O PP bloquea agora tamén no Parlamento de Galicia a transferencia da AP-9

Primeira xuntanza da Mesa do Parlamento da X Lexislatura © Parlamento de Galicia

Os populares rexeitan pedir explicacións ao Congreso pola paralización da proposición de lei argumentando que este aínda non lles informou de xeito oficial dunha actuación que xa publicaron medios de todo o Estado

O Parlamento de Galicia pide por unanimidade ao Congreso que aprobe unha lei para transferir a AP-9 á Xunta, medios de todo o Estado fanse eco de que o Goberno de Rajoy bloquea a súa tramitación e a doutra decena de iniciativas e a Mesa da Cámara galega argumenta que aínda non foi informada dese bloqueo por vías oficiais para negarse a emitir un pronunciamento de respaldo da súa propia iniciativa.

Logo do bloqueo polo Goberno da tramitación da proposición de lei remitida de xeito unánime polo Parlamento de Galicia ao Congreso, este xoves o PSdeG reclamou na Mesa da Cámara galega que esta pedise explicacións e insistise na necesidade de que a norma prosiga o seu debate. Malia apoiar a proposición de lei, o PP aplicou a súa maioría na Mesa e negouse a asumir a postura do PSdeG, apoiada tamén pola representante de En Marea. O argumento dos populares é que o Congreso aínda non informou de xeito oficial ao Parlamento de Galicia desa paralización.

O BNG pediu unha fronte común de partidos, o PSdeG reclamou que fose a Mesa do Parlamento quen levase a iniciativa, En Marea sumouse a ambas medidas e o PP rexeitou as dúas e opta por agardar

A proposta do PSdeG na Mesa viña precedida dun intento do BNG, que non está presente nese órgano de goberno da Cámara, por conformar unha fronte común dos catro partidos que aprobaron a proposición de lei no Parlamento de Galicia. En Marea sumouse a ambas as dúas iniciativas mentres que o PP rexeitou as dúas. Ademais do argumento formalista ofrecido este xoves polos populares na Mesa do Parlamento, o propio Feijóo defendeu que co Goberno de España en funcións non era o momento de negociar a cuestión pero asegurou que seguirá a defender a transferencia da AP-9 máis adiante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.