"Coa situación económica que está vivindo España e que estamos vivindo en Galicia" cómpre "substituír un acto multitudinario por un máis comedido e máis proporcional". No outono de 2012 Alberto Núñez Feijóo resumía deste xeito a súa decisión de suprimir a tradicional festa de celebración das tomas de posesión dos presidentes da Xunta na compostelá Praza do Obradoiro. A crise económica, explicaba, facía necesario ser "conscientes" e optar por un acto "íntimo" no que se aplicase a consabida "austeridade". Catro anos e outra vitoria electoral despois Feijóo disponse a ser investido por terceira vez e tamén a recuperar a festa de celebración que el mesmo protagonizou en 2009, igual que antes fixeran o socialista Emilio Pérez Touriño e, sobre todo, Manuel Fraga.
Segundo puido confirmar Praza.gal o equipo do agora presidente en funcións ultima os detalles para organizar un evento de celebración da súa toma de posesión na emblemática praza santiaguesa para o vindeiro día 12, xusto despois de asumir o cargo por terceira vez. As fontes consultadas por este diario confirman que o gabinete do líder popular ten xa previsto poder dispoñer do espazo do Obradoiro nesa xornada para organizar alí un evento festivo que irá moi alén do de 2012, cando Feijóo se limitou a pronunciar un discurso nunha sala do Parlamento. Será, daquela, máis semellante ao de hai sete anos, cando o PP deu en encher a praza de simpatizantes para aclamar a Feijóo .
O propio Feijóo presentara como unha "excepción" a supresión dunha festa que, viñera dicir, cabería recuperar cando a "situación económica" o permitise. Naquel momento, asegurara, o "sentir xeral da cidadanía" impedía realizalo. O líder popular dá, daquela, por superadas as estreiteces para retomar un acto que tornou en tradición durante as maiorías absolutas do fraguismo. O patrón da dereita española escenificou o seu desembarco na Xunta en febreiro de 1990 cunha comitiva dende o Pazo do Parlamento ata o Obradoiro, onde protagonizou unha entrada triunfal acompañado por 1.200 gaiteiros.
A gaiteirada foi aumentando nas celebracións das súas seguintes maiorías absolutas de 1993 e 1997 ata acadar a súa particular apoteose en 2001, cuns 5.000 gaiteiros a tocar. O paseo do vencedor polas rúas da capital galega foi impedido naquela ocasión por protestas de funcionarios e estudantes reprimidas con dureza polos antidisturbios. "Quen sementa ventos, recolle as consecuencias", sentenciara Fraga.
Feijóo apelou ao "sentir da cidadanía" pola "situación económica" para suprimir o acto en 2012
Catro anos despois, en 2005, o cambio político propiciado pola perda da maioría absoluta do PP deu lugar a unha mudanza neste acto, pero non á súa desaparición. O socialista Emilio Pérez Touriño celebrou a súa chegada á Presidencia do Goberno de coalición de PSdeG e BNG cun evento tamén no Obradoiro no que o número de gaiteiros pasou de 5.000 a só un, e o protagonismo musical recaeu na Real Filharmonía de Galicia. Nos anos seguintes os populares atacaron o socialista polo custo da festa, que incluíra a montaxe dun escenario e o despregamento de moquetas de cores na praza.
A celebración no Obradoiro tornou en tradición durante as maiorías absolutas de Fraga, que en 2001 chegou a xuntar 5.000 gaiteiros na súa festa
As eleccións de 2009 impediron que socialistas e nacionalistas recuncasen no poder. Regresou o PP encabezado por Feijóo, que tras unha dura campaña con constantes promesas de "austeridade" fixo tamén festa no Obradoiro. Arredor de 5.000 persoas encabezadas por Mariano Rajoy e cargos do PP como Esperanza Aguirre ateigaron a praza nun evento ao que volveu a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, símbolo da deputación de Baltar. Aquel acto deixara tamén para as hemerotecas a intensa aperta do novo titular da Xunta co presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, que a esquerda lle reprochou a Feijóo durante anos en duros debates a respecto do sector eólico.