Seis caras novas para un goberno de equilibrios internos e sen concesión a cota ningunha do PP galego. Mariano Rajoy deu este xoves a coñecer os membros do seu novo Goberno mediante un comunicado na páxina web de La Moncloa. O reelixido presidente do Goberno de España decidiu non variar a estrutura do Executivo dividíndoo en novas vicepresidencias, polo que Soraya Sáenz de Santamaría segue sendo a única vicepresidenta. María Dolores de Cospedal, secretaria xeral do PP, recibe a carteira de Defensa, en substitución de Pedro Morenés. Desta forma, a súa área é independente do poder da vicepresidenta e só renderá contas ante o presidente. En total, o novo gabinete divídese en 13 ministerios.
Case cinco anos despois de anunciar o seu primeiro Executivo lendo unha lista ante os xornalistas e negándose a contestar preguntas, Rajoy optou desta volta por non comparecer aínda que parte da prensa acudira ao complexo gobernamental en Madrid por mor da pouca información sobre como se produciría o anuncio. Este venres todos reuniranse no primeiro Consello de Ministros tras xurar ou prometer os seus cargos. Despois da súa primeira reunión de Goberno, producirase o intercambio de carteiras.
O novo gabinete non concede cota ningunha ao PP galego
Como se esperaba, a maioría dos máis veteranos non repiten no cargo. Pedro Morenés, José Manuel García Margallo e Jorge Fernández Díaz quedaron fóra, aínda que Cristóbal Montoro seguirá á fronte de Facenda e de Función Pública. A área de Administracións Territoriais recae tamén en Sáenz de Santamaría nun ano no que será vital a relación co Govern da Generalitat e con todas as autonomíasm dado que se reformará o sistema de financiamento, caducado dende 2014. Seu será o traballo de entenderse coas diferentes comunidades autónomas, moi molestas con Montoro no últimos catro anos e agora gobernadas, na súa maioría, por formacións diferentes do PP.
Méndez de Vigo será o novo voceiro e a vicepresidenta asume a política territorial
Coa confirmación de que a vicepresidenta manterá o control do CNI, o servizo segredo, Sáenz de Santamaría segue gañando na repartición de poder con De Cospedal. O que si perdeu o número dous do Goberno é a portavocía, que recae en Méndez de Vigo. Desta forma, o ministro de Educación e Cultura será o encargado de explicar aos xornalistas as decisións do Consello de Ministros cada venres. O número de cargos con boa relación con Sáenz de Santamaría é alto xa que ao grupo dos alcumados como sorayos pertencen tanto Fátima Báñez, que recunca en Emprego, como Montoro e Álvaro Nadal, novo ministro de Enerxía.
Fernández Díaz sae do Goberno tras a súa polémica xestión e é substituído polo ex-alcalde de Sevilla
O ex-alcalde de Sevilla, Juan Ignacio Zoido, herda a carteira de Fernández Díaz, despois da súa polémica xestión. Outra das novas incorporacións é a catalá Dolors Montserrat, que se fai cargo da área de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. A incorporación máis descoñecida é a de Alfonso Dastis, novo titular de Exteriores e Cooperación. Diplomático de carreira, foi asesor de García Margallo e ocupou nos últimos anos postos de representación ante a Unión Europea. Tamén chega ao Consello o ata agora rexedor de Santander, Íñigo de la Serna, novo titular de Fomento, carteira ocupada en funcións nos últimos meses por Rafael Catalá, quen segue como ministro de Xustiza.