactivar a demanda mentres os gobernos galego e central estean en funcións -o trámite parlamentario é independente desta circunstancia-.

No entanto, este luns mudou o guión. Nunha comparecencia ante os medios o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, matizou que a súa postura pasa pola necesidade de que os grupos parlamentarios insistan na súa "posición unánime", pero esa reiteración, di, debe chegar a través do Parlamento como institución. Cómpre, di, "evitar a dialéctica goberno-oposición" e fuxir "do conflito interno" en Galicia. É por iso que confirmou que non se suma á xuntanza da "fronte común" que xa non será tal, cando menos na forma inicialmente prevista. Ao tempo, o PSdeG rexistrou unha iniciativa para reclamar que sexa a Mesa do Parlamento para que, no nome do conxunto da Cámara galega, defenda que continúe a tramitación da lei do traspaso.

Luís Villares e Ana Pontón reúnense este martes para reclamar a transferencia, que o Goberno de Rajoy tenta vetar cun cálculo erróneo

Quen si acudirá á convocatoria lanzada polo Bloque é Luís Villares, voceiro de En Marea. Nos últimos días o voceiro deste grupo en materia de infraestruturas, Antón Sánchez, puxo acento no feito de que o veto do Goberno de Rajoy estea baseado "nun cálculo deliberadamente falseado, porque asimila o valor do rescate cos ingresos por peaxes", cando este cálculo debe ponderar dende o valor da conesión ata o lucro cesante. O Estado, apuntaba Sánchez, "asume un custo moi superior ao valor real" dun rescate que, por outra banda, evidencia, non sería inmediato en ningún caso. "Malamente pode vetarse polo goberno a tramitación dunha iniciativa por un motivo" que, en rigor, non existe, resumía.

Nesta liña, quen será anfitriona do encontro puña o foco este luns no perfil baixo do presidente da Xunta en funcións na defensa do rescate. Ao non acudir á Xuntanza, di Ana Pontón, Feijóo "comeza a lexislatura demostrando que será cómplice dos agravios ao noso país e demostra a súa incapacidade de defender os intereses de Galiza cando o necesita". Feijóo, ironiza a líder soberanista, cambia o "Galicia, Galicia, Galicia" da campaña por "PP, PP, submisión, submisión".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Villares e Pontón reclaman unidade para esixir o traspaso da AP-9 e o PP cre que "non é o momento" de abordalo

Estaba chamada a ser unha das imaxes políticas do inicio da lexislatura. E foino, pero con menos amplitude da agardada. O voceiro de En Marea, Luís Villares, respondeu este martes, como anunciara, ao convite da portavoz nacional e parlamentaria do BNG, Ana Pontón, e ambos mantiveron unha xuntanza para chamaren á "unidade" en torno á defensa da transferencia da AP-9 a Galicia, que o Goberno Rajoy tenta bloquear no Congreso a partir dun informe baseado en cálculos erróneos. As outras dúas forzas políticas ás que Pontón convidara, PP e PSdeG, non acudiron. Os socialistas, porque coidan que o escenario para formular a reclamación debe ser a Mesa do lexislativo galego. Os populares, porque coidan que "non é o mellor momento".

Mentres en Madrid se ultiman os detalles para a investidura de Mariano Rajoy grazas á abstención decidida polo Comité Federal do PSOE, as dúas auasencias deste martes permitíronlles a Villares e Pontón suxerir a posibilidade de que esta sexa unha repercursión do entendemento entre os dous grandes partidos estatais. "Queremos pensar que a gran  coalición que vai seguida da gran abstención non se vai instalar de forma xeralizada no PSOE", di Villares. "Agardo -sinala Pontón- que esta non sexa a tónica desta lexislatura" nin "o primeiro paso para implantar en Galiza a coalición que se fragua a nivel de Estado". 

Pontón: "Agardo que non sexa o primeiro paso para implantar en Galiza a coalición que se fragua no Estado"

Malia a non asistiren PP e PSdeG a líder nacionalista sinala que a oferta de "fronte común" de todos os grupos segue vixente, toda vez que o obxectivo é defender a tramitación dunha lei, a do traspaso, aprobada por unanimidade no Parlamento galego hai poucos meses. Se o problema é a forma do encontro, di, a solución é que sexa o presidente da Xunta quen convoque "en San Caetano, en Monte Pío" ou onde considere conveniente. Trátase, di, de fixar postura "antes de que a Mesa do Congreso tome a decisión definitiva".

 Villares: "Defendemos un acordo desta Cámara que o Goberno nega con hipóteses erróneas"

"Tratamos de defender o que foi un acordo desta Cámara", di Villares, quen ademais advirte dos "erros" en que se basea o intento de veto, a comezar por que "o rescate non se ten que producir de xeito automático". "Ademais -evidencia- o cálculo ofrecido polo Goberno central para negar a tramitación é contrario á lei de contratos, porque está formulado sobre hipóteses erróneas -calcula o rescate a partir dunha mera multiplicación de ingresos por peaxes- e colócanos nun agravio comparativo a respecto doutras nacións do Estado".

O PP ve a xuntanza "extemporánea" e defende que leva anos defendendo o traspaso "con seriedade e rigor"

A xuntanza dos líderes de En Marea e BNG foi respondida dende o PP a través dun comunicado. Os conservadores consideran que "a reunión mantida entre A Marea e BNG é totalmente extemporánea" porque a tramitación da lei "non está paralizada ata que a Mesa do Congreso adopte a decisión definitiva" e ademais, "non é o mellor momento para abordar co Goberno central a transferencia" porque estar en funcións. No entanto, a implicación do Goberno central prodúcese precisamente a iniciativa do propio gabinete de Rajoy, toda vez que a transferencia non habería que negociala ata que a lei fose aprobada, dentro de, cando menos, varios meses.

"Avogamos por manter a unidade" e "afastar intereses particulares das formacións políticas", din os conservadores, quen no mesm comunicado defenden que o seu partido leva "defendendo de forma seria e con rigor esta transferencia, tanto no Parlamento como dende o Goberno galego dende o ano 2009. Así o fixeron, din, nas alegacións ao plan de infraestruturas 2012-2014 e á lei de estradas. Na tramitación desa norma sobre a rede viaria o BNG presentara unha emenda para permitir o traspaso e os votos do grupo do PP no Congreso tombárana.