O PSdeG agarda un congreso sen data recruando a súa división interna

Leiceaga, Sánchez e Caballero, nun mitin en Vigo © PSdeG

A liorta socialista recrúa no Estado pero tamén en Galicia. As "dúas faccións" evidentes na formación galega xa non só non se agochan senón que se explicitan e se retan abertamente. Se este luns foi Abel Caballero o que reclamaba xa "un cambio de rumbo" e volvía avogar pola dimisión da xestora para impulsar outra, a presidenta da dirección provisional reclamou primarias e un congreso o máis axiña posible. 

Cancela reclama un congreso e primarias axiña mentres Caballero avoga por substituír a xestora por outra dirección provisional

"Estamos nun proceso de contraposicións de dúas faccións do partido que o que queren é gañar. Para resolver isto, máis que estar nos medios dicíndonos cousas, o mellor é convocar primarias e un congreso", respondeu Pilar Cancela na Radio Galega ás declaracións do día anterior de Caballero na SER. "Quen queira presentarse que se presente e que defina o seu proxecto político para que a militancia decida", insistiu a presidenta da xestora, que recoñece unha "fractura evidente que non hai que agochar senón explicitar".

"Quen queira presentarse que se presente e que defina o seu proxecto político para que a militancia decida", pide Cancela

"A xestora xa non representa a ninguén, non ten representatividade, tería que dimitir e rapidamente crear outra xestora para facer un proxecto distinto", dixera o alcalde de Vigo, que cargou con dureza contra Cancela. "Tería que ter dimitido hai moito tempo porque xa non ten o sostén que tiña; esta xestora rachou un proxecto de unidade que estabamos facendo e que encabezaba eu", aclarou, dedicando duras palabras tamén a Pedro Sánchez e a Xoaquín Fernández Leiceaga e advertindo de que a actual dirección do PSdeG leva o partido "á desaparición". 

Desde a outra banda, Cancela advirte que nas primarias galegas -nas que Leiceaga foi elixido candidato á Xunta pola militancia- "resultou unha parte gañadora". A outra, "desde o minuto cero non asimilou a vitoria, algo evidente e incongruente" coas actuais actitudes, segundo a dirixente socialista. 

As enormes diferenzas entre os que se sitúan arredor de Caballero -e de moitos outros- e os que apoian a xestora explicítanse agora na que debera ser a data do vindeiro congreso nacional do PSdeG e as primarias. O alcalde de Vigo, tal e como advertiran fontes da dirección antes, intenta adialo o máximo posible e impoñer outra xestora con dirixentes afíns, sendo a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, unha das sinaladas. "Pois vaia renovación", aseguraban esas mesmas fontes. 

Caballero intenta impulsar unha nova xestora e son varias as voces que no PSdeG sinalan a Carmela Silva como a futura presidenta

Caballero deixouno claro: quere unha nova xestora e, malia non querer dar nomes, el estará implicado. "Cometería un erro se dese algún nome, pero sen ningunha dúbida estamos dispostos a apoiar, a arrimar o hombreiro con toda Galicia ao lado", dixo. Cancela tamén o ten claro. "Abel Caballero posiblemente teña un protagonismo fundamental no proceso, igual con outra persoa, pero estará dalgún xeito. Hai múltiples posibilidades". Carmela Silva? "Podería ser". 

"Non tería sentido substituír un órgano provisional como a xestora por outra xestora", advirte Cancela, que lembra que Besteiro, logo de dimitir, "fixo unha rolda de contactos para que todos os sectores do PSdeG formasen parte da dirección e moitos non quixeron participar". "Non é coherente que non quixeran daquela e agora queiran formar outra", insiste ao visualizar unha evidente guerra polo poder. 

"Non tería sentido substituír un órgano provisional como a xestora por outra xestora"

Mentres a xestora federal intenta adiar sine die o congreso federal, a do PSdeG pide que sexa axiña. "De ser puristas, primeiro procedería un congreso federal e logo un galego, pero se alguén corre présa é o de Galicia e eu anteporíao ao estatal", explicou. Mentres, Caballero cre que "non hai présa pero tampouco hai pausa". "Facer un congreso para repetir os erros do pasado, para que vale? Non podemos estar satisfeitos con que en Galicia sacquemos o 17% dos votos ou en Epaña 85 deputados", asegurou. 

O alcalde de Vigo foi máis alá e volveu culpar da vitoria de Feijóo nas últimas eleccións. "O 'no es no' é o que pasou en Galicia, ao coller un proxecto estupende de unificación pol´tiica que unha decisión de Pedro Sánchez, a xestora e Leiceaga transformaron nun movemento de ruptura dentro do partido: o resultado foi a maioría absoluta do PP e o PSOE o peor resultado da súa historia", engadiu.

Todo, mentres son moitas as voces socialistas que lembran a apatía e indiferenza de Caballero na campaña ou mesmo aqueles que o acusan a el e a outros antigos dirixentes de ser "o inimigo dentro" da formación.  A convulsa elaboración das listas foi o detonante dunha batalla que xa non se disimula. 

Ao tempo, na entrevista na Radio Galega, Pilar Cancela recoñeceu que a sesión de investidura do pasado sábado e a abstención a prol de Rajoy "foi un dos peores días" da súa vida política. E recoñece que estivo "a piques" de deixar o escano, tal e como fixo Pedro Sánchez. "Dei marcha atrás porque non representaba un proxecto persoal senón colectivo; mediteino ata dous ou tres días antes", lembrou a presidenta da xestora do PSdeG, que criticou con dureza a posición de moitos baróns. 

Xa por último, Cancela recoñeceu que o PSdeG e o PSOE pasan por "un dos momentos máis difíciles dos últimos anos". "Cuestionámonos o noso posicionamento político e temos que recuperarnos desta situación delirante", rematou, antes de apostar pola volta de Besteiro. "Debería volver e espero que o faga". 

Pilar Cancela, na entrevista na Radio Galega Dominio Público @GxDRadioGalega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.