Noia pagoulle á empresa do secretario xeral de NNXX o triplo do facturado o ano anterior polo mesmo servizo

Ramón Santos, concelleiro de Mocidade en Noia e Presidente provincial de Novas Xeracións da Coruña © PP de Noia

Hai dúas semanas a Marea de Noia denunciou que Ramón Santos, edil de Mocidade no Concello e presidente de Novas Xeracións na provincia da Coruña, outorgara un contrato a dedo por valor de 5.445 euros para a realización dun campamento de verán á empresa Tragaluz Ocio, propiedade do secretario xeral da organización xuvenil do PP, Jose Devesa.

A Marea reitera agora a súa denuncia, incidindo en que ademais de constituír unha actuación falta de "ética", esta adxudicación "tampouco é froito dunha boa xestión", salientando que o ano anterior unha empresa local cobrara 1.800 euros polo mesmo servizo que a empresa Tragaluz, "é dicir, tres veces máis barato que a adxudicación que realizou o concelleiro do Partido Popular ao seu compañeiro de filas".

A Marea salienta que o ano anterior unha empresa local cobrara 1.800 euros polo mesmo servizo que a empresa Tragaluz, "é dicir, tres veces máis barato que a adxudicación que realizou o concelleiro do Partido Popular ao seu compañeiro de filas"

Engaden que Ramón Santos tiña previsto adxudicar outro contrato de 5.500 euros a Tragaluz para a organización dun campamento para maiores, sumando un total de 11 mil euros. Porén, “froito da mala organización do campamento de verán tivo que suspenderse o campamento previsto para os maiores porque se deron de baixa varios usuarios".

No pleno municipal celebrado o pasado martes, a Marea realizou unha pregunta sobre este asunto. "Pese a tentar evitar as preguntas, o concelleiro Ramón Santos tivo que responder, confirmando que pese a existir en Noia varias empresas adicadas ao ocio e ao tempo libre non se solicitou orzamento a ningunha delas", indican.

A Marea conclúe que “non se pode permitir este tipo de actuacións" e subliñan que "é avergoñante vernos na obriga de denunciar este tipo de comportamentos de contratacións a dedo para beneficio de amigos nos tempos que corren", engadindo que "esperamos que o Concello de Noia adxudique os servizos dende a ética e para o beneficio da cidadanía e non para o seu interese propio”.

 

Ramón Santos, concelleiro de Mocidade en Noia e Presidente provincial de Novas Xeracións da Coruña © PP de Noia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.