O PSOE pide tempo antes de decidir a sanción dos deputados díscolos, entre eles a ourensá Rocío de Frutos

Os seis deputados galegos do PSOE CC-BY-SA Praza Pública

A xestora gábase de que 9 dos 15 que romperon a disciplina de voto son do PSC ou independentes, non do PSOE

“Ao fin o resultado estivo dentro das previsións que tiñamos”. Quen así se pronuncia sobre os 15 deputados socialistas que este sábado votaron contra a investidura de Mariano Rajoy rompendo a disciplina de voto é o portavoz da xestora, Mario Jiménez. O tamén responsable de Organización dese órgano evitou concretar se os díscolos serán sancionados e como e pediu analizalo “con toda tranquilidade”.

Os seis deputados galegos do PSOE  

Dos seis deputados galegos, De Frutos votou contra Rajoy malia si ser militante socialista mentres que a viguesa Dolores Galovart é independente pero abstívose

Jiménez gabouse de que só son “seis militantes socialistas” os que “romperon a disciplina de voto” xa que os outros nove son independentes que se presentaron nas listas socialistas ou militantes do PSC “sobre os que o PSOE non ten, digamos, xurisdición”, matizou. No caso dos seis deputados galegos, a ourensá Rocío De Frutos votou contra Rajoy malia si ser militante do PSOE mentres que a viguesa Dolores Galovart é independente pero abstívose. Os outros catro deputados son todos eles militantes socialistas e os catro abstivéronse, empezando pola responsable da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, malia amosar publicamente o seu respaldo a Pedro Sánchez. Con ela tamén se abstiveron o deputado coruñés Ricardo García Mira, a lucense Margarita Pérez Herráiz e o pontevedrés Guillermo Meijón.

Agora a xestora terá que certificar que votou cada un dos deputados socialistas e “a partir dese momento, con toda tranquilidade, con sosego e pensando no mellor para a organización e para o traballo que ten que facer a partir de agora o grupo parlamentario socialista, a dirección do partido tomará as súas decisións”, concluíu o portavoz da xestora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.