O pasado abril, ás portas da disolución das Cortes antes da repetición das eleccións xerais, o pleno do Congreso volvía rexeitar a constitución dunha comisión de investigación sobre as causas e responsabilidades do accidente do tren Alvia que supuxo a morte de 80 persoas o 24 de xullo de 2013 na parroquia compostelá de Angrois. A reclamación das vítimas, canalizada naquel pleno a través dunha iniciativa de En Marea, correu a mesma sorte que as formuladas na lexislatura anterior polo BNG e apoiada por outras forzas, como EU: os votos en contra do PP -e nesa ocasión, tamén do PSOE, que anteriormente se abstivera-, fixérona fracasar. No entanto, apenas tres meses despois o pleno do Concello de Santander apoiaba por unanimidade reclamar esa comisión ao "futuro" Goberno de España. Un dos edís que votaron a prol foi o alcalde, Íñigo de la Serna, novo ministro de Fomento, departamento no que se centraría esa investigación.
O contido daquel debate, que recuperou este venres a axencia Europa Press, está aínda dispoñible na videoteca do consistorio cántabro. Tal e como amosa a gravación que acompaña estas liñas, De la Serna foi, na súa condición de presidente do pleno, o encargado de ler un texto que fora impulsado, como noutros municipios, pola Plataforma Víctimas Alvia 04155. Neste caso a moción asumírona inicialmente o PSOE e mais os Grupo Regionalista, Ciudadanos, Ganemos Santander, IU e mais o edil non adscrito, e posteriormente asumiuna o grupo do PP, liderado por De la Serna.
De la Serna asumiu como alcalde de Santander unha moción para esixir a comisión de investigación ao Goberno do que agora forma parte
Así, no texto asumido polo novo ministro ofrécese "apoio expreso" á demanda de que, "á marxe das investigacións xudiciais", se abra "unha comisión de investigación parlamentaria" sobre o sucedido na curva da Grandeira. "É necesario dar o noso apoio", dicía a moción, xa que aínda que "non podemos reparar o dano inmenso", supuña "un acto de responsabilidade e compromiso" que "a través do consenso", todos os grupos avalasen a plataforma e, ademais, "solicitasen" que o "futuro Goberno" de España impulsase "a apertura dunha comisión de investigación en sede parlamentaria", ademais doutra investigación técnica realizada "por expertos independentes".
Unha petición "absurda" e "miserable" para a cúpula do PP
A posición defendida por Íñigo de la Serna como alcalde de Santander contrasta tanto coa de quen era ministra de Fomento no momento do accidente, Ana Pastor, como coa de quen asumiu a carteira nos últimos meses, Rafael Catalá, actual titular de Xustiza e secretario de Estado de Infraestruturas cando sucedeu o sinistro. Ambos opuxéronse abertamente a apertura dunha investigación política e deron por boas as indagacións técnicas da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que segundo constatou a Axencia Ferroviaria Europea non foron "independentes" -a entidade comunitaria coida que agora este órgano si goza de independencia, tras asumir mudanzas fixadas dende a propia UE-.
A petición de abrir a investigación foi tombada en numerosas ocasións tanto no Parlamento galego como no Congreso
A negativa a investigar reproduciuse en reiteradas ocasións tanto no Parlamento galego -ante iniciativas do BNG e de AGE-, onde o PP permaneceu no "non" e o PSdeG se mantivo na abstención, como nas diversas votacións nas Cortes Xerais. O último intento no Congreso, a devandita iniciativa de En Marea, foi retrucada con dureza polo voceiro do PP, Rafael Hernando, que considerou unha petición "miserable" e "absurda" a esixencia de investigar o acontecido no accidente sucedido na parroquia compostelá, á que se referiu reiteradamente como Angruás.
No propio debate en pleno o encargado de rexeitar a iniciativa foi o deputado Andrés Ayala, quen a cualificou de "demagóxica" ademais de considerar que atentaba contra a "separación de poderes", toda vez que a investigación xudicial segue en marcha -tivo que ser reaberta por orde da Audiencia Provincial da Coruña. Todo isto sucedía pouco antes de que quen dende agora encabeza o Ministerio de Fomento asumise como propia a necesidade de "esixir tamén responsabilidades políticas" sobre o "accidente ferroviario máis grave da historia da democracia española". "Un suceso tan grave non pode nin debe quedar no esquecemento, é necesario indagar nas causas e responsabilidades penais e políticos", dicía a moción votada por Íñigo de la Serna.